Denuncian a “indignante” situación que padecen os ingresados nos centros psiquiátricos do Sergas

O Movemento Galego da Saúde Mental critica as situacións que se viven no Centro Hospitalario de Rehabilitación Psiquiátrica de Calde e no Hospital Psiquiátrico de Conxo.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 30/11/2017 | Actualizada ás 13:17

Comparte esta noticia

Unha situación "dolorosa" e "indignante". Así cualifica o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) a "discriminación inxusta" que viven as persoas que necesitan coidado e tratamento en réxime residencial nas institucións hospitalarias psiquiátricas do Sergas.

Hospital psiquiátrico de Conxo, en Compostela
Hospital psiquiátrico de Conxo, en Compostela

A MGSM pon como exemplo o Centro Hospitalario de Rehabilitación Psiquiátrica de Calde (Hospital de Calde), integrado no Complexo Hospitalario de Lugo, onde "existen deficiencias nos espazos nos que as persoas ingresadas desenvolven as súas vidas, nas dotacións de mobiliario, nos servizos de mantemento, nas axudas protésicas, nas comidas, nos espazos exteriores, nas dotacións profesionais, nas comunicacións coa cidade". 

Estas "deficiencias son "de tal magnitude, que ningún centro sanitario podería recibir autorización de apertura pola Consellería de Sanidade se na inspección previa preceptiva se observasen as que alí se observan", engaden.

Os denunciantes recordan que "non é a primeira vez que é motivo de denuncia pública o que ocorre cos pacientes psiquiátricos no Hospital de Calde" e lamentan que "quen teñen a responsabilidade directa na súa dirección negan feitos que xa nin sequera se poden esconder ou, no mellor dos casos, maquillan a institución". Un exemplo disto, din, é "o torpe pintado da fachada dianteira do hospital ou dos espazos de acollida de visitantes mentres todo o demais se deixa como estaba, ou o agocho detrás dunha sorprendente acreditación de calidade para eludir a responsabilidade ante críticas á vulneración de dereitos das persoas".

O Hospital de Calde, subliñan, "sofre un abandono intolerable".

Á par, tamén denuncian que no Hospital Psiquiátrico de Conxo están retornando pacientes que foran “externalizados" entre os anos 2011-2013 e "reubicados noutro centro psiquiátrico de titularidade privada no marco dun convenio asinado co Sergas e dentro dun plan de redución da ocupación do hospital psiquiátrico público".

"Hoxe, aqueles acordos económicos, aceptables para as dúas partes (centro privado e Sergas) cando se intensificaba a crise financeira, xa non son rendibles. Entón, coma en calquera mercado inténtase fixar novo prezo. E non habendo acordo, devólvese aos 'externalizados' á súa orixe", advirten.

Para o MGSM, estas persoas están a ser tratadas como "mercadorías".

Nos dous casos, o de Calde e o de Conxo, "estamos a falar de persoas de recoñecida vulnerabilidade, moitas delas tuteladas publicamente , institucionalizadas e ante as que están incrementadas as obrigas de coidado e defensa activa dos seus dereitos tanto polos profesionais sanitarios como polas Institucións Públicas", comentan desde o o MGSM.

A plataforma non dubida en considerar todo isto un "maltrato, activo e pasivo", co que "se vulnera gravemente" os dereitos fundamentais destas persoas e que "conleva o incumprimento polo Sergas e a Xunta de Galicia das súas obrigas legais de protección dos mesmos".

O Movemento Galego da Saúde Mental xa fixo denuncia noutras ocasións de feitos similares e mesmo apelou, con "decepcionantes resultados", á Valedora do pobo. Nesta ocasión, de novo, inicia accións ante representantes e institucións públicas.

"Chamamos tamén a todos os profesionais sanitarios, sociais e xurídicos con responsabilidade na atención a persoas en situación comparable a que, en exercicio do seu deber e en cumprimento do seu dereito e obriga á autonomía no exercicio da súa profesión, defendan activamente a dignidade das persoas, os seus dereitos humanos e asistenciais, e o acceso equitativo das mesmas aos recursos sanitarios e sociais", conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta