Temas: XUSTIZA FOLGA

Sindicatos cifran nun 80% o seguimento na folga na Xustiza en Galicia e a Xunta redúceo ao 50%

Piden acabar coa "discriminación" fronte aos funcionarios do resto do Estado e unha suba do complemento autonómico transitorio

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/12/2017 | Actualizada ás 13:59

Comparte esta noticia

Os sindicatos convocantes da xornada de folga na Administración de Xustiza de Galicia deste venres cifran o seguimento medio nun 80%, mentres que a Xunta reduce o apoio ao 50,33%.

Protestas de traballadores da xustiza en Galicia
Protestas de traballadores da xustiza en Galicia | Fonte: Europa Press

A Vicepresidencia da Xunta sinalou que por provincias o seguimento da folga na Coruña foi do 46,86%; en Lugo, do 30,28%; en Ourense, do 54,38%; e en Pontevedra, do 59,63%. En todos os casos, "o cumprimento dos servizos mínimos decretados foi do 100%", confirmou o departamento autonómico con competencias en Xustiza.

Ademais, a Xunta incidiu en que "non hai constancia de incidencias de relevancia" e ratificou que "os servizos mínimos están a cumprirse na súa totalidade".

Pola súa banda, fontes sindicais sinalaron que a convocatoria realizada por SPJ USO, UXT, CIG, CSIF, CC.OO., STAJ e CUT en Galicia rexistrou un seguimento medio superior ao 80%. Por cidades, indicaron que Vigo tivo un 95% de apoio; A Coruña, un 90%; Pontevedra, un 90%; Santiago, un 80%; Ferrol, un 75%; Ourense, un 90%; e Lugo, un 65%.

Dentro da provincia de Pontevedra, fontes sindicais resaltaron que o seguimento foi en Cangas do 100%, en Lalín do 85%, na Estrada do 100%, en Vilagarcía do 90%, en Marín do 100%, no Porriño do 100%, en Caldas do 95%, en Tui do 90%, en Cambados do 98% e en Redondela do 90%.

En canto ás mobilizacións convocadas este venres, na Coruña un cento de funcionarios da Administración de Xustiza marcharon polas rúas da cidade herculina para protestar contra o que consideran a súa "discriminación laboral" en distintos aspectos salariais e sociais con respecto a funcionarios doutras comunidades autónomas.

Após unha pancarta unitaria coa lema 'Non á discriminación laboral da xustiza galega', os funcionarios partiron da antiga Audiencia Provincial da Coruña mentres coreaban consignas dirixidas cara ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda. Así, "Rueda escoita, xustiza en loita" ou "Rueda esperta, a guerra está aberta" foron algúns dos cánticos que coreaban na protesta.

Os sindicatos, que destacaron a suspensión de case todos os xuízos previstos para este venres, reclaman á Xunta medidas para acabar co que eles consideran "discriminación" fronte aos funcionarios de Xustiza doutros puntos do Estado, a pesar de que realizan o mesmo traballo.

Así mesmo, reivindican unha suba do complemento autonómico transitorio, posto que tivo un aumento xeneralizado en todas as comunidades. Ademais, denuncian que os descontos que sofren en caso de baixa laboral por enfermidade son maiores en Galicia que noutras comunidades.

VIGO E OUTRAS CIDADES

En Vigo, varios centos de traballadores concentráronse á entrada dos xulgados antes de iniciar unha manifestación que pasou por Praza de América, entre outros puntos, até regresar á sede xudicial.

Os traballadores cantaron consignas como "mesmo traballo, igual salario", "xustiza de calidade, non desigualdade" e "corpo estatal, igualdade salarial", para denunciar que "a Xunta fai oídos xordos ás reivindicacións dos traballadores e a cidadanía".

Así o trasladou o delegado sindical de SPJ USO Julio Bouza, que indicou que o seguimento foi dun 95% e o 70% dos órganos xudiciais están pechados e só funcionan o servizo mínimos.

Mentres, en Santiago concentrouse sobre un cento de traballadores ás portas dos xulgados de Fontiñas, onde cinco xulgados permaneceron pechados este venres, así como o servizo de atención ao cidadán, mentres que noutras unidades unicamente traballou o persoal de servizos mínimos.

En Ourense, segundo o portavoz do sindicato CSIF, José Antonio Sotelo, após o reconto mesa a mesa no novo edificio xudicial, apuntou que de 170 traballadores traballaron 23. Ademais, comentou que só han funcionando baixo mínimos o Xulgado do Penal número 2 --onde se celebra o xuízo sobre asistencias técnicas-- e algún outro con preso no Penal 1.

En Ferrol, pola súa banda, concentráronse algo máis de medio centenar de traballadores e cifraron o seguimento na zona no 75 por cento.

RESPECTO E DIGNIDADE

O representante dos sindicatos da xustiza en Santiago, Manuel Díaz, insistiu en que convocaron senllas xornadas de folga o 1 e 13 de decembro para reivindicar "respecto e dignidade" para os traballadores da Xustiza en Galicia.

Neste sentido, denunciou que "a Xunta leva moito tempo faltando ao respecto aos traballadores e non facendo caso de ningunha cousa que se lle pide". Así mesmo, os sindicatos criticaron a "conduta prepotente e arrogante" do conselleiro coas competencias de xustiza en Galicia, Alfonso Rueda, ao que reprochan que "en oito anos" non se reuniu con todas as centrais sindicais.

Segundo avanzaron fontes sindicais, previsiblemente na mañá do próximo 11 de decembro os sindicatos do sector da xustiza serán convocados a unha reunión na Xunta co director xeral de Xustiza.

Temas: XUSTIZA FOLGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta