“A sanidade pública na Área da Mariña está na UCI”

Centos de persoas participan nunha manifestación en defensa da sanidade pública nesta área sanitaria, que se pretende suprimir para ser integrada en Lugo.

Por Galicia Confidencial | Viveiro | 02/12/2017 | Actualizada ás 11:43

Comparte esta noticia

Centos de persoas participaron este venres nunha manifestación en Viveiro en defensa da Área Sanitaria da Mariña e da sanidade pública. O Anteproxecto de Lei polo que se modifica a Lei de Saúde de Galicia contempla a supresión desta área sanitaria, xunto coas do Barco, Monforte e O Salnés; "publicación feita con premeditación, aleivosía e escurantismo, en pleno mes de agosto, con moitos profesionais e veciñanza de vacacións, e sen diálogo previo", denunciaron os convocantes da manifestación.

Manifestación en  en Viveiro, na praza da Fontenova, en defensa da área sanitaria da Mariña.
Manifestación en en Viveiro, na praza da Fontenova, en defensa da área sanitaria da Mariña.

Na concentración deuse lectura ao manifesto 'Somos unha área', no que se denuncia que a reforma sanitaria en Galicia só procura "avanzar nas políticas de desmantelamento da sanidade pública, consolidando a liña de recortes, que tanto dano fixeron e están facendo o noso sistema de saúde, provocando un perda no numero de camas e servizos nos hospitais comarcais e afastando de este xeito a resolución dos problemas da cidadanía".

Os manifestantes denuncian, ademais, que a intención é "baleirar de contido os hospitais comarcais coa finalidade de concentrar os servizos sanitarios nos grandes hospitais", unha medida que, advirten, "supón unha gran barreira para o acceso da cidadanía a atención hospitalaria, especialmente a poboación rural e máis avellentada".

A modificación da Lei introduce "un perigoso cambio na maneira de xestionar e planificar os servizos sanitarios, un perverso cambio de modelo no que pasamos de basearnos «nas necesidades sanitarias e asistenciais da poboación» (Lei vixente) a ter só en conta os «recursos sanitarios existentes» (Lei modificada)", o cal supón un "ambio moi substancial", xa que "permite concentrar os recursos onde máis conveña ou estean xa instalados e que sexa a poboación a que teña que acudir a eles", manifestaron.

Para os convocantes da manifestación, tamén "consolida o abandono e relegación da Atención Primaria, a máis próxima e accesíbel para os cidadáns e doentes, que xa non recuperará as súas estruturas de planificación e xestión, o seu presuposto propio e os seus orzamentos, afondando nun deterioro da calidade asistencial xa imparable".

Na manifestación tamén se recordou que desde que a área da Mariña pasou a depender de Lugo en 2013 "sufriu unha parálise no seu crecemento cunha perda total da súa autonomía, identidade e desenvolvemento".

PERDA DE CALIDADE

Desde entón, denuncian que a calidade dos servizos sanitarios se foi deteriorando, de xeito que, por exemplo, denuncian "falta de persoal médico, de enfermería, administrativo, material e longas listas de espera". Tamén critican que "cando falta un pediatra non se cobre a súa ausencia, quedando un só profesional para atender ás nenas e nenos de Viveiro, Ourol e O Vicedo".

Ao mesmo tempo, tamén denunciaan que "cando falta un médico de familia ou unha enfermeira tampouco se cobre a súa ausencia o que da lugar a unha peor calidade asistencial e longas listas de espera para ir a consulta, a por receitas, ou a facer unha analítica".

Os concocantes tamén destacaron que con esta reforma "queren centralizar as intervencións cirúrxicas en Lugo" e aseguran que "moitos especialistas din que se os obrigan a ir a operar a Lugo pedirán traslado e marcharán da Mariña e ninguén quererá vir a traballar aquí nesas condicións". Tamén lamentan que "para implantar un marcapasos" ou "cambiarlle as pías" son derivados a Lugo, ou "para operar a un neno dunha fimose" son derivados á Coruña.

A lista de despropósitos continúa. Así, seguen detallando: "agora para operar unhas cataratas nos derivan a Lugo a centros privados e para operarnos dun xeonllo nos derivan a Lugo a centros privados". Ademais, "unha soa enfermeira queda toda a noite ao coidado de máis de 30 pacientes na pranta de cirurxía e só hai tres celadores polas noites para atender urxencias, quirófanos, UCI, partos, cambios de postura de pacientes encamados etc, e esta falla de celadores paraliza a actividade de persoal sanitario, que ten que esperar por un celador que non hai".

O manifesto tamén denuncia que "o servizo de oncoloxía non ten consulta de enfermeira para prestar educación sanitaria a pacientes e familiares como no resto de hospitais, o hospital de día de oncoloxía está en precario, sen oncólogos propios que se ven obrigados a vir á Mariña dende Lugo despois de facer unha garda e sen durmir e que no hospital non hai presenza de oncólogos e cando ingresa un paciente queda ao cargo dun internista, xa que os oncólogos non pertencen á Mariña".

Por se non fose suficiente, as condicións precarias nas que está quedando a área sanitaria da Mariña evidéncianse tamén no feito de que "para facer unha proba de esforzo de cardioloxía hai que agardar máis dun ano, o servizo de Anatomía Patolóxica atópase abandoado, sen persoal suficiente retrasando o diagnostico do cancro e de enfemidades moi graves, a ampliación do Hospital amplía espazos pero non servizos e no haberá máis quirófanos, nin máis plantas de hospitalización, nin amplían a UCI, non haberá novas especialidades, e o que realmente se amplía é a área de consultas".

Os manifestantes tamén recordan que levan "anos demandando a necesidade dunha resonancia magnética e de aparellos para realizar a densitometría ósea, electromiográmas, placas dentais" e aseguran que "non os queren traer xa que teñen un negocio montado coas privadas de Lugo".

Tamén denuncian que "o persoal do servizo de diálise elaborou un proxecto para implantar na comarca hemodiálises a domicilio", para o cal "precisaban atopar pacientes dispostos a inicialo", pero "logo de atopalos e presentar o proxecto, Lugo apoderouse da iniciativa e os pacientes da Mariña tiveron que pasar un mes en Lugo recibindo educación sanitaria".

Por último, tamén censuraron que as súas historias clínicas, cos datos confidenciais de saúde en formato papel, "están agora en mans privadas en Lugo a máis de 100 quilómetros".

Por todo isto, esixen a retirada do Proxecto de Reforma da Lei Galega de Saúde, que non se supriman as áreas sanitarias e que a da Mariña sexa unha área sanitaria integrada propia como a comarca de Ferrol.

Tamén piden a mellora na atención primaria e dotación de recursos económicos e humanos para mellorar a calidade asistencial.

"Empregando a linguaxe sanitaria, poderiamos afirmar que a sanidade na área da Mariña esta na UCI e cun prognostico reservado, e de levarse a cabo a supresión da Área Sanitaria, a gravidade desta paciente que é a Sanidade Pública da Mariña empeorará drasticamente, mentres non se cambien as políticas que está a aplicar quen goberna a nosa sanidade, e que afogan á cidadanía", conclúe o manifesto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta