Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/12/2017 | Actualizada ás 17:30
O eurodeputado e ex-ministro de Fomento, José Blanco, defendeu que non existiu "ningunha decisión política" para adiantar os prazos de chegada da AVE a Galicia, á vez que reiterou que a súa única responsabilidade coa alta velocidade foi "garantir que houbese o financiamento orzamentario para que as obras se puidesen executar".
"Se faltaban medidas de seguridade, iso aínda se terá que determinar, ou se algunha era insuficiente, iso non ten que ver cun tema temporal ou de precipitación", asegurou este domingo Blanco nunha entrevista concedida á Cadena Ser.
Así, en relación ao accidente ferroviario de Angrois que en 2013 custou a vida de 80 persoas e deixou máis dun cento de feridos, remarcou que as posibles carencias de seguridade non eran responsabilidade do departamento que dirixía na súa etapa no Goberno español.
"Terá que ver coa decisión dos que tomaron esas medidas en relación coa posta en servizo da infraestrutura. En todo caso isto non ten que ver con ningunha decisión precipitada en relación coa posta en servizo", aseverou.
CULPA A PASTOR DA SUBIDA DE PEAXES
Logo de que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, relacionase a súa xestión coa suba do 3 por cento dos prezos das peaxes da AP-9 anunciada por Audasa, Blanco asegurou que o xefe da Xunta debe "imputar" ese incremento das peaxes á súa sucesora á fronte de Fomento, a agora presidenta do Congreso, Ana Pastor.
Así, explicou que, cando asinou con Audasa as obras de mellora da AP-9, o compromiso do Goberno español foi que asumiría o custo das obras no caso de que a economía mellorase. Na súa falta, a concesionaria podería subir as peaxes, pero só nun 1 por cento, incidiu Blanco.
"Que reivindique Feijóo ese compromiso político para que o Estado asuma o custo das obras, pero en todo caso que lle impute á miña sucesora, ao señora Pastor, que a peaxe en lugar de subir o 1% suba o 3% que é o que nos espera se non se toman medidas ou decisións a partir do un de xaneiro do próximo ano", apuntou.
A continuación, volveu cargar contra o xefe o Executivo autonómico, ao que acusa de ser "un cordeiro sumiso" fronte ao Goberno de Rajoy mentres se comportaba como "un lobo feroz" cando a Moncloa era ocupada polos socialistas.
"Dá igual que se fale de infraestruturas, de financiamento autonómico, etc. É un sumiso entregado ao Partido Popular", remarcou Blanco sobre Feijóo, ao que acusa de ser "a peor peaxe que teñen que pagar os galegos". "E cada ano máis caro", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.