Ti non o entendes, Miguel, porque nunca quixeches a ninguén

O título collino de ‘Arrugas’, un filme que vin un destes días pasados. E volvín ao mundo dos maiores no que sempre me vin moi implicado. Repasei os meus anos pasados: Asilo de Piñeiros, 10 anos. Fogar de Ancianos-Centro de día de S. Paulo de Catabois. 10 anos. Enfermeiro, 28 anos. Por eles me diplomei en Enfermería Xeriátrica e Xerontoloxía social. Si. Quero volver ao baúl dos recordos, para logo ir cara adiante.

Por Xaquin Campo Freire | Ferrol | 08/12/2017

Comparte esta noticia
Un día sentei a carón de Casilda, unha anciá. Xa non tiña a ninguén. Finaran os fillos, o esposo e por suposto os devanceiros. Aquel Nadal fun comer con ela. Cheguei sen avisar. Sabía que estaba moi soa. Tiña “prendida” a radio como dicía ela: ... “y a mí llegan los dulces recuerdos del hogar bendito donde me crié. Y aquella viejita que tanto adoré. Mi madre del alma que no olvidaré”. 
 
Non agardou nada. Espetoume:  “Eu as Navidades borrarías do calendario”. 
Confeso que a expresión me produciu dor. E púxenme a matinar. E fun vendo as distintas caras do problema que coñezo de perto como xa dixen. 
 
Contoume polo miúdo e largamente as súas soidades. A memoria recente empezaba a fallarlle e repetíase. Pero necesitaba falar e ser escoitada. 
 
Porén, a súa traxectoria vital estaba tan clara na intelixencia emocional coma nos intres mesmos nos que aconteceron “os traballos e os días”. E repetiume que o Nadal para ela era triste. Moi triste. 
 
Lembrei a frase do filme “Arrugas”: “Ti isto non o entendes, Miguel, porque nunca quixeches a ninguén”. E sentinme interpelado persoalmente. Eu son Miguel.
E pensei nos vellos sós nas casas. E nos dos internados. Na familia moderna non é nada doado acoller na casa a un ancián tal como está a vida e a conciliación familiar. Non vou xulgar a ninguén.
 
Os antropólogos falan de cinco dimensións da persoa humana: física, intelectiva, emotiva-afectiva, relacional e espiritual. Se non se atende a cada unha delas minimamente non estará completa a atención á persoa e non será feliz. 
 
Abraham Maslow acláranos máis isto na tan coñecida pirámide de necesidades: 
Básicas ou fisiolóxicas: Son as únicas inherentes en toda persoa. Está na  base para a supervivencia do individuo. Respirar, alimentarse, hidratarse, vestirse, sexo, etc. De seguridade: Búscase crear e manter unha situación de orde e seguridade na vida. Unha seguridade física (saúde), económica (ingresos), necesidade de vivenda, etc. Sociais: Implican o sentimento de pertenza a un grupo social, familia, amigos, parella, compañeiros do traballo, etc. De estima ou recoñecemento: Son as necesidades de identificación e valoración positiva, como a confianza, a independencia persoal, a reputación ou as metas financeiras. De autorrealización: Este quinto nivel é o máis alto só pode ser satisfeito toda vez que todas as demais necesidades foron suficientemente alcanzadas. É a sensación de chegar ao éxito persoal.
 
Isto esixe modelos centrados na persoa, personalizados, tanto na atención, coidados, actividades, escoita, axudas, etc., que atendan de verdade a todas elas.
Se isto non é así, tal vez ficamos na atención á saúde física, que algúns denominan a saúde veterinaria. Pero a persoa é moito máis. É toda unha biografía. E as biografías precisan de seren contadas, escoitadas, entendidas, atendidas, valoradas, mesmo choradas e celebradas. E moitas veces perdoadas.
 
Na Revista de Geriatría y Gerontología, nº 5, julio-agosto 2017 hai un artigo sumamente interesante: «Hable con ellos: cuidados narrativos en el marco de una atención centrada en la persona». ««A atención á persoa, os coidados, veñen dados polo seu estado médico, pero tamén polos elementos relacionais e os contextos que a rodean». «A persoa mantén unha dignidade e un valor único, incluso nas demencias ou dependencias severas. Teñen dereitos e voz propia nas decisións. Que afectan á súa vida». «Por iso a atención personalizada esixe unha narrativa do ciclo vital pasado, presente e un proxecto de futuro. Coñecer a historia persoal narrada por ela mesma e iso require escoita atenta, pausada, valoración e respecto para o sostemento da propia identidade.  «Dignidade autonomía e bo trato».
 
En Arrugas o comentarista citado resalta: «O drama profundo non é só ese “perderse” nas nebulosas da memoria, senón sobre todo a dor de facelo en soidade, sen a compañía dos seres queridos e rodeado do silencio respectuoso do persoal sanitario».  
No verán pasado saíu esta noticia: «Acompaño». “Voluntarios galegos acompañarán a persoas maiores que viven soas”. 
 
En principio aledeime. Pero logo pensei na frase: “Sen a compañía dos seres queridos e rodeado do silencio respectuoso do persoal sanitario”. 
Aí falta algo: Alma, corazón e vida. E descubrín outro problema: 
QUEN COIDA AO COIDADOR? 
 
Esta tempada tiven oportunidade de escoitar por  diversas canles a varias mulleres que traballan en xeriátricos. En bastantes deles as condicións laborais non son moi axeitadas. Persoal insuficiente. Tarefas que ultrapasan con moito a capacidade de resposta incluso física dunha soa persoa. Todas se queixan de lumbalxias, ciáticas, dor de ombreiros por sobrecargas continuadas de sobrepesos. 
 
Hiperresponsabilidade, condicións leoninas no traballo, imposíbel a conciliación familiar, non poder programar minimamente o seu tempo libre que é suprimido e non recuperado nin remunerado baixo ameaza de despido. Sen aparellos mecánicos adecuados para a mobilización e hixiene daqueles que non se valen en por si para as actividades da vida diaria, etc. Algunha desas persoas estaban moi deterioradas. Rotas por dentro e por fóra.
 
Iso na psicoloxía laboral coñécese pola síndrome do bournout, (queimado, fundido) un tipo de estrés laboral, un estado de esgotamento físico, emocional ou mental que ten consecuencias na autoestima, e está caracterizado por un proceso paulatino, no que as persoas perden interés polas tarefas, sentido de responsabilidade e poden chegar ata profundas depresións. Esa era a situación. Sentín mágoa.
 
En Arrugas serían os do andar de arriba: “Un día, malia que Miguel lle tiña advertido de que non o fixese, Emilio subiu e descubriu alí aqueles asistidos, xente que necesita axuda para o más básico e logo, ao ver aquilo, sentiuse moi triste”. 
 
Aínda que no accidente as feridas de Emilio no foran moi graves subírono á planta superior. Pouco despois Antonia tamén se verá soa no comedor porque Miguel decidiu imitar a Loli e ir ao piso superior para axudar así nos coidados de Emilio. 
 
CONSECUENCIAS: Casilda suprimiría do calendario as festas de Nadal. E el non será que as festas a están suprimindo a ela? Non seremos todos nós os que estamos retirando aos vellos do calendario, como aqueles que ían pasando ao “piso de arriba” do que Miguel tanto advertiu a Emilio:  
 “Só a experiencia de amar será a que permite entender moitas cousas na vida e a vida mesma. Marcará a diferenza real entre unha vida rica ou unha vida sen máis.  
 
Ti isto non o entendes, Miguel, porque nunca quixeches a ninguén. 
E nós?
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xaquin Campo Freire Nado en San Xiao de Roca-Guitiriz, Lugo, en 1937. Licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria por Roma. ATS-DUE. Experto Universitario en Enfermaría Comunitaria e tamén en Urxencias e Coidados Itensivos. Diplomado en Coidados Paliativos. Traballou de enfermeiro no Hospital Marcide de Ferrol e no PAC de Fene. Foi capelán da Residencia de Anciáns de Piñeiros-Narón. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e Director da Escola de Saúde e Centro de Escoita Activa “Mons. Araúxo”. Membro das Sociedades Española e Galega de Xeriatría, do consello de redacción da Revista “Encrucillada", da Asociación de Escritores en Lingua Galega e participou con ponencias en diversos Congresos. Ten escrito numerosos artigos relacionados coa saúde. Leva varios anos exercendo un voluntariado no Cárcer de Teixeiro (A Coruña). Ten dous libros escritos. 1) A viuvez na Pastoral da Saúde. Un estudo sobre da viuvez na Galiza. 2) Ese que está no cárcer é meu irmán. Sobre a vida dos nosos reclusos e as súas familias, sen esquecer o problema das vítimas.