Un cargo para unha exconselleira

O PSdeG esixe explicacións "urxentes" á Xunta pola "chapuza" do nomeamento da exconselleira de Sanidade Rocío Mosquera como nova xerente da empresa pública Galaria, que "supón saltarse todos os procedementos democráticos". A súa designación foi anunciada en novembro pero non foi até o 15 de decembro cando se publicou no DOG a convocatoria do posto.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/12/2017 | Actualizada ás 15:09

Comparte esta noticia

O PSdeG esixe explicacións "urxentes" á Xunta pola "chapuza" no nomeamento da nova xerente da empresa pública Galaria, a exconselleira de Sanidade Rocío Mosquera, que "supón saltarse todos os procedementos naturais, democráticos, limpos e de transparencia dunha administración".

Núñez Feijóo e Rocío Mosquera, na súa etapa de conselleira de Sanidade.
Núñez Feijóo e Rocío Mosquera, na súa etapa de conselleira de Sanidade. | Fonte: xunta.es

O voceiro de Sanidade do PSdeG, Julio Torrado, dixo que lle parece "sorprendente" que a finais de novembro a Xunta anunciase o nomeamento de Rocío Mosquera como directora xerente de Galaria, pero non foi até o 15 de decembro cando se publicou no DOG "a convocatoria do posto, que xa 15 días antes fora anunciado polo conselleiro e por Alberto Núñez Feijóo".

Respecto diso, sinala que a convocatoria pública no DOG está aberta á presentación de candidaturas para calquera que cumpra os requisitos, "pero que ten unha excepción, que dúas semanas antes xa estaba anunciada a súa resolución de maneira pública".

Así mesmo, indica que, aínda que sexa un posto de libre designación, iso "ten que ver co procedemento de decisión", pero "unha vez que se presentan os candidatos". "O que estamos a comprobar é que todos os candidatos que se queiran presentar xa saben quen é a persona elixida", reprocha. "Atrévome a xogar un café co conselleiro a que adiviño para quen vai ser o cargo", ironizou o deputado socialista en rolda de prensa en Santiago.

"Estamos afeitos, lamentablemente, a que esta administración nos sorprenda pola súa falta de respecto aos procedementos", laiase Torrado. A este respecto, referiuse ao concurso de ambulancias que "antes de que se abrise o concurso" a empresa gañadora "xa tiña as ambulancias rotuladas e equipadas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta