Temas: MONFORTE

O Concello de Monforte tamén ten que recorrer a unha moción de confianza para aprobar os orzamentos

Será a segunda moción de confianza á que ten que recorrer o rexedor socialista José Tomé Roca nos seus tres anos de mandato.

Por Galicia Confidencial | Monforte | 21/12/2017 | Actualizada ás 17:13

Comparte esta noticia

O goberno en minoría de José Tomé, alcalde de Monforte, non conseguiu sacar adiante os orzamentos para 2018 e necesitará unha moción de confianza. No pasado Pleno, os socialistas levaban os orzamentos do vindeiro ano como asunto máis importante da orde do día pero non puideron sacalos adiante. Os votos en contra do Grupo de non adscritos e do PP, unido á abstención de Esperta Monforte e BNG impediron que prosperasen as contas.

O alcalde de Monforte, José Tomé, na presentación das festas do concello
O alcalde de Monforte, José Tomé, na presentación das festas do concello

Houbo certa tensión, sobre todo entre a voceira dos non adscritos, Pilar López e o mandatario local. Pilar López insiste en que Tomé non contou coa oposición para elaborar os orzamentos e que “actúa de cara á galería”. Para non apoiar os orzamentos, este grupo argumentou incumprimentos nos arranxos da Rúa Estrela e na Rúa Conde e a falta de axudas á gardería e ao emprendemento.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, pediu ao rexedor autocrítica e reflexión sobre o modelo de xestión da cidade. Reprochoulle que o incremento de ingresos do concello viñan en gran medida da Xunta de Galicia e que non se ve nos novos orzamentos nada que invite a pensar nun novo modelo de desenvolvemento económico para Monforte que estimule a economía e o emprego.

Así as cousas, o goberno en minoría de Tomé queda á espera dunha moción de confianza para poder sacar adiante os orzamentos municipais de 2018, moción que posiblemente terá lugar entre o 26 e o 29 deste mes. De perdela, o alcalde non terá que enfrontarse a unha de censura porque o Grupo de non adscritos (ex edís do BNG) non poderán apoiala en base á Lei Antitransfuguismo. Será a segunda moción de confianza á que ten que recorrer José Tomé Roca nos seus tres anos de mandato.

Temas: MONFORTE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta