Temas: INVERNO

Chega 'Bruno', a primeira borrasca do inverno que deixará choiva, neve e un intenso temporal de vento

Espérase que o vento de compoñente oeste alcance refachos moi fortes, podendo superar os 100-110 quilómetros por hora.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 25/12/2017 | Actualizada ás 17:19

Comparte esta noticia

Unha profunda borrasca, nomeada 'Bruno', aproxímase desde o Atlántico ao oeste de Europa e deixará un temporal de vento en amplas zonas da Península e Baleares, e mar en moitas costas, con abundantes precipitacións en áreas de Galicia e Cantábrico. As nevadas tamén serán significativas, sobre todo, nas zonas montañosas do norte e noroeste peninsulares, segundo informou este luns a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet).

Chega Bruno, a primeira borrasca do inverno
Chega Bruno, a primeira borrasca do inverno | Fonte: Europa Press

A situación comezará, moi probablemente, a tarde do martes coa entrada dunha fronte activa por Galicia. As precipitacións iranse estendendo de oeste a leste ao longo da tarde e noite do martes e a madrugada do mércores, afectando practicamente a todas as zonas, sendo pouco probables no extremo sueste.

A tarde do mércores as precipitacións quedarán restrinxidas probablemente á zona norte, con probables tormentas e saraiba, en áreas de Galicia e Cantábrico.

As temperaturas diúrnas baixarán de forma xeneralizada. A cota de neve podería baixar o mércores até 700/1.000 metros no norte, 1.000/1.200 metros na zona centro e 1.200/1.500 metros nas montañas do sueste. Son probables acumulacións de neve de 20-30 centímetros en Pireneos e Cordilleira Cantábrica, 5-10 centímetros nos sistemas Central e Ibérico.

REFACHOS DE VENTO DE ATÉ 110 KM/H

O vento será un factor adverso moi xeneralizado. Comezará a aumentar polo noroeste peninsular a tarde do martes estendéndose a gran parte da Península durante a madrugada do mércores ao par que comezará a amainar polo noroeste.

Espérase que o vento de compoñente oeste alcance refachos moi fortes en gran parte da Península e en Baleares, podendo superar os 100-110 quilómetros por hora en áreas do noroeste e norte peninsulares, 70-80 quilómetros por hora no resto das zonas e en Baleares.

O temporal marítimo tamén será bastante xeneralizado; nas costas de Galicia e Cantábrico espéranse ventos do oeste e suroeste forza 7 a 8 e ondas de mar combinada de 6 a 8 metros; en costas do Mediterráneo prevese forza 7, ocasionalmente 8 nas costas de Baleares, Cataluña e sueste de Andalucía con ondas de 3 a 4 metros.

O xoves espérase a entrada dunha nova fronte atlántica, pero a situación meteorolóxica non terá as características tan adversas como os días anteriores, aínda que é probable que continúen as nevadas significativas na contorna de Pireneos, segundo a Aemet.

Temas: INVERNO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta