Temas: TOURO MINA

O Concello de Touro négase a facilitar información sobre os voos da mega explotación mineira

O alcalde asegura que a empresa xa lle informara deses voos pero díxolle "que non lle dera publicidade". Algúns veciños xa cursaron denuncias contra a empresa por realizar sondeos en propiedades privadas sen autorización.

Por Galicia Confidencial | Touro | 31/12/2017 | Actualizada ás 11:44

Comparte esta noticia

A Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON critica a falta de transparencia do Goberno Local de Touro ao negarse a solicitar información sobre os voos VTEM (Versatile Time Electro-Magnetics) logo de que un gran aro metálico de detección xeofísica caíra neste concello a mediados de novembro.

No pleno celebrado este venres, o Goberno Local (PP) opúxose a dúas das tres mocións presentadas polo BNG en relación á mina, que si tiveron o apoio do grupo socialista. A primeira delas, relacionada cos voos de exploración xeolóxica instaba a olicitar á empresa promotora das investigacións os permisos en vigor para sobrevoar o concello e a altura á que debe facelo e denunciar calquera voo que se produza por debaixo da altura mínima permitida, ademais de solicitar á empresa que cese nas investigacións que afecten a lugares habitados ou de labor agrícola, susceptibles de causar vítimas de producirse nun futuro accidentes similares.

No debate da moción, o rexidor Ignacio Codesido manifestou que xa lle pediu á empresa que mandara unha copia dos permisos. “Temos os permisos ahí, dixéronme que non lle dera publicidade”, dixo. Finalmente, e sen que Codesido fixese públicos os permisos nin a información relativa á altura á que pode voar o helicóptero ou se pode ou non facelo a tan baixa altura sobre núcleos poboados, a moción foi rexeitada cos oito concelleiros do PP.

AUTORIZACIÓNS

A segunda moción presentada facía referencia aos sondeos, permitidos ou non, que a empresa promotora está realizando na contorna sen que o concello coñeza se conta coas autorizacións pertinentes. Algúns dos veciños presentes, segundo o BNG,  puxeron en coñecemento do alcalde e da corporación que xa cursaron denuncias contra a empresa por realizar sondeos en propiedades privadas sen autorización.

Por iso, preguntaron ao rexedor se outorgou permiso á concesionaria dos dereitos mineiros para sondear en pistas, camiños e cunetas, feitos que Ignacio Codesido asegurou descoñecer. Con todo, aprobouse a moción que pide a suspensión cautelar dos sondeos mineiros que se están a realizar e demais labores, en tanto en canto non se realicen estudos hidrolóxicos e xeotécnicos que garantan que non se van ver afectados os acuíferos, pozos, cauces, fontes e demais recursos hídricos que abastecen á poboación e ás explotacións agrícolas.Tamé a suspensión inmediatadas das labores mineiras mencionadas en tanto que a empresa non dispoña de autorización de Augas de Galicia para a realización de sondaxes mineiras, en tanto que esta actividade require de título específico habilitante ao efecto.

Finalmente, rexeitouse a última das mocións relacionada coa mina que pedía que instaba ás Consellerías do Mar e de Economía, Emprego e Industria que se desestime a autorización administrativa á actualización do proxecto de explotación, plan de restauración e estudo de impacto ambiental da concesión de explotación San Rafael nº 1946, nin se promova unha completa restauración da antiga explotación mineira de Touro.

Elemento caído na parroquia de Loureda dun helicóptero  VTEM (Versatile Time Domain Electro-Magnetics). Elemento caído na parroquia de Loureda dun helicóptero  VTEM (Versatile Time Domain Electro-Magnetics).
Elemento caído na parroquia de Loureda dun helicóptero VTEM (Versatile Time Domain Electro-Magnetics). Elemento caído na parroquia de Loureda dun helicóptero VTEM (Versatile Time Domain Electro-Magnetics).

A Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON denuncia a falta de transparencia e os atrancos do Goberno Local de Codesido ante as peticións das veciñas e veciños preocupados por un proxecto que cada día suma novas oposicións e investigacións que poñen en dúbida a súa viabilidade, e lamenta que teñan que ser os veciños os que denuncien e teñan que buscar a información por outras vías no relativo aos permisos de voo, alturas legais para realizalos e tamén nos trámites para a denuncia do accidente e dos voos a baixa altura.

Plano que ilustra as afeccións e alcance sobre o territorio do proxecto global para a mina de cobre de Touro-O Pino proposto pola empresa Atalaya Mining e que abarca 122 quilómetros cadrados.
Plano que ilustra as afeccións e alcance sobre o territorio do proxecto global para a mina de cobre de Touro-O Pino proposto pola empresa Atalaya Mining e que abarca 122 quilómetros cadrados.
Temas: TOURO MINA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta