David Regades (PSdeG Pontevedra): "Feijóo paréceme máis un comentarista político que un presidente da Xunta"

É o novo secretario xeral do PSdeG en Pontevedra. Concelleiro en Vigo e un dos grandes apoios de Abel Caballero, de quen di que é un dos seus "grandes mestres políticos". Tras gañar folgadamente ao candidato apoiado por Gonzalo Caballero, asegura que agarda que haxa "respecto" e traballo conxunto entre Santiago e Pontevedra. Nesta entrevista fala dos proxectos futuros e da situación política de Vigo e de toda a provincia.

Por Xurxo Salgado | Vigo | 03/01/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Gañaches como se di popularmente "sobrado" as eleccións en Pontevedra. Tiveches xa congreso popular con integración. Estivo o propio Gonzalo Caballero. Logo de todo isto, que agardas para a provincia de Pontevedra?
Pois xa fixemos a primeira Executiva e aí fixamos xa o calendario para as executivas locais e as eleccións locais e vamos convocar o primeiro Comité provincial para final de xaneiro. Imos poñer o partido a funcionar de xeito inmediato que foi o que dixemos en campaña. Hai que darlle un impulso ao partido porque o noso reto é gañar as municipais e preparar ao partido para ser o primeiro na provincia de Pontevedra e iso imos comezalo de xeito inmediato. Por iso, imos a encargar os plantexamentos políticos a cada unha das secretarías para que fagan documentos sectoriais nas distintas áreas; emprego, economía, política forestal. Poñer a maquinaria provincial do PSdeG en marcha.

Un dos principais obxectivos será manter o poder na provincia de Pontevedra que supoño que será clave para o PSdeG. De feito, un dos principais obxectivos do PPdeG para as municipais é recuperar A Coruña e Pontevedra. Cres que a día de hoxe se pode manter esta provincia?
Non só iso, senón que imos mellorar resultados.

Carallo, véxote moi optimista e moi convencido...
Si estou moi convencido.

Mira que tes a Rueda en fronte!
Temos a Rueda en fronte, pero a un Partido Popular en descomposición. Vemos como o modelo de Rueda non está calando. Vemos como ten que estar tanto Rueda como Feijóo suplindo aos candidatos populares dos distintos concellos da provincia e nós, en cambio, temos un partido forte en todas as localidades. Os alcaldes e alcaldesas vanse fortalecer no seguinte mandato. E non só iso. Van caer moitas alcaldías do PPdeG na provincia de Pontevedra porque está esgotado o modelo; un modelo caciquil, clientelar, arcaico e pouco participativo. E fronte a iso está o noso modelo aberto, participativo, cercano aos cidadáns e implicado cos distintos colectivos.

Non obstante, o PSdeG, logo de todas estas leas internas que está sufrindo, quedou un pouco canso. Como cres ti que hai que volver a animar á militancia para que se volva a esa unidade de acción?
Eu, desde ese mes e pico que botei en campaña, primeiro coa recollida de avais e logo a campaña en si, vexo ao PSdeG moi motivado, moi ilusionado e con moitas ganas. E froito diso foi este congreso. E así está pasando en todos os congresos. Vexo que están sendo unhas primarias nas que o partido sae fortalecido e cohesionado.

Cohesionado non vai cando van varias candidaturas...
Pero iso non impide que non sexa cohesionado. Hai varios candidadatos pero o caso é despois como se sae diso. E froito diso é que no último congreso, o 80% dos militantes está dacordo con esta nova dirección. Esa é a unidade do partido, o resto sería un congreso á Bulgara.

E por que cres que hai un 20% que non te apoiou?
É o que che dicía. Penso que iso é a Democracia e é sano. Eu non creo neses congresos do 99 ou 100% de apoios. Iso é imposible.

Si, estou dacordo que nos congresos á Bulgara sempre hai cociña. Pero o que me chama a atención nisto é que sempre tendedes os partidos a que sexa á Bulgara, a ter o maior apoio posible...
A min unha maioría do 80% paréceme unha maioría amplísima e que reflexa un partido cohesionado, unido e con todas as comarcar e cidades integradas. Todo o partido está reflexado nesta Executiva. E podo dicirche que recibín unha chea de chamadas de militantes ilusionados e con ganas de facer cousa e ofrecendose a traballar e con moitas ganas. E eu penso que ese é o camiño porque as municipais sempre foron as eleccións do PSdeG. Xa no ano 79 foi o primeiro paso para chegar á Moncloa e un ano antes de que Zapatero gañara o Goberno de España recuperamos autonomías, deputacións, cidades... Ten esa vocación das municipais o PSdeG.

E falando de cuestión internas, e sei que non vos gusta falar disto, pero é certo que ti te enfrontaches a un candidato afín ao novo secretario xeral. Gañaches ti con claridade pero cres que se vai recompoñer o partido en Pontevedra? Hai boa sintonía con Gonzalo Caballero?
O partido na provincia de Pontevedra está completamente cohesionado. E froito diso son os resultados das primarias e logo do congreso. Eduardo Reguera --o seu contrincante nas primarias-- é un militante máis de Redondela e está na miña Executiva e iso significa que estamos avanzando.

David Regades é concelleiro en Vigo
David Regades é concelleiro en Vigo

"Eu estou moi contento do acontecido con Álvaro Santos e Valentín González".

É certo, por iso cho preguntaba. É dicir, que houbo integración, cousa que non houbo coa Executiva de Gonzalo Caballero...
Nós fomos quen de manter cohesionada á provincia. En todas as comarcas hai representantes de agrupacións pequenas e grandes. De persoas que están nas institucións e outras que só son militantes de base. É unha Executiva transversal que garantiza o que diciamos antes; que hai cohesión e que estamos enfocados en gañar as eleccións que é o reto que teñen as provincias. E todo isto desde o respecto á organización en España e en España. E un bo reflexo diso é que a este congreso viñera a miña amiga Adriana Lastra, vicesecretaria xeral do PSOE, en medio das eleccións catalás.

Unha unidade que se dá a posteriori. Como valoras que en todos os congresos provinciais estean gañando as candidaturas non afíns ao secretario xeral?
Eu estou moi contento do acontecido con Álvaro (Santos, secretario xeral do PSdeG en Lugo) e Valentín (González, secretario xeral do PSde na Coruña). Valentín e eu xa compartimos executiva moitas veces en Galicia e somos grandes amigos. É fantástico, pero os procesos son así. A xente sabe perfectamente o que vota e non votan o mesmo en autonómicas, xerais ou municipais. E no PSdeG pois pasa igual. E aquí os militantes votaron aos mellores secretarios xerais en Pontevedra, Lugo e A Coruña e así o farán con Ourense. E por iso non creo que teña outra vertente.

Eu entendo que ti defendas iso pero eu vouche a insistir con isto porque ti sabes que, quen gaña as provinciais dos partidos, é o que elixe as listas para as autonómicas...
Eu sempre creo na autonomia das agrupacións e para facer coas listas contaremos cos 3.000 militantes de Pontevedra. Serán eles os que decidan. Nós os que imos tentar é seguir traballando para ter un moi bo resultado nas municipais que é o primeiro fito e logo, o segundo, serán as xerais. Por iso é importante gañar as municipais e pensamos que imos ser a primeira forza en Pontevedra.

"Se quitamos Vigo do mapa tería sido secretario xeral igualmente".

Insisto, véxoche moi convencido disto...
Si. Estouno porque o noto no partido e o noto na sociedade porque agarda unha resposta do PSdeG e nós imos darlle esa resposta. Faremos cada 15 días unha executiva e traballaremos para vertebrar o partido e vertebrar a sociedade. Por iso quero un partido moi apegado á xente, porque o importante deste partido foi sempre a xente e nós temos vocación de goberno. E aí están os gobernos de Felipe González que levou a educación e a sanidade gratuíta para todos. E iso só se fai desde os gobernos. Por iso quero que o PSdeG estea nos gobernos.

Diciache que igual te vexo convencido porque Vigo é hoxe o motor do PSdeG e, de feito, hai certas críticas por ese "viguismo" que acapara ao PSdeG provincial. Entendo que tentaches corrixir isto na nova Executiva, non?
Si, pero se ves, a miña candidatura gañou as primarias en toda a provincia. Se quitamos Vigo do mapa tería sido secretario xeral igualmente. E o meu programa é integrador no que teñen cabida todas as agrupacións. E queremos facer unha especial atención ás agrupacións pequenas e aquelas nas que goberna o Partido Popular porque está vetada toda a iniciativa política. E é aí onde faremos un esforzo especial.

E como vai ser a relación con Santiago e a relación con Madrid?
Pois unha relación de cordialidade e de respecto mutuo. Todos somos compañeiros de traballo e todos remamos na mesma dirección que é fortalecer este partido. Nós respectaremos as decisións de Santiago e a dirección galega terá que respectar as nosas decisións. E eu creo que vai ser así. Non teño ningunha dúbida. E coa dirección de Ferraz a relación é moi boa e levamos xa tempo falando con eles. De feito a número dúas de Pedro Sánchez estivo no meu congreso.

E iso a pesar de que Vigo non apoiou a Pedro Sánchez...
Todos os procesos de primarias son determinantes e, cando sae elixido un secretario xeral, pois é o líder de todos os militantes. De todos.

Xa para ir rematando. Hai un alcalde cunha maioría absoluta indiscutible, o teu alcalde, por certo. E este ano é case xa ano electoral á espera das eleccións da primavera de 2019. Como ves a Abel Caballero?
Eu vexo a Abel Caballero o gran alcalde que sempre reclamou Vigo. E non é algo que pense eu, senón que así o cren os vigueses e viguesas. Vai mellorar resultados...

Gonzalo Caballero e David Regades
Gonzalo Caballero e David Regades

"Abel Caballero é un mestre e para min é un luxo ter estado con el estes once anos".

Pero ti cres que vai sacar máis dos que xa ten?
Non teño ningunha dúbida diso porque está facendo unha xestión exemplar. O que se fai en Vigo; a tranformación da cidade, a defensa do territorio, a evolución que vive a economía e as infraestruturas pois fai que teña respaldo cidadán. Abel Caballero é un mestre e para min é un luxo ter estado con el estes 11 anos de goberno porque é coma un master avanzado.

Supoño que a iso te refires cando é un presidente da Xunta como Feijóo quen lle fai oposición na cidade...
Eu penso que tanto Rueda como Feijóo están facendo oposición a Caballero e ao goberno da Deputación de Pontevedra, á maior parte dos alcaldes e alcaldesas desta provincia porque teñen un déficit. Non teñen voceiros nos concellos que poidan facer un traballo de oposición e por iso o están facendo eles. Pero iso é un fraco favor, porque o fan cunha optica santiaguesa e non local. E fáltalles coñecemento. Por iso deteriora máis a imaxe do Partido Popular porque o que fan é en contra das cidades nas que non gobernan.

Ousexa que Elena Múñoz ten poucas posibilidades...
Eu, a verdade, non lle vexo posibilidades ao PP en Vigo, nin tampouco en Pontevedra. E penso que para que a xente lles faga caso terían que facer unha política activa. Non pode ser que o paguen os concellos. É a Xunta a que ten que facer inversións. E teñen que deixar o partido do non a todo e sexan o partido da execución de proxectos. A min Feijóo paréceme un comentarista político. Non me parece o presidente da Xunta. El só comenta. Arden os montes en Galicia e el comenta. Terá que tomar decisións que para iso é o presidente da Xunta. Hai un problema de seca en toda Galicia e el bótalle a culpa aos alcaldes. E é el quen ten as competencias hidráulicas a través da Xunta. Supoño que iso débese a tantas visitas a Madrid porque seguramente ten esas frustración de ser un político de estado. E o PSdeG vaille esixir que actúe como presidente e non como comentarista político.

David Regades e Abel Caballero en Rande
David Regades e Abel Caballero en Rande | Fonte: Miguel Núñez
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Manda

Vaya cara se gili po llas del am ande se Vigo qué se ríe se qué los gallegos paguen más por la autopista se e ser muy gracioso claro como él no para un duro

1 Eu mesmo

Pérez Tapias xa deixou o PsoE. O último que peche a porta