O presidente da Real Academia Galega será o pregoeiro da 50 Feira do Cocido de Lalín

O goberno local decidiu apostar por Víctor Freixanes, "un intelectual dunha recoñecida e prestixiosa traxectoria" que "se sitúa á altura de Álvaro Cunqueiro", o primeiro pregoeiro desta festa gastronómica.

Por Galicia Confidencial | | 02/01/2018 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

O presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, será o pregoeiro da 50 Feira do Cocido de Lalín, que celebrará o seu día grande o vindeiro 4 de febreiro. Nunha edición na que este evento cumprirá o seu medio século de historia, o goberno local decidiu apostar por "un intelectual de recoñecido prestixio e dunha traxectoria literaria, cultural e xornalística que o sitúa á altura de Álvaro Cunqueiro", quen foi o primeiro pregoeiro da Feira do Cocido.

Víctor Freixanes
Víctor Freixanes

Desta maneira, Freixanes pasará a engrosar a nómina de grandes intelectuais, escritores e xornalistas que ao longo do seu medio século de vida lle prestaron a súa voz a unha das festas gastronómicas máis importantes de Galicia e do resto do Estado, e que ao longo do tempo conseguíu sobrepasar o puramente gastronómico para converterse en todo un referente social, etnográfico, cultural e artístico.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, agradeceu a Víctor Fernández Freixanes a súa inmellorable disposición a exercer como pregoeiro da Feira do Cocido, unha proposta que lle realizou de maneira persoal e que o presidente da Real Academia Galega asumíu sen dubidalo nin un intre.

Para Rafael Cuíña supón “unha verdadeira honra e un orgullo que o presidente da máis recoñecida institución académica galega vaia ser un dos protagonistas da Feira, nunha edición na que os nomes da RAG e a Feira do Cocido quedarán intimamente ligados”.

Nesta liña, o rexedor pon de relevo que Víctor Fernández Freixanes é o máximo representante dunha das máis importantes institucións culturais e históricas de Galicia, a Real Academia Galega, polo que coa súa elección como pregoeiro tamén se vincula o prestixio e a fundamental traxectoria na defensa da cultura, o idioma e a tradición de Galicia da RAG, coa celebración gastronómica de maior prestixio, relevancia social e tradición de Galicia.

Cuíña considera que a elección de Víctor Freixanes permite que a edición número 50 da Feira do Cocido conte cun pregoeiro á altura do que supón un aniversario tan importante coma este e dotará de solvencia e solemnidade a un dos actos máis relevantes e significativos de todos os que se enmarcan dentro da celebración da Feira”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta