Temas: LEITE

Galicia é a comunidade na que máis creceu o prezo do leite nos dous últimos anos, un 11,5%

O prezo alcanzou os 32 céntimos por litro en novembro de 2017.

Por E.P. | VIGO | 03/01/2018 | Actualizada ás 12:24

Comparte esta noticia

Galicia é a comunidade autónoma na que máis creceu o prezo do leite nos dous últimos anos, acumulando un incremento do 11,5 por cento até alcanzar os 32 céntimos por litro en novembro de 2017 (último dato oficial coñecido).

Animal comendo, animais, vaca, vacas, pastar, pasto, gandeiros
Animal comendo, animais, vaca, vacas, pastar, pasto, gandeiros | Fonte: Europa Press

Así o trasladou a Consellería do Medio Rural, que destacou que ese prezo supón un incremento do 7,74 por cento con respecto a novembro de 2016. Se se compara co prezo de 2015, a suba de prezo sitúase nun 11,5 por cento, xa que entón o prezo medio estaba en 28,7 céntimos por litro.

Á luz destes datos, Galicia sitúase como a comunidade onde máis creceu o prezo desde novembro de 2015, por enriba de Cantabria (que acumula un crecemento do 10 por cento nos últimos dous anos), Asturias (onde subiu un 8,6 por cento nese período) e por enriba da media estatal, do 7,74 por cento entre novembro de 2015 e novembro de 2017.

Con respecto ao último ano, Galicia só foi superada por Cantabria, onde os prezos do leite creceron un 8,5 por cento, fronte á suba do 7,74 por cento do leite galego.

Por outra banda, segundo informou Medio Rural, a suba de prezos estivo acompañada por un incremento interanual na produción rexistrada, que foi do 5,67 por cento, pasando das 203.383,5 toneladas de novembro de 2016 ás 214.916,8 toneladas de novembro de 2017.

Este aumento só foi superado polo incremento de produción en Castela e León, aínda que Galicia segue sendo a primeira comunidade en produción leiteira de España, cun 38,33 por cento do total rexistrado en novembro pasado no conxunto do país.

Temas: LEITE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta