As desaparicións que nunca se resolveron

A Fundación QSDglobal activou ata 57 alertas no 2017 por desaparicións en Galicia, a terceira comunidade que máis ten no Estado, das cales oito aínda permanecen activas. Outros casos como os de Sonia Iglesias, de Pontevedra, ou María Jose Arcos, de Santiago, veñen de máis lonxe.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/01/2018 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

Ata 57 alertas por desaparicións activou no 2017 en Galicia a Fundación Europea por las Personas Desaparecidas QSDglobal, sendo a galega a terceira comunidade con máis alertas en todo o Estado após Andalucía (69) e Cataluña (59). Das 57 alertas do anos pasado, 33 persoas apareceron en bo estado, 16 foron atopadas sen vida e oito alertas por desaparicións aínda permanecen activas.

Concentración y marnifestación en apoyo a la familia de Sonia Iglesias
Concentración y marnifestación en apoyo a la familia de Sonia Iglesias

Son Sandra Romay Fernández, unha viguesa de 42 anos desaparecida hai xusto un mes na Coruña, e María Belén Rodríguez, ourensá de 57 anos que rexentaba unha casa de turismo rural en Trives e que desapareceu o pasado mes de abril. Os outros nomes activos en QSDglobal son Ramón López González (Castro Casdelas), Julio Fernández González (Ourense), Francisco Rodiño Ucha (Poio), Alfredo Rodríguez Vázquez (Taboada), Salvador García Sánchez (Lugo) e Ángel Anes Pallas (Carballo), pendente da confirmación do ADN todo apunta a que o seu cadáver foi atopado por un cazador dous meses despois da súa desaparición.

En QSD global amósanse sorprendidos pola elevada cifra nunha comunidade con tan poucos habitantes. A explicación, sostén SOS Desaparecidos, é que Galicia é unha zona "moi complicada", pola dispersión xeográfica e polo envellecemento da poboación. O 90% das desaparicións terían que ver cos maiores de 65 anos.

A estatística da fundación QSDglobal refírese a tan só os últimos doce meses, pero moitas desaparicións sen resolver veñen de moi atrás. SOS Desaparecidos Galicia mantén a alerta activada sobre unha ducia de casos, o máis antigo o de Sonia Iglesias, que desapareceu o 18 de agosto do 2010 en Pontevedra cando contaba con 38 anos. Malia as sospeitas da familia sobre a parella da muller (en trámites de separación), a Audiencia de Pontevedra decretou o arquivo do caso cinco anos despois.

Pero hai máis casos por esclarecer. Manuela Lorenzo, unha septuaxenaria que falta da súa aldea en Boiro dende o 25 de xullo do 2015; un fillo de Manuela pediu trala aparición de Diana Quer que se buscase unha posible relación do Chicle coa desaparición, pero a Garda Civil non cre que poida existir vinculación. O taxista Elías Carrera, de 61 anos, desapareceu en Vigo no 2013. Gumersinda Raña, de 88 anos, falta dende 2014 en Avión. E Paulino Fiuza, de 75 anos, desapareceu en Carnota no 2016.

Hai aínda un caso máis antigo, a desaparición da compostelá María José Arcos en 1996 cando tiña 35 anos. O seu coche apareceu días despois no faro de Corrubedo. Quince anos despois, no 2011, o cámara de TVE Ramiro Villaverde, a última persoa que a veu con vida, pasou polo cárcere como sospeitoso, e chegou a buscarse o corpo en varias fincas da súa propiedade en Teo e Cotobade, pero sen éxito.

Ante o tráxico final de Diana Quer, as fundacións que traballan na busca dos desaparecidos reclaman actuacións “urxentes” en materia de investigación. “Que se faga caso ás denuncias dende un primeiro momento”, apunta Wenceslao Yáñez, voceiro de SOS Desaparecidos Galicia, que ve as primeiras 24 horas decisivas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta