O colapso nas urxencias do hospital da Coruña chega ao xulgado

A Comisión de Centro do CHUAC presenta denuncia xudicial pola "inaceptable situación" neste servizo, onde os pacientes permanecen "até 48 horas amoreados nos corredores" e os sanitarios están "ao límite da súa capacidade".

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 04/01/2018 | Actualizada ás 11:11

Comparte esta noticia

Os sindicatos veñen de presentar unha denuncia no Xulgado de Instrución número 2 da Coruña contra a Xerencia das Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (EOXI) polo colapso que están a sufrir os servizos de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC)

Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña
Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña | Fonte: @urg_CHUAC.

A presidenta do comité de centro, María Jesús Seijo García, en representación dos sindicatos, asina a denuncia interposta ante o que consideran unha "inaceptable situación das urxencias do hospital de A Coruña".

Na denuncia expóñese que durante todo o mes de decembro e en xaneiro os pacientes que acoden ás urxencias do CHUAC están a permanecer "até 48 horas amoreados nos corredores", moitos dos cales agardan por camas "nunhas condicións pésimas".

Os sindicatos denuncian tamén que os profesionais sanitarios están "ao límite da súa capacidade física e intelectual, nunhas condicións de total falta de humanidade", atendendo os pacientes nos corredores, cunha "absoluta falta de privacidade, intimidade e confidencialidade". Un problema que se agudiza aínda máis pola "grave escaseza de profesionais", alertan.

"A situación é tan preocupante, que os profesionais traballan con angustia, ao non poder controlar con garantía a situación de todos os seus enfermos e o temor a que ocorra algún incidente", descríbese na denuncia presentada no xulgado de garda, na que se anexa unha ficha coa situación das urxencias do CHUAC ao 3 de xaneiro de 2018.

Denuncia xudicial pola situación das urxencias no CHUAC.
Denuncia xudicial pola situación das urxencias no CHUAC.

Consulta a denuncia xudicial completa da comisión de centro do hospital da Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 O ANDACIO CHEGA

día 4 pola maña urxencias do CHUO (complexo universitario de Ourense) de universitario nada de estudios primarios como moito... as urxencias ateigadas de xente, padiolas polos pasillos ata o fondo, a sala B chea, a sala de ingresos chea, abrindose sas polo complexo para esconder os doentes, empezaron xa a meter a pacientes nas cadeiras de rodas, e desesperación para buscar camas... NON E MENCIÑA HOSPITALARIA SINON MENCIÑA VETERINARIA!!!!