Temas: VEDRA
100 de 100 en Política anterior

O Concello de Vedra nega “irregularidades” tras pagar 7.500 euros por un mes de traballo no seu arquivo

O concelleiro de Cultura recoñece que "estas cousas pasan" e que calculou orixinalmente o proyecto en tres meses e medio porque “tirou polo alto”. Asegura que persoa contratada traballou “moito” para realizar as tarefas paras as que foi contratada.

Por Galicia Confidencial | Vedra | 12/01/2018 | Actualizada ás 08:30

Comparte esta noticia

O concelleiro de Cultura de Vedra, Enrique Vázquez Martínez, descartou a existencia de irregularidades no pago de máis de 7.500 euros por un mes e cinco días de traballo na organización e catalogación do arquivo do concello. Un traballo que se contratou cun proceso negociado sen publicidade e que foi, segundo denuncia a oposición, para unha persoa relacionada co voceiro do PPdeG local.

Carlos Martinez, alcalde popular de Vedra
Carlos Martinez, alcalde popular de Vedra | Fonte: Concello de Vedra

“A nosa forma de actuar é en base á legalidade e non en base a favores nin a relacións”, dixo nunha conversa mantida con Galicia Confidencial e na que desmentiu os ataques que, segundo el, está a recibir o Goberno local por esta contratación. “Foi un contrato menor e realizouse en base a legalidade”, dixo sobre un traballo que contou cunha subvención da Xunta de Galicia e que, no proyecto orixinal, estaba estimado en tres meses e medio.

“Pero como é posible facer algo que estaba estimado nese tempo e 560 horas, facelo en pouco máis dun mes?”, preguntou GC suliñando que iso suporía que a persoa contratada tivo que estar traballando 18 horas diarias para cubrir co recollido na proposta subvencionada. “Estas cousas pasan. Ás veces hai prazos que hai que cumprir e, por iso, se apuran os traballos. Pasa en moitas obras”, xustificouse Vázquez.

“BOTOU MOITAS HORAS”

Así, suliñou que tamén houbo un “desfase” inicial no proxecto en canto a contabilización do tempo que levaría facer todo o traballo. “Quizais se fixo un cálculo por arriba”, insistiu ao tempo que recalcou que “esta rapaza comprometeu a facelo nese mes”. “Eu non sei as horas que botou, pero sei que foron moitas”, engadiu.

Por iso, acusou aos grupos da oposición de “manipular e terxiversar” este caso e dixo que, en ningún momento o nome da persoa finalmente seleccionada foi enviado á Xunta. “O seu nome apareceu nun primeiro borrador, pero non proxecto que se lle mandou á Cultura non estaba”, alegou.

Para Enrique Vázquez as críticas da oposición veñen motivadas pola “proximidade” das eleccións municipais –celebraranse en pouco menos de ano e medio--. “Queren xustificar con estas críticas o pouco que fixeron en tres anos”, dixo ao criticar a todos os grupos da oposición. “Os do PSOE teñen os seus intereses e o do BNG e o Non Adscrito só saben facer unha oposición destrutiva e levan toda a lexislatura terxiversando a información neste e noutros casos para tentar desacreditar ao grupo do goberno”, concluíu.

Temas: VEDRA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta