Os nenos axudarán a rexenerar un monte con especies autóctonas

A primeira hectárea de monte amadriñado en Froxán (Lousame) nun crowdfunding solidario contará coa participación de medio cento de cativas da Escola Semente de Compostela

Por Galicia Confidencial | Lousame | 15/01/2018 | Actualizada ás 11:32

Comparte esta noticia

O próximo sábado 20 daranse cita no Monte Veciñal de Froxán, en Lousame, un cento de participantes na primeira “roga”, xornada de traballo en común, coa que se iniciará a substitución de eucaliptos por carballos nunha hectárea dentro do proxecto de rexeneración de todo un monte queimado no que proliferaron os eucaliptos. 

Traballos de plantación de especies autóctonas, como carballos e castiñeiros, en terrenos inzados de eucaliptos en Froxán (Lousame)
Traballos de plantación de especies autóctonas, como carballos e castiñeiros, en terrenos inzados de eucaliptos en Froxán (Lousame) | Fonte: Coluna San Fins

E, nesta iniciativa, tamén participarán medio cento de cativas da Escola Semente Compostela  acompañadas das súas familias. Plantarán especies autóctonas tal e como tamén fixeron o pasado ano como parte do programa “Montescola”. Os traballos que se realicen iranse actualizando nun mapa do portal de ciencia colaborativa biodiversidade.eu no que se poderá seguir a evolución do bosque. 

Despois de recadar máis de 7.500 euros en donativos en tan só 15 días nun “crowdfunding” solidario, as entidades promotoras (Verdegaia, a Sociedade Coluna Sanfins e a propia comunidade de montes) plantarán carballos e outras frondosas autóctonas. O obxectivo final do proxecto é restaurar o bosque nativo nun total de 10 hectáreas, de modo que este sirva como un “cortalumes verde”, evitando incendios como os que asolaron a zona en 2006 e 2016, e un corredor de biodiversidade. 

Participación

Con esa meta continuará aberta a campaña de micromecenado (https://www.kukumiku.com/proyectos/amadrina-bosque-autoctono/), téndose previsto realizar os traballos ao longo deste ano e o seguinte conforme se alcancen os sucesivos chanzos de financiamento.  Ademáis de “amadriñar” unha árbore, cunca, ferrado ou fanega, calquera persoa poderá participar como voluntaria nas “rogas” de voluntariado ambiental que se irán convocando (xa está marcada outra para o 4 de febreiro) na mesma web do crowdfunding e nas redes sociais. As participantes, que recibirán luvas, bocata e bebidas, só teñen que enviar un email á Sociedade Coluna Sanfins (colunasanfins@gmail.com), con 5 días de antelación á cita.

O monte de Froxán, xunto co de Santiago de Covelo, foron os primeiros de todo o Estado a seren declarados Áreas Conservadas por Pobos Indíxenas e Comunidades Locais (ICCA), unha figura respaldada polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente que pretende destacar o empeño e resultados en materia de conservación realizado por estes colectivos. De feito, o de Froxán é o primeiro territorio deste tipo a ser incorporado á Base de datos mundial de Áreas Protexidas despois de pasar por un proceso nacional de revisión por pares.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta