Gonzalo Caballero insta a Feijóo a "abrir os ollos" e atender aos galegos que piden "unha sanidade pública de calidade"

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a "abrir os ollos" para ver aos cidadáns que lle reclaman unha "sanidade pública gratuíta e de calidade".

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2018 | Actualizada ás 17:54 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a "abrir os ollos" para ver aos cidadáns que lle reclaman unha "sanidade pública gratuíta e de calidade".

Gonzalo Caballero se reune con persoal do hospital do Salnés
Gonzalo Caballero se reune con persoal do hospital do Salnés | Fonte: Europa Press

O dirixente socialista fixo estas declaracións despois de reunirse coa xunta de persoal do Hospital do Salnés para coñecer as demandas dos traballadores. Ao encontro, tamén asistiron os alcaldes socialistas de Vilagarcía, Catoira, Cambados e A Illa, así como outros cargos públicos do partido na comarca.

Ás portas do hospital, Caballero censurou que o presidente galego prefira "pechar os ollos e non ver a realidade" que a súa xestión deixa en materia sanitaria, con hospitais con "menos camas, persoal menos estables e unhas listas de espera insoportables".

Fronte a esta situación, o xefe de filas dos socialistas galegos esixiu "un cambio de política sanitaria" e o fin dos "recortes e privatizacións" que, segundo indicou, implican "un aumento progresivo das listas de espera, unha peor atención primaria e un afastamento dos servizos para os galegos".

REVERTER A AXENDA DO PP

Na súa intervención, Caballero destacou que a súa formación arrinca o 2018 pedindo a "revitalización e o fortalecemento da sanidade pública" e anunciou que os socialistas traballarán no Parlamento de Galicia para reverter a axenda do PP, que pretende a "desaparición das áreas sanitarias" en comarcas como a do Salnés.

"É fundamental manter os servizos deste hospital e mellorar as dotacións de persoal", manifestou antes de citar outras demandas para a comarca, como un novo centro de saúde para Vilagarcía ou unha ambulancia medicalizada para a zona.

No acto, o líder dos socialistas galegos confirmou que acudirá á manifestación que terá lugar o próximo día 4 de febreiro en Santiago de Compostela en defensa da sanidade pública. Ademais, os socialistas tamén apoiarán as concentracións que se celebrarán o 24 de xaneiro en distintas comarcas.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta