"Van matar a miña mamá", dixo o cativo de 6 anos que chamou a Policia para alertar da agresión

O inspector principal da Policía da Coruña relata como sucedeu a chamada e a detención do agresor, ex-parella da muller. Cando chegaron os axentes, localizaron o menor dándolle o biberón ao seu irmán de poucos meses.

Por E.P. | A CORUÑA | 17/01/2018 | Actualizada ás 11:35

Comparte esta noticia

O neno de tan só 6 anos de idade que alertou á Policía Local da Coruña de que a súa nai estaba a ser agredida pola súa ex-parella dixo aos axentes que o home ía "matar" a súa nai. Así o relatou o inspector principal deste corpo, José Manuel Rico, na COPE.

Un neno de costas
Un neno de costas | Fonte: FivePrime.org

O suceso produciuse na madrugada do domingo nunha vivenda do barrio de Labañou. Após recibir a chamada do menor, ao lugar trasladáronse dúas dotacións. A muller relatoulles que a súa ex-parella a golpeara na cara e ameazou con matala a ela e aos seus fillos.

Os axentes detiveron no piso ao home, de 31 anos e veciño da Coruña, por violación de morada, violencia de xénero e incumprimento da orde de afastamento. Cando chegaron, localizaron tamén o menor dándolle o biberón ao seu irmán de poucos meses.

"BAIXO EFECTOS DALGUNHA SUBSTANCIA"

O inspector principal da Policía Local da Coruña explicou tamén que o agresor "parecía estar baixo os efectos dalgunha substancia".

Tamén ratificou que tiña unha orde de afastamento e que o menor, ao chamar á Policía, díxolles: "Van matar a miña mamá". Esta ameaza repetiuse, segundo o inspector, cando os axentes detiveron o home. "Ameazou á vítima e aos nenos", explicou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta