Gonzalo Caballero reclama a Feijóo que traslade o escenario macroeconómico ao "conxunto" dos galegos

O líder socialista avanza a creación dun 'think tank' para facer que "as mellores ideas do país" estean co PSdeG

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2018 | Actualizada ás 15:03 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou ao presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, a abandonar a súa política económica centrada en "axustar" as contas públicas e aproveite o escenario macroeconómico de crecemento para trasladalo ao "conxunto" da sociedade galega.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero | Fonte: Europa Press

Caballero fixo estas declaracións nun almorzo informativo celebrado na mañá deste venres na sede dos socialistas galegos en Santiago, onde lamentou que a Xunta "carece dunha estratexia e uns obxectivos a curto, medio e longo prazo para elaborar unha política económica para o conxunto do país".

"A política económica é unha materia suspensa para Feijóo e os seus conselleiros, que ao único que se dedican é a axustar contas pero nin entenden nin pretenden unha política económica ao servizo do país", aseverou.

Así, o líder do PSdeG criticou que o Goberno galego continúe "centrado na cuestión facendística expondo un escenario cara á consolidación fiscal", que converteu a "os axustes das contas públicas" no "único leitmotiv" da súa acción de goberno.

Deste xeito, cre que "as políticas neoliberais" de "axuste e recortes" non permiten "activar" a economía de Galicia, onde, mentres as cifras da macroeconomía española están marcadas por "taxas de crecemento", a calidade de vida dos galegos "empeora".

"No actual escenario, tentar ser mileurista é a mellor opción", incidiu, para logo sinalar que "se está creando emprego" en Galicia pero que este é "precario e cun nivel salarial baixo para a calidade de vida dunha familia media do país".

I+D+I, POLÍTICAS SECTORIAIS E A GALICIA INTERIOR

Así as cousas, Gonzalo Caballero instou á Xunta a cambiar o rumbo da súa xestión económica, que ao seu xuízo debe estar centrada nos ámbitos do I+D+i, no que a Comunidade galega "está á cola" no conxunto estatal; as políticas sectoriais e en "impulsar a Galicia interior".

"A Xunta e a Consellería de Economía teñen moitas máis tarefas que facer que simplemente as políticas de axustes e os recortes", recalcou o secretario xeral.

O PSDEG CREARÁ UN 'THINK TANK'

Así mesmo, Gonzalo Caballero avanzou a creación dun 'think tank' para facer "que as mellores ideas do país estean co PSdeG" e, así, conseguir que o partido poida "liderar as formulacións da Galicia do futuro".

Aínda que non quixo detallar polo momento que nomes participarán neste "laboratorio de ideas", o político vigués expresou que o obxectivo será contar coa achega de persoas que representen "progreso, realidade social e cambio" para situar ao Partido Socialista como unha "intersección" entre a sociedade civil e o mundo da política.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta