As mareas reivindícanse como "o único espazo capaz de disputar a hexemonía do PP"

Noriega e Suárez cren que o proxecto de unidade popular no local está "consolidado" como "contrapeso á indigestión do PP" e denuncian o "acoso mediatico e político" que sofren. O rexedor de Santiago advirte a IU e a Podemos que "no espazo de unidade suman as persoas, non as marcas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2018 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

As mareas municipalistas celebran este sábado en Santiago a segunda edición dunhas xornadas para seguir avanzando e "tecendo redes" no camiño cara ás eleccións locais de 2019, unha cita para a que se reivindican como "o único espazo capaz de disputar a hexemonía do PP".

Martiño Noriega, Jorge Suárez, Rafa Sisto e Manuel Negreira
Martiño Noriega, Jorge Suárez, Rafa Sisto e Manuel Negreira | Fonte: Europa Press

No encontro, que arrincou ao redor das 11,00 horas deste sábado no Matadoiro, participaron os alcaldes de Santiago, Martiño Noriega (Compostela Aberta); Ferrol, Jorge Suárez (Ferrol en Común); Teo; Rafa Sisto (Son de Teo); e Val do Dubra, Manuel Negreira (Anova).

O rexedor coruñés, Xulio Ferreiro, non puido asistir por "motivos persoais", segundo confirmou o propio alcalde a través das redes sociais. Tampouco o fixo o portavoz de En Marea, Luís Villares, que na mañá deste sábado atopábase en Sarria (Lugo) nun acto da formación rupturista.

Os rexedores atenderon aos medios antes do arranque das mesas de traballo, centradas nos ámbitos institucional, organizativo, participativo e da 'Área de Compostela'; que darán paso a, xa pola tarde, unha mesa redonda sobre os retos aos que se enfrontan as mareas municipalistas de cara ás eleccións de 2019.

En palabras de Martiño Noriega, que será o encargado de pechar a xornada, a cita deste sábado ten o obxectivo de "tecer rede entre as experiencias" das candidaturas de unidade popular "tanto na acción de goberno como na oposición nos concellos" para, deste xeito, "construír un relato compartido". Así, reivindicou que o "espazo" político que representan as mareas está "consolidado" e que é o "único" capaz de "disputar a hexemonía" a un PP que, para Noriega, "fala de xestión, pero debería falar de indixestión, tanto cando está en acción de goberno como na oposición".

Alcaldes de las mareas municipalistas gallegas
Alcaldes de las mareas municipalistas gallegas

Logo de aseverar que o modelo de construír desde 'abaixo a arriba' "non se abandonou nunca", o rexedor compostelán incidiu en que "cada espazo" deberá decidir as "fórmulas" para presentarse ás eleccións municipais. "O que non se pode é dar pasos atrás no que foi un espazo compartido en condicións de igualdade onde todos nos identificamos co espazo que construímos", apuntou antes de remarcar que "o obxectivo" das mareas é "superior", xa que radica en "disputar a hexemonía ao PP" e non en "repartir leiras".

PAPEL DE PODEMOS

Noriega tamén foi cuestionado sobre as declaracións da secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, nas que mostraba o seu apoio ás candidaturas de unidade pero avanzaba que a formación morada tratará de promocionar a súa "marca" nelas porque a palabra Podemos "suma".

"No espazo de unidade suman todos. Pero suman as persoas, non as marcas", declarou o rexedor santiagués, que indicou que, a pesar da ausencia este sábado do portavoz de En Marea, Luís Villares, cónstalle o apoio do maxistrado en excedencia para "construír desde o local".

JORGE SUÁREZ

Pola súa banda, o rexedor ferrolán, Jorge Suárez, chamou a que "a fraternidade" impere entre as diferentes mareas para "seguir colaborando desde a adscrición individual para ir cambiando as cidades". "Alcanzamos un pico de votos de 400.000 persoas nunhas (eleccións) xerais e iso implica que hai moitísima xente que segue confiando en nós, que segue esperando que sirvamos de contrapeso nas cidades contra a indixestión (do PP)", engadiu.

Esta semana a asemblea de Ferrol en Común acordou presentarse coa mesma configuración sen adscrición de partidos políticos ás eleccións de 2019 nas que ten o reto de revalidar o seu goberno nunha cidade na que ningún partido conseguiu repetir.

Deste xeito, Suárez indicou que "o acoso mediático e político" que, di, padece a súa formación "está a producir un efecto inverso", polo que chamou a "traballar con honestidade e humildade" para encarar a cita do próximo ano, na que cre que Ferrol en Común "ten opcións reais".

As MAREAS E O RURAL

A xornada deste sábado tamén contou coa presenza dos alcaldes de Teo, Rafa Sisto, e Val do Dubra, Manuel Negreira, que se referiron a un dos retos que se presentan ás mareas: trasladar a súa "consolidación" no ámbito urbano ao rural galego. Para Sisto, "hai poucas diferenzas" entre as grandes cidades e os municipios pequenos, xa que "os procesos son os mesmos" aínda que deben adaptarse ás realidades de cada lugar.

Na mesma liña expresouse Negreira, que cre que "os cambios no rural sempre son máis difíciles ou, polo menos, máis lentos". "O movemento ten unhas bases comúns, pero hai que adaptalas ás especificidades de cada situación", engadiu. "Aí está o traballo político, non todo se pode facer da mesma forma, pero a base e o substrato é común", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 31 comentarios

1 Cidadanía de Xestión SL

O tempo xa pasou, Podemos baixa e a marea que crearon tamén baixa. Agora as hostias e as navalladas internas van ir a moito máis. Gardaronlle quentiño o sillon aos pepeiros. Decepcionaron e seguen os tres tenores que seguen xestionando igual de mal que o PP e nalgún caso cos orzamentos do PP como o liberado de CC OO. E aínda falta por ver se Podemos vos retira os apoios ou comezan a saír casos na prensa.

1 Natasha Rostova delasRestrevas

Non, o tempo xa chegou: para eles e para os do bloque... Se saben sumar e se deixan de minifundios. Si que se pode nun Bloque Galeguista de Esquerdas (BGE). Estouvos dando ata o nome... Pensádeo... Hai o exemplo portugués. Cómpre cambiar e deixar as trincheiras, irmáns de Jacobusland. Por nós, por vós e polos vosos fillos e netos: construíde unha alternativa. Os tempos son chegados, irmáns. Por favor, cando menos pensádeo.