Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 01/02/2018 | Actualizada ás 12:35
A camelia, esa planta que adoran en Xapón e que comeza a ser unha paixón en Galicia, tamén entra nas escolas. A Deputación de Pontevedra acaba de editar unha unidade didáctica para difundir entre os centros escolares.
Esta guía estructúrase en diferentes partes, sendo a primeira unha introdución científica. Continúa cun apartado con bibliografía e carteis de apoio, e coas fichas didácticas que inclúen o que Manuel Sánchez, director do CEIP Campolongo denominou “pinceladas para que calquera docente de Galiza ou do Estado as poida adaptar ao seu alumnado”.
Despois das fichas orientadas a profesorado, inclúense as fichas con exercicios para alumnado e o conto infantil “A fada das camelias” da autoría de ‘Polo correo do vento’. Este conto está incluído na súa versión orixinal en galego, e tamén coas traducións a español e inglés, en consonancia coa realidade curricular actual.
Os autores do conto infantil, o ilustrador Carlos Taboada e o escritor Enrique Mauricio, aseguraron, durante a presentación da guía, estar moi satisfeitos “co tratamento das ilustracións e dos exercicios” que se inclúen, e destacaron a “transversalidade” no tratamento da información recollida “que vai desde a flor ata os diferentes tipos de produtos como o aceite e o té”. Taboada e Mauricio tamén quixeron poñer en valor “todo o traballo que se fai desde a EFA a prol da camelia e sobre todo orientado ao público infantil, que é o máis idóneo para recoller toda esta paixón”.
CARÁCTER POLIÉDRICO DA CAMELIA
Pola súa banda, a deputada delegada da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), Eva Vilaverde, destacou a necesidade de dar a coñecer o carácter poliédrico da camelia, poñendo en valor as súas posibilidades produtivas e económicas. “E nesta unidade didáctica ensinamos a camelia como un cultivo, e non só como unha flor” asegurou.
“Se queremos realmente poñer en valor a camelia debemos ensinarlla primeiro ás nenas e aos nenos, de maneira amable , e a través dun recurso coidado, digno, e que fale o seu idioma”, engadiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.