Inditex apoia un acto sobre refuxiados tras ser criticada por explotar a sirios en Turquia

A situación das persoas refuxiadas e do sistema de protección internacional centran o acto de apertura do Curso de Especialización da Cátedra Inditex-UDC de Responsabilidade Social. A BBC denunciou hai ano e medio o traballo "escravo" de sirios para Zara.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 02/02/2018 | Actualizada ás 08:35

Comparte esta noticia

Inditex forma parte da Cátedra Inditex-UDC (Universidade da Coruña) de Responsabilidade Social. Unha cátedra que este xoves inagurou a sétima edición do Curso de Especialización en Responsabilidade e Innovación Social (CERIS) que contou coa participación do director da Cátedra de Refugiado y Migrantes Forzosos da Universidade Pontificia de Comillas, Juan Iglesias Martínez.

Nenos sirios traballando para as grandes industrias téxtiles, entre elas Zara e Mango, en Turquia, nun programa da BBC
Nenos sirios traballando para as grandes industrias téxtiles, entre elas Zara e Mango, en Turquia, nun programa da BBC

Martínez centrou a súa conferencia na situación dunha pequena parte dos 65 millóns de persoas que, segundo datos de ACNUR, “están desprazados no mundo”. Concretamente, o profesor Iglesias, falou do sistema de petición de asilo en Europa e do “brutal crecemento do número de solicitudes” de protección rexistrado en 2015 e 2016.

Cada ano, explicou o relator, “entran en Europa da orde de 3 millóns de persoas, 300.000 no caso de España”; unha vez na fronteira, preséntanse as solicitudes de refuxio “que deben ser respondidas”. En 2015, proseguiu, “só 31 de cada 100 foron aceptadas”, algo “que choca”, afirmou Iglesias, coa realidade de que “quen están a acoller realmente a estas persoas son países rexionais moito máis pobres que a Unión Europea”. “Eu poño os datos encima da mesa, agora vostedes son quen deben responder á pregunta do título desta conferencia: Crise de refuxiados ou crises do sistema de protección internacional?, concluíu.

POLÉMICA CON ZARA E MANGO

Curiosamente, a intervención de Iglesias volveu a sacar a luz as críticas que en outubro do 2016 fixo a BBC polo “traballo escravo” de refuxiados, principalmente sirios, en Turquia para grandes compañías téxtiles, entre elas, Zara e Mango,.

Participantes no inicio do curso da Cátedra Inditex-UDC de Responsabilidade Social
Participantes no inicio do curso da Cátedra Inditex-UDC de Responsabilidade Social

No seu programa Panorama, a cadea pública británica revelou que varias empresas provedoras destes xigantes comercios empregan a refuxiados sirios adultos e menores como man de obra escrava. Facíano desde talleres explotados en Turquía, onde os sirios buscan unha saída ao drama da guerra civil na que está mergullado o seu país. Así, o programa suliñaba que os nenos e adultos traballan ata 12 horas por día e en condicións paupérrimas. O dramático informe mostraba como tinguen pantalóns vaqueiros para Zara e Mango, e para as inglesas Marks & Spencer e Asos, manipulando produtos químicos sen sequera utilizar unha máscara que os protexa.

Naquel momento, Zara indicou que realiza inspeccións regulares e que, con ese tipo de medidas, conseguiu "controlar e mellorar as condicións" nas que se atopan os traballadores dos seus produtos. Inditex tamén dixo entón que realizou unha inspección ao taller en Istambul onde se realizou o informe da BBC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta