Temas: XORNALISMO

Os medios en galego reivindican o seu papel fundamental para a Galicia do futuro

A primeira celebración do Día dos Medios en Galego reivindica amor e compromiso por un xornalismo de calidade e en lingua galega, o mesmo que reivindicou Valentín Lamas Carbajal hai 141 anos cando sacou o primeiro medio en galego,

Por Galicia Confidencial | Fene | 03/02/2018 | Actualizada ás 22:10

Comparte esta noticia

O local da Liga de Amigos de Barallobre, en Fene, foi esta fin de semana o punto de encontro de representantes políticos e do mundo cultural e social, da man asociación Amega (Asociación de Medios en Galego), para imnpulsar a celebración do Día dos Medios en Galego, para o que se elixiu o 7 de febreiro por coincidir co aniversario do nacemento da publicación periódica 'O Tío Marcos da Portela', xurdida en Ourense en 1876 con Valentín Lamas Carbajal como editor. Nesa data está prevista unha declaración institucional no Parlamento Galego apoiada por todos os grupos políticos para reivindicar o papel fundamental dos medios en galego para a Galicia do futuro.

Encontro en Fene para a declaración do Día dos Medios en Galego.
Encontro en Fene para a declaración do Día dos Medios en Galego.

Nunha ateigada sala, o presidente de Amega e anfitrión do encontro, Henrique Sanfiz, quixo destacar a significación do Día dos Medios en Galego como unha data para pedir apoio das institucións e a cidadanía para os medios de comunicación que empregan a nosa lingua; e tamén para lembrar “heroicidades” como a de 'O tío Marcos da Portela', que conseguiu chegar a vender 4.000 exemplares cando máis do 60% da poboación galega era analfabeta.

Sanfiz mostrouse optimista e convencido de que “hoxe poñemos unha primeira pedra moi importante e contribuiremos a que nada vaia ser igual de aquí en diante” para os medios en galego.

Neste mesmo aspecto incidiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que asegurou que coa institución do Día dos Medios en Galego “estamos facendo historia” e adiantou que seguramente no ano 2019 haberá máis que os 32 medios que agora son socios de Amega.

O representante da Xunta expresou o apoio da Dirección Xeral de Política Lingüística ás empresas xornalísticas que utilizan o galego ao tempo que pediu a estes medios que se atendan todas as ideoloxías e se poida “chegar a toda cidadanía no noso idioma”.

Encontro en Fene para a declaración do Día dos Medios en Galego.
Encontro en Fene para a declaración do Día dos Medios en Galego.

No encontro interviron representantes de todos os grupos parlamentarios.Pola parte do BNG, Ana Pontón, foi crítica coa Xunta e dixo que o Goberno nega o seu apoio aos medios en galego, “porque non cre no seu país nin na súa lingua”, pero engadiu que o pobo “quere un espazo comunicativo forte e en galego”.

Xoaquín Fernández Leiceaga (PSOE) insistiu en que se necesitan máis medios “de referencia” en galego e apostou por un cambio nas políticas de comunicación e de promoción do galego, tamén para aumentar o número de lectores no noso idioma.

Pola súa banda Antón Sánchez, de En Marea, lembrou que “xa hai un espazo de comunicación plural e libre na nosa lingua, queremos máis pero xa o hai” e referiuse ao “desigual combate polas audiencias” que libran estes medios. Pediulles a estes, ademais, “a mesma crítica e rebeldía do Tío Marcos da Portela”.

Por último, o representante do PP, César Fernández Gil, aludiu ao papel dos medios de comunicación na construcción do individuo colectivo e destacou a importancia do idioma galego nesta tarefa, para engadir que “a lingua non debe estar ao servizo da consecución dun fin, a lingua é un fin en si mesma”.

Ademais dos responsables políticos houbo outras intervencións, como a do decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Xosé Ramón Pousa, que destacou o valor que supón contar cun importante capital humano -os máis de dous mil titulados e tituladas saídos de Santiago nos últimos 25 anos- para crear novos medios en galego, ou a de Xoán Costa, responsable de Sermos Galiza, que anunciou a aparición dun novo xornal en galego para 2019.

Os representantes da Fundación Otero Pedrayo, Juan Luis Saco, e da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, estiveron tamén presentes para dar o seu apoio a este encontro, o mesmo que o da Mesa pola Normalización Lingüística, Manuel Rei, que fixo notar que o uso do galego é moi minoritario nos medios de maior difusión e que está máis presente nos de nivel local ou comarcal o que demostra -apuntou- que “hai un compromiso desde abaixo que non ten correspondencia nin apoio desde arriba”.

Luis Álvarez Pousa destacou as claves da permanencia de “Tempos Novos” desde hai 21 anos: independencia, pluralidade e calidade, ademais do uso da lingua do país, e avogou por un crecemento que permita aos medios en galego ser medios de referencia ademais de denunciar que os subvencionados pola Administración incumpren os mínimos criterios de uso do galego que se establecen para conceder as axudas.

Xurxo Salgado (director de Galicia Confidencial) pediu que “acariñemos máis a nosa lingua e os nosos medios de comunicación en galego”, mentres que Pablo García (Radio Estrada) explicou que no seu caso é precisamente o uso do idioma o que fai que conecten cos seus ouvintes.

Ubaldo Cerqueiro (Que pasa na costa) esixiu tamén “axudas de verdade” por parte da Administración e destacou que medios como o seu contribúen tamén a fixar postos de traballo no rural.

O encontro, que foi conducido por Antón Cortizas e Pitusa Arias, contou con intervencións poéticas a cargo do colectivo literario Moraima e coa colaboración da contacontos Paula Carballeira e a cantante Eugenia Sanmartín.

Para pechar o acto, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, lembrou a historia de Radio Fene, creada como elemento para contribuír á creación de identidade a través da lingua e destacou que os medios de comunicación en galego “son fundamentais para nos consolidar como nación de seu que reivindica o lugar no mundo que por dereito nos corresponde”.

Unha fotografía conxunta no Monumento ao Camiñante Descoñecido, que inaugurou Otero Pedrayo en 1934, e unha comida de confraternidade puxeron fin a esta primeira gala que terá carácter itinerante nos vindeiros anos.

INTERVENCIÓN DE XURXO SALGADO, DIRECTOR DE GALICIA CONFIDENCIAL

Encontro en Fene para a declaración do Día dos Medios en Galego.
Encontro en Fene para a declaración do Día dos Medios en Galego.
Foto de familia en Fene dos impulsores do Día dos Medios en Galego, ante o monumento ao Camiñante Descoñecido, que inaugurou Otero Pedrayo en 1934.
Foto de familia en Fene dos impulsores do Día dos Medios en Galego, ante o monumento ao Camiñante Descoñecido, que inaugurou Otero Pedrayo en 1934.
Temas: XORNALISMO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 andré gome

bens iniciativa.

2 André

Parabéns pola iniciativa.

1 Portugaliza

Velaí um fato de analfabetos muito espanhóis. Tenhem de escrever e falar o galego à espanhola, outra cousa não sabem fazer. E ainda querem impor uma tal argalhada espanholeira à sociedade. Imponhem a ignorância e defendem as suas prebendas, pretendendo agir por interesse comum. Em breve haveremos vê-los em colaboração com os defensores da «língua andaluza» ...

1 KKdluxe

Hoxe non tomaches a pastilla?