A cultura e a literatura galega chegarán aos lugares máis apartados de Europa

Será grazas a un proxecto europeo no que participan sete entidades internacionais e que ten coma obxectivo impulsar os sectores culturais e creativos.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 06/02/2018 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Proxectos culturais e literarios de Dinamarca ou de Hungría chegarán aos Ancares ou ao Courel. Será grazas á Fundación Uxío Novoneyra que, xunto coa Deputación de Lugo, participan no Proxecto Comunitario SILO (Operacións Literarias Socialmente Inclusivas), un novidoso proxecto europeo para achegar nos vindeiros 3 anos a literatura galega por toda Europa e a europea por Galicia. 

A Deputada de Cultura de Lugo, Pilar García Porto, e do xerente da Fundación Uxío Novoneyra, Uxío Novo Rey, presentan o proxecto SILO
A Deputada de Cultura de Lugo, Pilar García Porto, e do xerente da Fundación Uxío Novoneyra, Uxío Novo Rey, presentan o proxecto SILO

Este novidoso plan, dotado de 335.000 euros,  está dirixido a promocionar a literatura en lugares, como por exemplo poboacións illadas do rural e da Montaña, como O Courel; centros escolares; residencias de maiores, así como colectivos vulnerables: drogodependentes ou reos, entre outros. A primeira xornada deste encontro celebrárase dende o 21 ao 26 de agosto no Courel, e haberá un intercambio de escritores, poetas e tradutores de toda Europa.

O SILO é o único proxecto de Europa Creativa que se realiza en Galicia e está integrado por sete entidades internacionais: Fundación Uxío Novoneira, en España; Aarhus Public Libraries e Aaurus Universitet, en Dinamrca; Association Krokodil, en Serbia; Câmara municipal da Madalena do Pico, en Portugal; Cultuurhuis de Warande, en Bélxica; e Szepirok Tarsasaga, en Hungría. 

Deste xeito, realizaranse encontros literarios con escritores, expertos literarios e xerentes culturais de referencia, no que participen tamén os veciños e colectivos lucenses, buscando a creación de novas sinerxías dando a coñecer aos lucenses a literatura europea e aos europeos a galega.

INTERNACIONALIZACIÓN DA CULTURA

O SILO, está destinado a impulsar os sectores culturais e creativos como o cine, a televisión, as artes escénicas e visuais, deseño e artes aplicadas, música, literatura, patrimonio cultural material e inmaterial, entre as persoas con maior dificultade de acceso ás mesmas. Ademais, un dos obxectivos deste proxecto é profesionalizar e internacionalizar as autoras e autores e traballadoras culturais do país, así como os legados literarios de Galicia. Este proxecto contará tamén con unha plataforma dixital coa que os participantes de toda Europa poderán interactuar.

Este programa “colocará a Lugo na primeira división de desenvolvemento de políticas de democratización cultural en Europa”, dicía este venres a deputada de Cultura, Pilar García Porto. O proxecto, ademais, permitirá xerar sinerxias entre outras entidade de referencia como son o servizo de Bibliotecas de Aarhus, Capital Europea da Cultura no 2017, o Cultuurhuis de Warande, o centro cultural mais innovador de Bélxica, ou as meirandes feiras do Libro de Europa, como a de Budapest e Serbia”, resumiu.

Nos vindeiros días a Fundación Uxío Novoneyra trasladárase a Bruxelas para definir as actuacións que se van a desenvolver en toda a provincia de Lugo con este pioneiro proxecto, contando coa participación de todas as entidades implicadas e baixo a coordinación da Universidade de Limburg, en Bélxica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Alégrome moito de que xurdan proxectos así.