O parque temático

O último día que estiven na casa de meus pais tentei visitar a balsa do río Alvariña, donde nos bañabamos de rapaces. Non foi posible: unha densa matogueira ocupa os antiguos camiños e impide o acceso á beira da auga.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 23/01/2011

Comparte esta noticia

As cortiñas, antes tan valoradas, agora están invadidas pola maleza. No outro lado da ponte, onde estaban os montes da Beria e fértiles terras de labranza, agora vese o asfalto e as farolas dun enorme parque industrial que nunca foi utilizado, ocupado tamén polos toxos e as xestas. É a paisaxe do abandono agrícola e da carencia de desenvolvemento industrial, convertido xa en ruína. Hai moitos lugares de Galicia con esta mesma imaxe: a morte dos camiños, o abandono dos ríos, a destrución da paisaxe. Xa dicía Manuel Rivas que este é un país cheo de conservadores que non son quen de conservar o que paga a pena. 

De non poñerlle remedio ese pode ser o noso destino. Galicia fixo mal o tránsito da economía rural á modernidade e tivo unha clase dirixente que non soubo aproveitar as potencialidades desta terra e as súas xentes. De non variar o rumbo podemos atoparnos, en poucas décadas, cunha xeografía de abandono na que só se conservarían determinados elementos como integrantes dun Parque Temático, para o lecer dos visitantes. Marcial Gondar ten advertido deste risco e o psiquiatra Antón Seoane ten descrito o seu pesadelo: "Visitaremos explotacións agrarias, con vacas incluídas. Contemplaranse aldeas abandonadas, reconstruídas á sazón, con lugareños de atrezzo, e haberá unha área adicada ao mundo do mar con naufraxio de cartón pedra...". Tamén Santiago Lamas (Galicia borrosa) describe como o que hai anos era cotián e se perdeu, recupérase agora en forma de folclore e turismo.

Dese xeito, o Camiño de Santiago rexorde desprovisto das antigas motivacións relixiosas, os pazos e mosteiros en ruínas recupéranse para acoller turistas rurais, os hórreos son trasladados como elemento ornamental aos xardíns dos novos ricos, as ferramentas do campo pasan ás paredes das adegas e das casas rehabilitadas, e as celebracións rituais do campo convértense nas numerosas e multitudinarias festas gastronómicas que fan de Galicia o lugar das grandes paparotas. Non estamos lonxe desta visión premonitoria, coa cultura popular convertida nun motivo de atracción turística e o galego como lingua ritual. Algo teremos que facer, para fuxir deste futuro tan indesexable..

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.