Galicia ten os nives de segregación escolar máis baixos de Europa, á altura de Suecia e Finlandia

Pola contra, en Madrid a segregación escolar por nivel socioeconómico e cultural é máis alta que ningún país europeo, coa excepción de Hungría. España é un dos países co sistema educativo máis segregado de toda a Unión Europea.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/02/2018 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Os niveis de segregación escolar por nivel socioeconómico e cultural en Galicia son os máis baixos de Europa, ao nivel dos países escandinavos. Así o constata un estudo realizado por membros do Grupo de Investigación Cambio Educativo para la Justicia Social (GICE) da Facultad de Formación de Profesorado y Educación da Universidad Autónoma de Madrid.

Celebración do Día Internacional da Lingua Materna nunha escola infantil de Santiago
Celebración do Día Internacional da Lingua Materna nunha escola infantil de Santiago | Fonte: Europa Press.

O estudo é a primeira achega comparativa que se fai sobre a magnitude da segregación escolar por nivel socioeconómico e cultural entre comunidades autónomas, e entre estas e os os países da Unión Europea.

Os autores atoparon que os niveis de segregación escolar en cada unha das 17 comunidades autónomas son moi dispares. Variabilidade que se fai aínda máis patente cando se comparan os datos coas magnitudes dos países da Unión Europea. Así se atopan, por unha banda, comunidades como Illes Balears e Galicia, coas taxas máis baixas de segregación en España e tamén en Europa, xusto entre Finlandia e Suecia (os dous países con menor segregación escolar), os países con menor segregación de Europa e tamén no mundo. No lado oposto sitúase a Comunidad de Madrid, coa maior segregación en España e cos índices máis altos de Europa, entre Hungría e Rumania.

O estudo toma como referencia dúas variables, o denominado Índice de Gorard, isto é, a desviación proporcional dos estudantes do grupo minoritario con respecto a unha completa distribución da pobreza, e o Índice de Illamento, que calcula a probabilidade de que un membro do grupo minoritario se atope na súa escola con outro membro do seu mesmo grupo.

Os resultados mostran que comunidades como Illas Balears, Galicia, Castela e León ou Aragón teñen índices moi baixos de segregación promedio, destacandon as dúas primeiras, con índices comparables aos países nórdicos; mentres que a Comunidad de Madrid ten a segregación máis alta de Europa, coa excepción de Hungría (supera a países do Leste como Rumanía, Eslovaquia, República Checa, Bulgaria e Eslovenia).

Nenos nunha escola infantil
Nenos nunha escola infantil | Fonte: centros.edu.xunta.es

A magnitude da segregación escolar medida en España a través do índice de Gorard é de 0,38 e do 0,32 medido polo índice de Illamento. Isto significa que o 38% dos estudantes debería cambiar de escola para lograr unha repartición igual á presenza dos estudantes do seu grupo na poboación total. Por outra parte, tamén indica que a probabilidade de que un estudante se atope na súa escola con outro estudante do seu mesmo grupo é do 32%. As cifras promedio mostran que España é un dos países co sistema educativo máis segregado de toda a Unión Europea.

Porén Galicia mostra datos moito mellores, situándose en Europa entre os dous países con menos segregación do mundo, Finlandia e Suecia. O índice de Gorard en Galicia é do 0,29 (nove décimas por debaixo da media estatal), mentres que o de Illamento sitúase en 0,27 (cinco décimas por debaixo da media do Estado).

Os resultados publícanse no estudo 'Magnitud de la segregación escolar por nivel socioeconómico en España y sus Comunidades Autónomas y comparación con los países de la Unión Europea', asinado polos investigadores F. Javier Murillo e Cynthia Martínez-Garrido.

Participantes na palestra que tivo lugar na escola infantil Avoaescola de Narón
Participantes na palestra que tivo lugar na escola infantil Avoaescola de Narón
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta