Denuncian a TEN S.L. por verteduras residuais en Touro

A asociación Aldea Viva pide á Xunta que se revise a autorización ambiental desta empresa na mina de Touro pola contaminación derivada da acumulación de residuos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/02/2018 | Actualizada ás 19:49

Comparte esta noticia

A asociación Aldea Viva vén de presentar senllas denuncias ante Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente contra a empresa Tratamientos Ecológicos del Noroeste (TEN. S.L.),  pola contaminación derivada da acumulación de residuos desta empresa, para a que pide que se revise a súa autorización ambiental na mina de Touro

Acumulación de lodos no río causados pola actividade da empresa TEN S.L. en Touro
Acumulación de lodos no río causados pola actividade da empresa TEN S.L. en Touro | Fonte: Aldea Viva.

A asociación describe con datos e imaxes a "grave situación" que atravesan diversas canles fluviais coma o río do Burgo, que deriva ao Brandelos e finalmente á cunca do Ulla. Os denunciantes consideran que os feitos referidos poderían supoñer un incumprimento da Autorización Ambiental Integrada (AAI) por parte da mercantil, na que se recolle a prohibición expresa de verter ao dominio público hidráulico as augas residuais industriais, xa sexan lixiviados ou mesturas destes coas escorregas.

A autorización outorgada a TEN en xullo do 2015 pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, permitiu a esta empresa a instalación dunha planta de valorización de residuos para elaboración de fertilizantes e solos artificiais (tecnosoles) e a xestión de residuos non perigosos de orixe doméstica e industrial, que se localiza na corta da mina de Arinteiro.

A planta ocupa unha superficie de 51.547 metros cadrados da parcela na que existen tres zonas de amoreamento de biomasa, un parque de material estructurante de 425 metros cadrados na que se descargan e almacenan residuos (na súa meirande parte materiais inertes), e unha nave de descarga de biosólidos cun silo-foxo de 383 metros cadrados no que se descargan os residuos con alto contido orgánico, como lodos de depuradoras e residuos gandeiros.

Fora destes espazos, nos taludes da corta de Bama e as entulleiras verticais de desigual nivel se veñen depositando dende hai tempo lodos de depuradoras entre outros materiais, que coas primeiras chuvias e mediante escorrentías, dada a súa verticalidade, rematan nos cauces públicos, tal e como se constata nos documentos gráficos achegados nas correspondentes denuncias.

Centos de metros cúbicos de lodo acumulados pola empresa TEN S.L. en Touro
Centos de metros cúbicos de lodo acumulados pola empresa TEN S.L. en Touro | Fonte: Aldea Viva.

A asociación Aldea Viva entende que a Resolución do Órgano Administrativo obriga ao titular a comunicar a este calquera modificación que se pretenda levar a cabo, ademais da presentación dun informe de situación da contaminación dos solos co contido establecido no Decreto 60/2009, de solos contaminados de Galicia.

As referencias normativas á Lei 16/2002 deberan ser estendidas ao Real Decreto Lexislativo 1/2016 polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control da contaminación, que derroga a norma anterior, co que, nesta situación, logo de calquera modificación sustancial das instalacións, estas deberan ser sometidas a un novo procedemento de autorización ambiental.

Aldea Viva considera que os feitos referidos poderían ser motivo de incumprimento da AAI, en canto non se cumpren as obrigas e os condicionantes impostos a TEN S.L., na que se recolle a prohibición expresa de verter ao dominio público hidráulico as augas residuais industriais (lixiviados ou mesturas destes coas escorregas), tal e como acreditan documentalmente as probas presentadas.

Doutra banda, Aldea Viva solicita que se proceda a inspeccionar as zonas de vertedura de residuos da empresa sobre os taludes e a súa chegada ao dominio público hidráulico e, de ser o caso, se adopten as medidas de disciplina ambiental e sancionadoras recollidas no Real Decreto Lexislativo 1/2016 e na propia normativa de Augas de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta