Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2018 | Actualizada ás 12:04
Representantes dos sindicatos e da Administración autonómica sentáronse de novo a negociar este luns en busca dunha saída á folga indefinida que desde o mércores da pasada semana provocou a suspensión de centos de xuízos e de miles de trámites xurídicos, ademais da práctica paralización dos rexistros civís.
Aínda que o comité de folga, no que están representados o sete sindicatos do sector xudicial autonómico, convocaran ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, ao encontro deste luns na Escola Galega de Administración Pública, a Xunta xa avanzou o pasado venres que acudirían os que exerceron de representantes na negociación.
Así, cos membros do comité de folga sentáronse o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e o seu homólogo en Función Pública, José María Barreiro, á cabeza das negociacións.
Despois de duros cruces de acusacións entre as partes a semana pasada, Martín e Barreiro acudiron, segundo fontes do Goberno galego, cunha nova oferta debaixo do brazo, que é a que agora está sobre a mesa.
Os representantes da Administración galega deixaron, despois de entregala, un tempo ao comité de folga para que a avaliase en solitario, e agora ambas as partes reuníronse de novo co obxectivo de poder desbloquear un conflito até agora enquistado.
ENTRE 660 E 900 EUROS AO ANO
Até agora, a Xunta apostaba por, a través do complemento autonómico transitorio, un incremento de 75 euros ao mes (900 euros ao ano) para os xestores; 62 euros ao mes (744 ao ano) para os tramitadores; e 55 euros ao mes (660 ao ano) para os auxilios. O incremento, que tería efectos a partir do 1 de xaneiro de 2019, aplicaríase en tres anualidades. É
Ademais, a proposta recollía que este aumento no complemento sería compatible con manter o concepto retributivo de 'IPC galego', que xa perciben os funcionarios por traballar na Administración autonómica galega e que supón ao redor de 9 euros ao mes para os xestores; 8 euros ao mes para os tramitadores; e 7 euros ao mes para o corpo de auxilios.
Aos sindicatos non lles satisfacía a proposta económica, nin tampouco o feito de que se pospuxese o arranque da súa aplicación a partir do 1 de xaneiro de 2019. Rexeitaban que sexa "ilegal" un incremento en 2018 (como afirma a Xunta) e suxerían a vía da "produtividade" que contempla, alegan, a Lei do Poder Xudicial, para poder aplicala xa.
Ademais, incidían en que o feito de que se realice en tres anualidades suporía que non cobrarían o total comprometido até 2021 e en que nin sequera esas cifras "se corresponden coa suba real" que se alcanzaría dentro de tres anos (que sitúan ao redor dos 500 euros).
Tamén está enquistada a "discriminación" que denuncian nas baixas por incapacidade temporal, en relación aos seus compañeiros xuíces ou fiscais, por exemplo; mentres noutras cuestións, como a consolidación de emprego, as amortizacións ou a cobertura de postos de compañeiros de rango superior, ambas as partes xa recoñeceran avances, aínda que con diferenzas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.