A Xunta pide aos sindicatos seguir negociando sen manter a folga indefinida na Xustiza

O Goberno galego di esta aberto a falar "todos os días", pero mantén o seu ultimato cunha última oferta e insta os sindicatos de xustiza a "entrar en razón". Os sindicatos anuncian mobilizacións en todas as cidades para este xoves.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2018 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu este mércores que a Administración galega está aberta a falar para tentar reconducir o conflito na Xustiza en calquera momento, pero remarcou que a base da negociación será a última oferta que o luns o Goberno deixou sobre a mesa e manifestou o seu desexo de que os sindicatos "entren en razón".

Folga da xustiza en Galicia
Folga da xustiza en Galicia | Fonte: Europa Press

Nun acto na Estrada, o vicepresidente remarcou que a postura da Xunta é "coñecida" e lembrou que a proposta económica que os negociadores da Administración expuxeron o pasado luns supón unha suba, segundo o corpo de funcionarios da Xustiza á que se refira, de entre 816 e 1.080 euros ao ano. Respecto doutras reivindicacións, remarcou que se lograron acordos.

"Aí estamos e aí imos seguir", sentenciou Rueda, quen aproveitou as súas declaracións aos medios para "volver facer un chamamento á responsabilidade" e a que finalice unha folga indefinida na que, a quen se está causando prexuízos, é "aos cidadáns que necesitan ir aos xulgados".

Rueda, quen xa apelou esta semana a que se levante o paro iniciado o mércores da semana pasada, insistiu en que "se pode seguir negociando sen manter unha folga indefinida". Engadiu, ademais, que para negociar "hai que facer algo máis que cualificar de ridícula unha suba que pode chegar aos 1.000 euros ao ano".

Con esta postura por parte dos sindicatos, advertiu que non se vai chegar "a moitos puntos de acordo". "Espero que os sindicatos entren en razón e se dean conta de que sobre a base da proposta da Xunta é sobre a que hai que chegar a un acordo", aseverou, antes de reiterar que "isto non é un toma e daca para ver quen sobe máis e até onde chegamos".

"Até onde chegamos é á cifra ofertada e aí ímonos a manter", remarcou.

NOVA REUNIÓN PENDENTE

Acerca de se hai previsto algún novo encontro ou contacto entre Xunta e comité de folga, o vicepresidente remarcou que o Goberno galego nunca pechou as portas a falar. "Hoxe mesmo, ou mañá, se queren", esgrimiu, antes de lembrar que a Xunta xa volveu sentar o luns e foron os sindicatos quen se volveron a levantar dicindo que a oferta era "ridícula".

"As datas (para o diálogo) son todos os días que os sindicatos queiran", asegurou, antes de precisar que esta disposición non significa que a Xunta "vaia a estar a subir sempre a cifra", tendo en conta que manexa "recursos públicos" e a contraproposta do comité de folga é inasumible.

Rueda volveu censurar que se cualifique de "ridícula" unha suba que alcanza os 1.000 euros ao ano e advertiu de que así "non se vai a chegar a ningunha parte", antes de facer "un chamamento á reflexión e á racionalidade".

"ISTO NON VAI DE QUEN CHAME A QUEN"

Preguntado acerca de se a Xunta tomará a iniciativa, contestou que "isto non vai de formalismos nin vai de quen chame a quen". "Nós estamos aí permanentemente e se hai que volver sentar para falar da oferta que fixemos o luns, pois mañá mesmo e o tempo que faga falta", asegurou.

"Se os sindicatos están a esperar unha chamada da Xunta, pois aproveito para dicirlles que a chamada da Xunta é permanente. Estamos aí, coñecen a nosa oferta. Falemos dela e tentemos chegar a un acordo", apelou, antes de concluír que, se o que espera o comité de folga é que a Administración volva subir a súa oferta, "xa coñece a postura da Xunta".

"NON É CUESTIÓN DE CAPRICHO, SENÓN RESPONSABILIDADE"

Rueda incidiu nas molestias para os cidadáns que supón a suspensión de xuízos e trámites que "non se están facendo, aínda que deberían estar a se realizar polos servizos mínimos". "Que un servizo tan fundamental como a xustiza non funcione de forma normal, sempre vai causar prexuízos", esgrimiu.

De feito, recoñeceu que a Xunta é "a primeira" en admitir os prexuízos e en desexar que se solucione o conflito. Pero para logralo, tamén deixou claro que non pode "ir a límites insustentables".

Así, mostrouse convencido de que "a xente entende que non é cuestión de capricho senón de responsabilidade", posto que o Executivo que lidera Alberto Núñez Feijóo traballa "con diñeiro de todos" os galegos, polo que hai que ser "especialmente responsable" na xestión.

Dito isto, concluíu que a pretensión do comité de folga, que ronda un incremento do complemento autonómico duns 2.700 euros ao ano, é "de xeito evidente insustentable e inxustificable". "E non a podemos admitir se somos xestores responsables", concluíu.

PROTESTAS

Por outra banda, traballadores da administración xudicial de Galicia, colectivo en folga indefinida desde o mércores da semana pasada, convocaron manifestacións para este xoves nas sete grandes cidades galegas. O calendario de mobilizacións do que informaron os sindicatos reflicte que as manifestacións na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ferrol arrincarán ás 12,00 horas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta