A Xunta quere combater os lumes con charlas e actividades divulgativas en centros escolares

Versarán sobre aspectos relacionados coa conservación da natureza, as características dos nosos montes e a prevención, defensa e extinción de incendios.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/02/2018 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

A Xunta planificou para este ano a realización de 324 charlas e actividades divulgativas co obxectivo de concienciar contra os lumes forestais. Unhas accións nas que prevé a participación duns 17.000 alumnos de centros escolares de toda a comunidade. 

Loita contra o lume en Zamáns (Vigo), en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Loita contra o lume en Zamáns (Vigo), en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Os informes sobre as causas dos incendios forestais en Galicia apuntan cara a unha alta intencionalidade e sinalan que a man do home está detrás da inmensa maior parte dos lumes. “Por iso, a prevención ten que centrarse, ademais das actuacións sobre o terreo, na sensibilización social e a educación ambiental”, indican desde a Xunta. “Isto ten unha importancia especial na infancia, á hora de asentar nela valores de respecto e coidado do medio natural e, especificamente, de rexeitamento á actividade delituosa incendiaria, obxectivos que se perseguen con esta campaña”, engade.

O Goberno galego enmarca esta medida nos 30 compromisos adquiridos na proposta presentada por Núñez Feijóo na Cámara galega tras a vaga de lumes de outubro pasado, que se refería ao deseño dunha campaña de sensibilización na educación obrigatoria sobre o coidado do ambiente e a prevención de incendios forestais. Así se explica nun informe avaliado no Consello da Xunta do pasado xoves.

As xornadas serán coordinadas por xefes, axentes e técnicos da Consellería do Medio Rural e levaranse a cabo nos dezanove distritos forestais de Galicia. Versarán sobre aspectos relacionados coa conservación da natureza, as características dos nosos montes e a prevención, defensa e extinción de incendios.

ACCIÓNS SEMELLANTES EN 2017

En todo caso, non é a primeira vez que se fan este tipo de actividades. O pasado ano xa se realizaron accións de sensbilización semellantes ás previstas este ano. Non obstante, a Xunta agarda incrementalas nun 11,5% respecto ao 2017 e chegar a un 30% máis de alumnos. Esta iniciativa desenvolverase en centros de ensino de infantil e primaria, pero tamén están previstas accións en institutos de ensino secundario e mesmo algunha coa universidade, dirixida a estudantes de Enxeñaría de Montes.

Desde o período 2015-2017 foron 800 as actuacións de divulgación realizadas que chegaron a 41.249 escolares. A estas actividades a Xunta engade outras como “O monte vivo” ou “Montentérate - O monte, a nosa vida”. Nos tres últimos cursos participaron nestes programas, en conxunto, un total de 2.703 rapaces de 29 centros educativos de toda Galicia. Medio Rural leva a cabo tamén accións divulgativas e plantacións simbólicas de árbores aproveitando a celebración, cada 21 de marzo, do Día Mundial dos Bosques.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta