O Concello de Sada urxe a convocatoria da Comisión de expertos do Pazo de Meirás ante a súa posible venda

O goberno local de Sada acusa á Xunta de "pasividade cómplice cos intereses económicos dos herdeiros de Franco"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2018 | Actualizada ás 12:39 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O Concello de Sada (A Coruña) solicitou á Xunta de Galicia a convocatoria "extraordinaria e urxente" da Comisión de expertos sobre o Pazo de Meirás para concluír as posibles alternativas que permitan que este Ben de Interese Cultural pase ao patrimonio público, despois das últimas informacións que apuntan a que os herdeiros da familia Franco o puxeron á venda.

Pazo de Meirás
Pazo de Meirás | Fonte: Europa Press

Así o comunicou o concelleiro de Urbanismo do Concello de Sada, Francisco Montouto, membro da Comisión de Expertos do Pazo de Meirás que a Xunta de Galicia constituíu en novembro e que, até o momento, se reuniu en tres ocasiones.

O edil de Urbanismo de Sada solicita, especificamente, a reunión da Comisión para que se "poida acelerar e concluír unha análise xurídica de alternativas e actuacións dos poderes públicos en relación coa eventualidade" do Pazo de Meirás, e se poida "definir e concretar unha solución para que se incorpore ao patrimonio público".

Desde o Concello de Sada sostense que a "urxencia da situación non admite dilacións nin demoras" para determinar "cando e como" o Pazo de Meirás debe pasar ao patrimonio público, así como os "efectos legais" derivados de, no seu caso, a "nulidade da adquisición da propiedade por Francisco Franco sobre a venda anunciada agora".

Nesta mesma liña, o Concello de Sada, no que se sitúa o Pazo de Meirás, fai referencia a que a Xunta de Galicia "coñece perfectamente o réxime de tutelas e garantías" no suposto de transmisión dun Ben de Interese Cultural (BIC), como está declarado o Pazo, ademais de indicar que o goberno autonómico tamén é coñecedor "da vergoña da detentación, polos herdeiros do ditador, da propiedade do Pazo".

"PASIVIDADE CÓMPLICE COS INTERESES DOS HERDEIROS DE FRANCO"

O goberno local de Sada continua a súa nota de prensa acusando á Xunta de "compracencia cunha eventual transmisión do Pazo" e de "pasividade cómplice cos intereses económicos dos herdeiros de Franco" ao redor dunha propiedade que foi obtida, engade, "mediante a extorsión, o espolio e os instrumentos represivos e coercitivos dunha ditadura".

Por último, lémbrase que desde a entrada en vigor do Plan de Ordenación Urbana e até a aprobación e entrada en vigor do Plan Especial de Protección do Patrimonio no ámbito do Pazo, os terreos e edificación BIC quedan suxeitos ao réxime transitorio contido no artigo 57 da Lei 5/2016, de 4 de maio, de Patrimonio Cultural de Galicia, "non admitíndose cambios de uso".

O Pazo de Meirás está declarado Ben de Interese Cultural desde o ano 2011. As coñecidas tamén como Torres de Meirás eran propiedade dos herdeiros da escritora Emilia Pardo Bazán e pasaron a mans de Franco no ano 1938, despois de que a Deputación da Coruña realizase unha "subscrición popular".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta