Temas: SERGAS

Os celadores tamén denuncian as carencias da sanidade pública galega

En Galicia desenvolven o seu labor en hospitais e centros de atención primaria preto de 3.000 celadores. No ámbito do SERGAS para a cobertura das ausencias do devandito persoal derivadas de situacións como baixas ou vacións, están anotadas nas distintas áreas sanitarias en “listas de contratación” ao redor de 6.000 persoas. Estas persoas poden ser chamadas en calquera momento para traballar nunha actividade para a cal non foron formadas previamente. Por iso, reivindican formación específica para unha mellor atención sanitaria

Por Moncho Mariño | Santiago | 26/02/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A Asociación Galega de Celadores de Institucións Sanitarias, AGACIS, fai unha chamada de atención sobre a situación na que está o colectivo de celadores e celadoras sanitarios. Esta asociación formouse hai once anos para pedir a cualificación profesional deste colectivo profesional, como sinala o seu presidente, Fernando Iglesias, en declaracións a GC.

Fernando Iglesias, presidente de AGACIS
Fernando Iglesias, presidente de AGACIS

"O único que se lle esixe a unha persoa para ser celador é o certificado de escolaridade. É dicir, para facer a oposición a esta categoría a titulación que piden é ese certificado" apunta Fernando Iglesias. Unha vez superado o exame e xa na súa praza, a persoa "entra a traballar sen ter coñecemento ningún sobre o que é a profesión" remarca Iglesias quen insiste "o celador de hoxe non é o de hai anos que só andaba con padiolas ou cadeiras de rodas".

Este colectivo profesional está presente desde salas de autopsias ata coidados críticos, pasando mesmo por actividades administrativas. "Somos o primeiro punto de contacto que ten o usuario coa institucións sanitaria, é quen axuda ao anestesista e quen traslada á unidad de recuperación postanestésica " sinala o presidente de AGACIS. "Por todo isto, nós consideramos necesaria unha formación pois a dia de hoxe estamos como persoal non cualificado" apunta de novo Fernando Iglesias.

FORMACIÓN ESPECÍFICA

A situación de persoal non cualificado non lles permite asistir a obradoiros formativos, como si fan por exemplo outros profesionais como enfermería. Fernando Iglesias insiste na falta de formación previa para entrar na profesión. Como se solventa isto? "Co boca a boca, unha persoa entra hoxe e os celadores e celadoras máis veteranas vanlles aprendendo aos recén chegados" sinala o presidente de AGACIS, que deixa claro "non consideramos que esta situación sexa idónea para os hospitais sobre todo no tema de atención direta ao usuario".

Sobre o tipo de formación que pedirían desde o ámbito dos celadores para o desenvolvemento da súa actividade, desde AGACIS consideran "polo menos un certificado de profesionalidade que implique unha formación teórica e práctica nuns módulos como urxencias, quirófano ou almacén",  áreas onde se destinan a este persoal. Dita formación debería impartirse previamente ao  acceso ao posto de traballo. "A práctica é moi importante e debera ser impartida por formadores" di Fernando Iglesias.

A día de hoxe figuran como celadores e celadoras en activo unhas 3000 persoas. O dobre desa cantidade son xente que entraron en listas de contratación. Isto significa que "ademais de estar dispoñibles para seren chamados en calquera momento hai que explicarlles como é o traballo que lles corresponde" apuntan desde a Asociación Galega de Celadores.

"Eu traballo nun quirófano, se unha persoa por corresponderlle polo seu número de lista de contratación, me substitúe, teño que explicarlle o seu traballo porque ao mellor non ten coñecemento sobre o seu labor" declara Fernando Iglesias.

Xunto á formación previa para o acceso ao posto de celador, AGACIS  pide tamén a formación continua "porque nos temos que ir adecuando ás novas teconoloxías por exemplo, e non podemos asistir á formación dos centros hospitalarios por ser persoal non cualificado", cousa que para Iglesias é "unha incongruencia que tendo un traballo tan específico se nos negue a formación que pedimos".

Por último, o presidente da Asociación de Celadores quere remarcar "non pedimos un aumento de salario ou incremento nas nóminas, pedimos unha formación para traballar mellor".

Temas: SERGAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Carlos Marcos

Por que no te preocupas de que no se pierdan plazas de celadores, a los que dices defender, en Atención Primaria y en los PACs ?. Sabes que todas las jubilaciones de celadores en los PACs y Centros de Salud las van a cubrir los PSX , por presión y demanda del CSIF ?

1 nandiño

A representación ven dada polos resultados nas eleccións sindicais, onde os celadores se presentan nas listas dos sindicatos e mesmo houbo un sindicato de celadores que se integrou no sindicato amarelo CSIF, afín ó PP. A Asociación Galega de Celadores, non se sabe a quen representa e pola entrevista supoño que está falando de persoal contratado ou interino. Case todos os sindicatos e tamén os Sergas fan cursos para os celadores e para outros colectivos