A difusa relación entre antigos cargos do PP e o narcotráfico en Galicia durante os 80 e 90

Alfredo Bea Gondar, ex alcalde do Grove; os tamén ex rexedores de Ribadumia, José Ramón Barral, "Nené" e da Guarda, Manuel Díaz González, "Ligero"; Vicente Otero, "Terito" ou Pablo Vioque teñen en común ter sido investigados por contrabando, narcotráfico ou blanqueo de capitais. Unha suposta relación co mundo da delincuencia da que tamén tiveron que dar conta Feijóo pola súa relación con Marcial Dorado e Rajoy, tras un acto electoral nun barco dun clan galego do narcotráfico.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 21/02/2018 | Actualizada ás 21:52

Comparte esta noticia

Alfredo Bea Gondar, ex alcalde do Grove é, novamente, protagonista nos medios de comunicación. E desta volta, non o é polos problemas políticos que tivo neste concello a comezos dos anos 90, nin polo xuízo por branqueo de diñeiro do narcotráfico ao que se enfrontou no 2005, senón por pedir o secuestro do libro Fariña que, precisamente, dá conta duns dos feitos máis escuros da crónica negra da política galega. 

Mariano Rajoy no Moropa
Mariano Rajoy no Moropa

Unha política que, nalgúns casos, e especialmente na comarca da Arousa, estivo vinculada co contrabando e o narcotráfico durante os anos 80 e 90. De feito, non só Bea Gondar foi condenado por branqueo de diñeiro –unha sentencia que deixaría sen efecto posteriormente o Tribunal Supremo--, senón que outros ex altos cargos do PP tamén estiveron envoltos en turbios negocios que acabaron nos tribunais. Algúns deles mesmo foron condenados por delitos de contrabando e de narcotrafico ao longo dos últimos 25 anos.

Os dous exemplos máis destacados da relación que existiu entre os populares e os xefes da droga ou do tabaco dos anos oitenta e noventa son Vicente Otero, "Terito" e José Ramón Barral, "Nené".

OS GRANDES CASOS DO PPdeG

"Terito" foi o auténtico padriño do tabaco na comarca de Arousa nos anos oitenta. Grazas ao tráfico de "cajetillas"  fíxose millonario e tamén unha persoa respectada e querida polos seus veciños. "Terito" formou parte do Partido Popular, partido que chegou a concederlle a medalla de ouro pola súa adicación.

Unha das comidas que Fraga tivo con destacados dirixentes populares da Arousa a principios dos noventa na que tamén estaba Rajoy
Unha das comidas que Fraga tivo con destacados dirixentes populares da Arousa a principios dos noventa na que tamén estaba Rajoy

Outro das grandes figuras do diñeiro negro do PPdeG foi "Nené" Barral, alcalde de Ribadumia por este partido durante dúas décadas e valedor durante moitos anos do ex presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán. Este dirixente popular tivo que dimitir na primavera de 2001, despois de que a Garda Civil o colleu cun cargamento de tabaco e foi imputado por fraude e evasión fiscal.

Varios militantes do PP, que despois aparecerían citados con profusión en informes da policía e instrucións xudiciais, fixeron os seus primeiros pasos en política. Un dos casos máis sonados foi o de Pablo Vioque, secretario da Cámara de Comercio de Vilagarcía e militante de Alianza Popular na mesma cidade e, no seu día, moi vinculado ao entón vicepresidente da Xunta con Albor, Xosé Luis Barreiro.

Pablo Vioque, avogado de coñecidos narcos, caeu en desgraza cando a policía e a xustiza consideraron probado que xa non era un simple avogado e que estivera detrás dalgún alixo de cocaína. Na época de ouro do narcotráfico en Galicia -finais dos oitenta e os noventa--, Vioque traballaba na Cámara de Comercio de Vilagarcía con dous curmáns; Luís Jueguen Vilas, vicepresidente desta entidade e con cargos no PP de Vilagarcía e José Manuel Vilas, tesoreiro da cámara e un dos rostros máis coñecidos do PP local dos anos oitenta. Precisamente, Vilas foi asasinado en marzo de 1992 logo de que ambos os dous curmáns se reuniran nun parque público de Benavente con dous sicarios colombianos.

OUTROS CARGOS

Pero ao longo dos últimos 25 anos existiron outros militantes e dirixentes non exentos de polémica. Un deles foi Manuel Díaz González, "Ligero", alcalde popular da Guarda nos oitenta e amigo persoal de Manuel Fraga. Este ex rexedor amasou presuntamente a súa fortuna co contrabando de tabaco a Portugal. 

Tamén a comezos da pasada década era detido Ramón Longa Vidal, alcumado "Chito" e militante do PP en Vilagarcia de Arousa, nunha operación dirixida polo xuíz da Audiencia Nacional Juan del Olmo. A Policía relacionouno entón co contrabando de mil quilos de cocaína interceptados en Portugal. 

O FAMOSO DIÑEIRO NEGRO

As detencións de Pablo Vioque e José Ramón Barral, "Nené", entre maio e xuño de 2001, puxeron en evidencia que os negocios sucios e a corrupción política de determinados cargos do PP. Non foron os unicos cargos do Partido Popular vinculados en asuntos de tabaco ou de drogas. O propio Alfredo Bea Gondar tivo que comparecer ante a Xustiza pola súa participación en operacións de miles de quilos de cocaína xunto ao avogado Pablo Vioque e outros narcotraficantes. 

Precisamente, algúns destes cargos populares, como "Nené" Barral utilizaron, segundo o xuíz que o condenou, a súa posición na Deputación de Pontevedra para realizar facturas por traballos nunca realizados. Unha destas facturas foi emitida a nome dunha empresa cuxos titulares eran persoas próximas do narcocontrabandista Baltasar Mouta Piñeiro. Mouta estivo asociado con "Nené" en negocios de tabaco, da mesma maneira que o narcotraficante Manuel Carballo Jueguen. 

PRESIDENTES NA PICOTA

O semanario Novas da Galiza publicou hai uns anos que tanto Manuel Fraga coma Gerardo Fernández Albor mantiveron encontros con coñecidos contrabandistas arousáns. Así, apunta este medio que os lugares habituais de encontro de Manuel Fraga cos narcocontrabandistas eran os bares-restaurantes "Santos", "Benito Calteiro", "La Sirena" e "Alúmina", na localidade pontevedresa de Vilanova de Arousa. Entre estes  estarían Luís Falcón, “Falconetti”, ou Vicente Otero Pérez, “Terito”. 

Tamén o ex presidente Gerardo Fernández Albor, acompañado por quince altos cargos do goberno autonómico mantiveron un encontro con varios tabaqueiros refuxiados en Portugal logo de que o novo executivo do PSOE de Felipe González puxera prezo ás súas cabezas. Manuel Rivas, nunha cŕonica de El País de 1984 sinala que “El establecimiento A Boega fue anteriormente noticia como escenario de un encuentro "casual y muy breve", según la versión oficial, entre varios de los procesados huidos y el presidente de la Xunta, Gerardo Fernández Albor, que se encontraba en el local cenando con autoridades portuguesas. Este conato de entrevista, el 6 de julio, no fue protagonizado por el grupo de los llamados servandos, como se informó en algunos medios, sino por Marcial Dorado, José Luis Paz, Benigno Suárez y José Barreiro. Trataban de que Albor intercediera ante la justicia. El asunto mereció un debate en el Parlamento gallego, a raíz de una interpelación socialista".

FEIJÓO E DORADO

Aparece aí xa Marcial Dorado, coñecido contrabandista entón, e que posteriormente mantería unha estreita amistade co actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, como acreditan as famosas fotografías publicadas en 2013 polo xornal El País e que supuxeron un dos momentos máis críticos para o actual líder do PPdeG.

"Creo que non fun con el a Andorra, había neve, parece ser que eran os Picos de Europa", dixo o presidente ao fío destas fotos co narcotraficante Marcial Dorado. Con todo, negou que adxudicase contratos as súas empresas, a pesar de que as empresas do narco foron proovedoras de combustible para calefacción do Servizo Galego de Saúde (SERGAS, dependente da Consellería de Sanidade) entre 1991 e 1996, cando Feijóo era o núméro dous deste departamento. Ademais, alegou ignorancia sobre os negocios do chófer da Xunta que era amigo común do político e do delincuente.

RAJOY NO MOROPA

"Terito" foi durante anos o referente popular en Cambados, da mesma maneira que en Ribadumia o foi "Nené" e Pablo Vioque en Vilagarcia de Arousa. Todos eles terían mantido varios encontros co presidente do partido desta provincia e presidente provincial, Mariano Rajoy.

Non son os únicos lazos que Rajoy tivo con investigados por contrabando e narcotráfico. En 2009, en vésperas das eleccións europeas, o actual presidente do Goberno español protagonizou un acto electoral no iate Moropa, propiedade dun clan de narcotraficantes. A familia propietaria da embarcación eran coñecidos como o clan dos Caneos, que confesaron introducir cocaína a España polas costas galegas.

Feijóo con Dorado no iate deste último nos anos noventa
Feijóo con Dorado no iate deste último nos anos noventa | Fonte: El País
Nené Barral, ex-alcalde de Ribadumia, condenado por contrabando, e o seu heredeiro político, Xosé Manuel Louzán, ex-concelleiro en Ribadumia e ex presidente da Deputación de Pontevedra
Nené Barral, ex-alcalde de Ribadumia, condenado por contrabando, e o seu heredeiro político, Xosé Manuel Louzán, ex-concelleiro en Ribadumia e ex presidente da Deputación de Pontevedra | Fonte: atiomeucambados
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 marinsan58

lo que hay que ver y aguantar, madre mia!

2 ano nimo

A ver se cambiades o pé de foto da última imaxe, que o Louzán chámase Rafael e xa non é presidente de Diputación. Agora trinca dende a presidencia da Federación Galega de Fútbol.

1 Eu mesmo

Habería que facer unha reflexión. Todos, contrabandistas e/ou narcos, colaboraron con AP / PP. Calquera que daquela vivise pola ría e Arousa sabía de sobras quén era quén. Nin Rajoy, nin fraga, nin Núñez Feijoo podían ser iñorantes. Polo carto miraron cara outro lado, para vairar, como na Gurtel...

1 José

Efectivamente, tes toda a razón. Por iso non entendo que o titular da noticia empregue a palabra "difusa" en lugar da máis que acertada "meridiana" para caracterizar a relación PP-Narco.