Un dos médicos citado como testemuña polos tratamentos da Hepatite C: "Por suposto que houbo dilacións"

Evaristo Varo afirma que conta con toda a documentación que acredita as súas afirmacións. As declaracións de dous médicos suspéndense pola folga da Xustiza.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/02/2018 | Actualizada ás 12:25

Comparte esta noticia

Unha das testemuñas chamadas a declarar este xoves no marco da investigación pola subministración de medicamentos da Hepatite C, o médico Evaristo Varo, manifestou que "por suposto que houbo dilacións e moitas máis cousas" nos tratamentos desta patoloxía e afirmou que conta con toda a "documentación" que acredita as súas afirmacións.

Evaristo Varo, médico do CHUS chamado a declarar polo caso da Hepatite C
Evaristo Varo, médico do CHUS chamado a declarar polo caso da Hepatite C | Fonte: Europa Press

"Teño toda a documentación do sistema Ianus —sistema interno do Sergas— e fun o que promovín a denuncia (Batas Brancas) á Fiscalía e por suposto que houbo dilación e moitas cousas máis, que supoño que preguntarán os avogados. E eu vou dicir o que ocorreu, desgrazadamente, aí están os mortos", manifestou á saída do xulgado.

As declaracións de Varo e da médico do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) Alejandra Otero, ambos os dous citados para este xoves, foron suspendidas este xoves, despois de que xa se atrasaron un día con motivo do conflito da folga na Xustiza, que acumula unha ducia de xornadas de paro indefinido.

No entanto, o pasado luns si compareceron no Xulgado de Instrución número 3 familiares de vítimas mortais e enfermos de Hepatite C cuxos casos foron incluídos na causa que segue Andrés Lago Louro e na que permanecen como investigados dous altos cargos do Sergas, Félix Rubial e Carolina González-Criado.

Inicialmente, Lago Louro chamou aos membros do Sergas a declarar só como investigados por un delito administrativo, pero en decembro de 2016 a Audiencia Provincial da Coruña emitiu un auto no que estimou parcialmente o recurso da Fiscalía, ao que se adheriu a Asociación Plataforma de Afectados pola Hepatite C, e acordou citalos de novo por un suposto de delito de homicidio en seis do oito casos que incluía a causa.

Tanto o médico do Chuac, como o xefe da Unidade de Transplante Abdominal do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), acudiron na mañá deste xoves a comparecer ante o xuíz, pero dadas as características da declaración pola que ten que ser gravada, foi finalmente suspendida pola folga.

"TEÑO GANAS DE DECLARAR"

"Fixen acto de presenza, como cidadán, teño ganas de declarar", explicou á saída do xulgado Evaristo Varo, quen xa tivera que suspender a súa declaración nunha anterior ocasión debido a que se atopaba presentando un congreso nacional en Santiago de Compostela.

Cando finalmente poida prestar declaración, dixo, contestará "as preguntas dos avogados da Xunta, do Sergas, avogados da plataforma de enfermos e Fiscalía". "Vou contar o que desgrazadamente vivín", apuntou.

Neste sentido, lembrou que leva 40 anos exercendo como médico e "nunca" había pesando que tería que acabar declarando porque "se imputou á administración sanitaria por homicidio imprudente". "É algo que xamais pensei que faría. Estou con febre, con gripe, pero desde logo vou declarar todo o que me pregunten e vou declarar a verdade", aseverou.

"NON DEBE REPETIRSE"

Preguntado polo ofrecemento do xuíz aos familiares das vítimas e aos enfermos de que se adherisen en calidade de prexudicados á causa, Evaristo Varo animou a facelo, porque "é importante que isto non se volva a repetir, nin por unha pastilla nin por un tratamento".

O médico da plataforma Batas Blancas destacou que España conta cunha "sanidade exemplar, envexada en todo o mundo". "Vivín en moitos países, traballei de médico en diferentes países e desde logo a sanidade que temos aquí é envexable, non a pode estragar unha cousa como foi a Hepatite C aquí en Galicia. Non pode volver repetirse", defendeu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 U=U

Cada ano, case que dez persoas adquiren o VIH en España, en parte porque o Goberno non da aínda profilaxe preexposición (PrEp) ás persoas que están en risco, contra o dictame da Comisión de bioética que aconsellou dala hai como un ano. Eu espero que as dilacións do Goberno en dar PrEp algún día lle costen un reproche penal, porque é unha inmoralidade non dala cando se sabe que produce descensos espectaculares no número de novos infectados. A famosa 56 de Dean Street é a clínica de saúde sexual máis grande de Europa. Alí constataron que ao poder tomar PrEp no Reino Unido, descendéronlles os novos diagnósticos de VIH nun 90% entre 2015 e 2017. E aquí mareando a perdiz coa excusa de facer estudos antes de implantala cando se sabe que funciona. Ca bro nes!!!

1 I=I

Case que dez persoas ao día adquiren o VIH en España.U=U > Undetectable equals untransmittable. I=I > Indetectable igual a intransmisible.