Temas: BNG ANA MIRANDA UE

Ana Miranda: “O escano do BNG no Parlamento Europeo é o escano de Galiza en Europa”

Tras a toma de posesión do seu escano, a eurodeputada do Bloque avanzou que traballará “sen descanso” para que Galiza non sexa discriminada no reparto dos fondos de cohesión

Por Galicia Confidencial | Bruxelas | 28/02/2018 | Actualizada ás 18:24

Comparte esta noticia

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, tomou este mércores posesión do seu escano no Parlamento Europeo, nun pleno celebrado en Bruxelas, que "permitirá ao Bloque Nacionalista Galego continuar o traballo en defensa do país pero pisando o acelerador con máis intensidade e con máis potencia, sabendo que vai ser o útil o noso traballo”, expresou o partido.

Ana Miranda (BNG), no Parlamento Europeo
Ana Miranda (BNG), no Parlamento Europeo | Fonte: Delmi Álvarez.

Ana Miranda afirmou que o escano do BNG no Parlamento europeo “é o escano de Galiza en Europa”. “É un día moi especial para agradecer a todas as votantes que no 2014 nos apoiaron, quero que saiban que non van quedar defraudados", manifestou a eurodeputada, que quere que os cidadáns "sintan que este escano será a representación do seu país na Eurocámara”.

Tras a sesión plenaria, Miranda asegurou que se deixará “a pel e o cerebro” traballando por Galicia, “con moita ilusión e sobre todo en beneficio das galegas e os galegos”.

A eurodeputada fixo fincapé en que desde o seu escano traballará “para evitar que Galiza quede discriminada nas negociacións dos fondos estruturais”. Ao respecto, explicou que unha das prioridades do Bloque radica en traballar para que o país non saia perdendo no reparto futuro dos fondos de cohesión, dos que mesmo podería quedar excluído cos criterios que baralla a Comisión Europea para o período orzamentario 2020-2027.

“Asumo este escano co firme obxectivo de defender os intereses de Galiza e evitar que sexa moeda de cambio”, avanzou a eurodeputada nacionalista, quen asemade sinalou que o escano do Bloque terá un “marcado carácter social” desde o que denunciará a precariedade laboral, o recorte de servizos públicos, da sanidade ou a reforma das pensións, que en Galicia son as segundas máis baixas no Estado español.

En España o gasto en pensións con respecto ao PIB é do 10,7%, mentres que a media da UE ascende aos 12,2%, case dous puntos máis. "Isto indica que o esforzo medio na Unión Europea para manter o sistema de pensións é maior que o do Estado Español, polo que o Estado ten marxe para incrementar o seu esforzo no mantemento do sistema", consideran os nacionalistas.

A eurodeputada do Bloque tamén avisou de que centrará a súa actividade en presentar iniciativas centradas na defensa dos servizos públicos e do emprego, posto que “a recuperación económica da que fala o Partido Popular é unha mentira, xa que non trae aparellada a recuperación social senón a pobreza nas traballadoras e traballadores”, criticou.

Outro dos aspectos fundamentais aos que fixo referencia Miranda foi a defensa dos dereitos e a denuncia do recorte das liberdades no Estado español, fronte que loitará desde Bruxelas.

Temas: BNG ANA MIRANDA UE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 28 comentarios

1 Fuilco

Si és el escaño de "Galiza" con estrella roja es lo mismo que decir que es el escaño del BNG.

1 Zunhiga

Galiza é real, fatxa!