Guerra de cifras sobre a folga na Xustiza: “Sabemos cantos van porque lles pagamos a nómina”, di Feijóo

A Xunta admite que hai colpaso pero reduce a participación ao 38% dos funcionarios. Feijóo volve a atacar aos sindicatos, aos partidos da oposición por "politizar o conflito" e acusa aos funcionarios de prexudicar aos cidadáns. Con todo, pídelle unha “tregua” para que abandonen a folga e negocien con Alfonso Rueda.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 01/03/2018 | Actualizada ás 20:40

Comparte esta noticia

“A Xunta é moi consciente de cantos traballadores participan nos paros cada día porque lles teñen que pagar as nóminas. E no último mes cobraron a nómina por completo máis do 60 por cento dos traballadores fronte a un 37 ou 38 por cento que sufriron os descontos e que son os que van á folga". Deste xeito, co control das nóminas, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dixo que saben perfectamente quen fai folga e quen non na Xustiza.

Rueda e Feijóo nun consello da Xunta
Rueda e Feijóo nun consello da Xunta | Fonte: xunta.gal

 

Unha folga que insistiu secundan menos do 40% dos traballadores e “non o 90% como din os sindicatos”, dixo. “Pero, entón, como di a Xunta que está colapsada a Xustiza se só o 37% fai folga. Non saen as contas”, preguntoulle este medio. “Hai un 25 por cento de servizos mínimos e o resto do persoal non quere ir á folga, Ás veces concéntrase (o efecto do paro) nos rexistros e hai 'cuellos de botella'... Iso sen entrar na eficacia do traballo que se faga nos rexistros", contestou.

 

Unha participación nas protestas que volveron enfrontar, novamente, as dúas partes. Así, a Xunta reducía este xoves a un 38,92 por cento o seguimento da folga, moi por baixo da media do 95 por cento de seguimento que trasladaron os sindicatos. A través dun comunicado, Vicepresidencia informou de que, nesta xornada, participaron na folga 1.506 traballadores. Así, por provincias, apuntou que o seguimento na Coruña foi do 38,04 por cento; en Lugo, do 29,93 por cento; en Ourense, do 42,36 por cento; e en Pontevedra, do 41,90 por cento.

 

APOIO A RUEDA

 

Por outra banda, Feijóo apoiou a xestión que fai o seu número dous, Alfonso Rueda, en relación á folga indefinida que manteñen os funcionarios da xustiza en Galicia desde o pasado 7 de febreiro e advertiu de que o conflito "se politizou". Ao termo da reunión semanal do seu Executivo, preguntado acerca de se ve correcta a actuación de Rueda dado que o conflito parece cada vez máis enquistado, e se pensou no seu cesamento, Feijóo deu unha negativa contundente. "En ningún caso", sentenciou, antes de defender que "o vicepresidente está a responder ás súas responsabilidades".

 

De feito, aludiu á oferta que fixo este mércores Rueda, quen se ofreceu a sentar na mesa de negociación se se suspendía o paro, e esgrimiu que "os primeiros que contestaron non foron os sindicatos, senón os partidos" políticos. "O conflito politizouse e os partidos están agora detrás del", aseverou, antes de proclamar que "non se debe usar" un conflito salarial de índole laboral para "sacar rédito político".

 

Neste sentido, considerou lóxica a oferta de Rueda –de negociar se se cesa coa folga--. O que se pide é “unha tregua”, como en calquera conflito. "Facer unha tregua e volver á actividade, que é o que merecen os galegos. Iso e non ter un milleiro de familiares que lamentablemente morreron e non se estende acta de defunción", incidiu, antes de subliñar que o Executivo autonómico "seguirá gobernando". Ademais, volveu a acusar aos sindicatos, en en concreto a CUT, de manter unha actitude hostil contra a Xunta para evitar a negociación.

 

CONTINUARÁN A FOLGA

 

Pola súa banda, os sindicatos de xustiza de Galicia insistiron este xoves en que non desconvocarán a folga sen que haxa un principio de acordo, e instaron ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a pór data e hora a unha reunión para negociar, aínda que advertiron de que non pode presentarse "cun documento pechado".

 

Representantes de tódolos sindicatos mantiveron este xoves unha xuntanza co alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen lles trasladou o seu apoio e, ao termo do encontro e a preguntas dos medios, insistiron: "O que ten que ter claro Rueda é que non vai haber desconvocatoria de ningún tipo ata que haxa un principio de acordo ou veña á mesa con vontade negociadora".

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Ai si claro

No. A nómina destes parásitos e as vosas pagámolas os autónomos e os empresarios. O resto a chupar do bote.

1 Jrkr

Efectivamente, "eles" non pagan nada. Paga a Xunta, que somos todos.