Utilizan os políticos aos corpos de seguridade e xuíces para neutralizar investigacións xudiciais contra eles?

O presidente da Xunta confirma que foi o delegado do Goberno en Galicia o que, en 2004, lle informou que unha investigación da Axencia Tributria descubrira fotos del co narco Marcial Dorado. Un feito que se volveu repetir con varias operacións en Galicia que dirixiu Pilar de Lara.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 06/03/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sabía da existencia da fotos co narco Marcial Dorado case dez anos antes de que foran publicadas en 2013 por El Pais. E foi o delegado do Goberno español en Galicia en 2004, Arsenio Fernández de Mesa, o que o puxo ao tanto da existencia destas instantáneas. Así o confirmou o líder dos populares galegos no programa Salvados, de Jordi Évole. Un feito que confirmaría que algúns políticos utilizan as Forzas de Seguridade do Estado en beneficio propio, tal e como xa teñen denunciado algúns xuíces en Galicia.

Escoitas telefónicas
Escoitas telefónicas

De Mesa, que logo foi director xeral da Garda Civil, e que agora cobra 156.000 euros ano ano como conselleiro de Rede Eléctrica de España (REE), soubo que a Axencia Tributaria, no marco dunha investigación contra Marcial Dorado, atopou varias nas que se vía ao hoxe presidente galego co narcotraficante nun iate.  

Desas fotos, e desa amistade, xa tivo que responder Feijóo en 2013, sen que iso supuxera ningún tipo de desgaste político para o líder do PPdeG, en parte, pola manifesta ocultación que dese feito fixeron algúns medios de comunicación, hoxe, dos máis subvencionados pola Xunta. Pero o que non dixera aínda Feijóo públicamente foi quen fora o “chivato” da existencia desas fotos.

E foi este domingo, no programa de Jordi Évole, onde Feijóo falou diso. O presentador preguntoulle se veu a serie “Narcos”. "Non", respondeu Feijóo. “Entón de Fariña xa nin falamos”, chanceou Évole que se lanzou a falar entrón sobre o libro incautado por orde xudicial. “Mire vostede, as decisións xudiciais non se comentan, acátanse”, díxolle Feijóo. En todo caso, foi o momento aproveitado polo condutor da Sexta para abordar a polémica foto con Marcial Dorado, que se comenta tamén nun dos capítulos da obra de Nacho Carretero. “E que falan de vostede no libro”, dixo Évole. “Iso me dixeron”, resposta Feijóo.

FEIJÓO E DORADO

Esta é a conversa sobre a súa “amizade” con Dorado:

Feijóo con Dorado no iate deste último nos anos noventa
Feijóo con Dorado no iate deste último nos anos noventa | Fonte: El País

Feijóo (F): Foi un momento no que tiven que dar explicacións, do que ocorrera 20 ou 25 anos antes con persoas que coñecín ou coas que tiven algún tipo de encontro. Paréceme evidente que esas fotos son, cando menos, difíciles de explicar".

Évole (E): Pero estas fotos que se coñeceron en 2013 por El País eran de bastante antes.

F: Si. Eu sabía que existían porque a Axencia Tributaria, cando fixo un rexistro na casa deste señor, pois atopou todas as fotos que tiña alí. 

E: E quen lle chivou da existencia das fotos?

F: Pois foi o delegado do goberno da época.

E: E a el quen llo dixo?

F: Pois supoño que calquera empregado público que depende da Delegación do Goberno.

E: Pero iso era un segredo de sumario. Era unha investigación que se facía sobre Marcial Dorado...

F: Pois non sei..

E: Como lle chega a vostede esa información?

F: E que eu non estaba en ningún sumario.

E: Digo estas fotos?

F: E que había moitas fotos, con moita xente. Esta era unha entre centenares. 

E: Pero cando se entera vostede?

F: Pois non o sei. Penso que foi no 2004.

E: E comentoullo a Rajoy?

F: Comenteillo a Fraga de que había unhas fotos con este señor.

E: E a Rajoy tamén?

F: Si.

E: E que lle dixo Rajoy?

F: Expliqueille como coñecera a esta persoa e que asumín a miña biografía.

COÑECÍA FEIJÓO AS ACTIVIDADES DE DORADO?

E: E non sabía nada de Marcial Dorado cando o coñeceu no ano 94?

F: Vostede pensa que se eu soubese do que ía ser acusado eu me deixaba facer fotos ou iría a comer con el?. Non tiña nada que ocultar, por tanto en ningún caso tiña información de se é verdade ou non. A verdade xudicial é que si. Tiña algunha relación con determinados negocios relativos ao narcotráfico...É evidente que en Galicia si se sabía e que había persoas que se dedicaron ao contrabando de tabaco. Iso si o sabía, non llo vou a ocultar, pero algunha relación ou algún asunto pendente da Xustiza, xamais tiven coñecemento de que o tivera.

E: Pero a min chámame a atención, porque fixemos un pequeno estudo de noticias que apareceron na prensa galega de Marcial Dorado, antes de que vostede o coñecera e, en La Voz de Galicia aparecera 66 veces relacionado co narcotráfico ou co tráfico de tabaco e algunhas en portada. En 1990 xa aparedera en portada de La Voz vinculado á Operación Nécora e 18 en EL Pais, 20 en ABC 19 en La Vanguardia. Vostede non lía a prensa?

F: Pois non. Que cre que gañaba eu se o soubese?... Pois iso din todas as explicacións.

E: Pero unha desas explicacións é que non o coñecía e iso paréceme imposible.

F: Pois mire, a verdade pois pode non entenderese en toda a súa aplitude. Pero esa é a verdade.

E: Pero é moi difícil entender isto, que unha persoa que vive en Galicia e cos cargos de responsabilidade que tiña vostede non se enterara?

F: Pois xa ve. Estoulle dicindo todo o que sei. Non podo dicirlle máis. E se me pregunta se son un inxenuo a estes efectos. Pois, si. Non teña a menor dúbida. E que aprendín. E agora, cando me chaman para ir a algún sitio, sempre pregunto de quen se trata.

OUTROS CASOS

Non é a primeira vez que se pon entredito a imparcialidade da Xustiza. Viuse con varios casos recentes instruídos polas xuízas Estela San José ou Pilar de Lara. De feito, as dúas xuízas usaban para as súas investigacións a axentes de Vigilancia Aduanera, e non da Policía nin da Guardia Civil, e imputaron a ducias de empresarios, funcionarios e políticos do PP, PSOE e BNG. De Lara mesmo pedíu imputar ao presidente da Xunta Alberto Nuñez Feijóo por recibir botellas de viño valoradas en centos de euros por parte do dono de Monbús.

Segundo as fontes consultadas, a xuíza utilizaba axentes de Aduanas e non dos outros corpos porque “temía filtracións” aos políticos investigados, e non porque dubidara dos axentes, senón dos seus xefes políticos. Aínda, e a pesar diso, moitos dos que apareceron imputados nos seus sumarios estaban ao tanto desas investigacións, entre eles, destacados dirixentes do Partido Popular de Galicia.

“VAILLE CAER UN CARALLAZO”

Na primavera de 2016 tivo lugar un dos capítulos máis obscuros da xustiza galega. Nese momento, os medios publicaron unha nova parte do sumario da Operación Pokemon, referida a Ángel Espadas, o ex-xefe de gabinete do Concello de Santiago, que logo foi contratado pola construtora Unika. Nel deduciuse que un xuíz, Juan Carlos Carballal, titular do xulgado de instrución número 4 de Lugo, podería ter mediado a favor dunha UTE formada por OHL e Unika. 

A filtración caeu como unha bomba entre algúns xuíces do país, que se adicaron a arremeter contra De Lara vía teléfono en conversa co empresario Juan Castro García; sen saber que Vigilancia Aduanera tiña pinchado o aparato deste home de negocios. Segundo un informe deste corpo, o citado Carballal e outro xuíz, Fidel del Río, titular do xulgado de vixilancia penitenciaria número 2 de Galicia, “terían contactado con terceiras persoas dos quere recibiron información sobre determinadas denuncias existentes co fin de reactivalas ou formular novas denuncias contra vixilancia aduaneira e tamén contra a xuíza Pilar de Lara, que instrúe a causa”. Noutras palabras, Vigilancia Aduanera asegura que pillou aos xuíces recompilando ‘munición’ para pór “denuncias falsas contra a imaxe pública dos funcionarios e a xuíza”.

Ademais disto, os citados xuíces atacan moi duramente tanto a De Lara como a Hermelino Alonso Eiras, un dos responsábeis históricos de Vigilancia Aduaneira no país. O xuíz Del Río escóitase dicindo que a De Lara vaille caer un “carallazo”, un “fustigazo que ten ben merecido” dado que é “torpe, incompetente e destila maldade por todos os poros, e ademais … sempre en vísperas de eleccións” . Tamén cualifica de “loca perdida ” a súa compañeira e lanza unha clara ameaza: “vaille caer un fustigazo. un día destes vaille caer unha que se vai acordar macho. Porque ademais de torpe, de incompetente, destila maldade por todos os poros, eh”. Podes ver a noticia publicada por GC daqueles feitos.

Noticias nas que aparecen condenas a Marcial Dorado por contrabando a comezos dos 90, antes de que Feijóo se relacionara con el
Noticias nas que aparecen condenas a Marcial Dorado por contrabando a comezos dos 90, antes de que Feijóo se relacionara con el
Pilar de Lara, instructora do caso Pokemon
Pilar de Lara, instructora do caso Pokemon
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 borreguiños

O único diario que ten a dignidade de sacar esta noticia. PARABENS. Este é o verdadeiro problema que temos neste pais. Si os políticos non estiveran presuntamente protexidos e non prescribiran ou se archivaran os seu presuntos delitos outro galo cantaba pero xa se sabe como funciona isto.... da asco ver en que se convertiu esto¡¡¡ por certo nin un mísero intento de investigar a aqueles xuices non? vergoña... hala a seguir votando ineptos borregos

2 KUNGFUPANDA da VIEIRA

SEÑORES O PODREIROS SI QUE E XA DE INTERVENCION POLICIAL: «Nos han dicho de todo, nos han insultado... En todos los partidos hay purgas, pero en Podemos me ha sorprendido la virulencia, el personalismo y lo rastrera que ha sido nuestra propia gente contra nosotros. Ha sido tremendo. Por eso, de los cinco o seis que somos, sólo me he decidido a denunciar yo, los demás no se han atrevido. Pero es que ha sido una tomadura de pelo, una estafa. El partido es uno más. Si llega el cambio a España, no va a ser gracias a Podemos, desde luego. En Podemos te apuñalan por 500 míseros euros, así son las cosas» Cargando... Así se manifiesta a EL MUNDO un vocal vecino de Ahora Madrid en el distrito de Salamanca que acaba de denunciar a Podemos en los tribunales.

1 Leike

Parabéns a GC e XS pola súa oportunidade e valentía con esta noticia. Resulta escandalosa a utilización dos máximos cargos públicos para avisar a posibles delincuentes pasándolles información reservada dunha investigación en marcha. E Feijoo ten a desfachatez de recoñecelo e proclamalo na televisión aos catro ventos sen que pase nada. Onde está a famosa Xustiza? E o BNG e En Marea: como non presentaron xa no Parlamento Galego e o de Madrid Interpelacións sobre un feito tan grave?

1 Celidonio

O BNG e a Marea de Podemos son cómplices, traballan co outro pé que apuntala o sistema: o PPsoE. A xustiza --con minúscula, casposa e clasista, nomeada pola vella garda do réxime anterior, nunca depurada e tutelada polo poder político que coloca a dedo os altos tribunais-- no reino bananeiro de España fai rir a nivel internacional (persecución de ideas que levan á cadea, torturas e terror desde o Estado, secuestros de publicacións, estafas consentidas e até promovidas polo goberno, arbitraxes que amosan a inseguridade xurídica). Se fora un mozo rapeando nunha taberna de barrio xa estaría dando conta ante as sempre atentas 'autoridades competentes', acontece que foi Feixoó na tele coa que Planeta entretén á progresía para dominala mellor...