Temas: TEATRO

A comedia A leituga leva ao teatro a problemática dos coidados

A familia e as atencións que pide cando algúns membros non poden valerse por si mesmos é o argumento da comedia que a produtora Emedous levará aos escenarios esta primavera. Entre outros actuarán Antonio Durán Morris ou Mercedes Castro.

Por Moncho Mariño | Santiago | 06/03/2018 | Actualizada ás 18:25

Comparte esta noticia

O grupo familiar composto por cinco persoas, tres irmáns e as parellas de dous deles, reúnese na casa da irmá maior e o seu marido. Queren celebrar o aniversario do pai que está en coma desde nove anos atrás. Unha situación tan inocente acaba converténdose nunha loita por ver quen queda cos coidados do proxenitor.

A sinopse anterior é o terreo onde medra a traxicomedia A leituga, unha obra dirixida por Víctor Duplá e que conta coa participación de Antonio Durán Morris, Mercedes Castro, María Vázquez, Xosé Barato e Federico Pérez. Todos eles darán vida a unha familia que reflicte o conflicto que viven moitos fogares cando se trata de coidar dos máis maiores.

A estrea será o venres 6 de abril no Teatro Rosalía de Castro na Coruña ás 20:30.  Non obstante, o equipo avanza hoxe un primeiro vídeo promocional, que se pode consultar aquí, mentres continúan cos ensaios en Compostela. Outras datas e lugares serán o Auditorio Municipal de Ourense, 11 de abril, Auditorio García Márquez en Mera-Oleiros, 21 de abril e ao Pazo da Cultura de Narón 4 e 5 de maio. Despois do verán continuarán coa representación da obra noutros lugares de Galicia.

TEMÁTICA

O texto A Leituga, como di o director, Víctor Duplá, afonda nos temas da dignidade humana, o dereito á vida e o dereito á morte, ao tempo que se fura nas relacións familiares, nos vínculos e as lealdades dentro das familias. A obra transita deste modo entre a comedia e o drama, polo que público observará entre o riso e a reflexión as repercusións dos coidados nas relacións entre pais e fillos, parellas e irmáns e de que xeito poden chegar as saltar as fráxiles costuras dos afectos familiares nunha  situación de reparto dos coidados.

Emedous leva a escena un texto do autor venezolano César Sierra, autor e director caraqueño que se iniciou na escrita dramática e na dirección en 1984. Dende aquela, dirixiu máis de trinta obras en países como Venezuela, Estados Unidos, Arxentina ou España. A leituga estreouse en Nova York, Miami ou Santiago de Chile para agora chegar a Galicia.

Temas: TEATRO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta