Por E.P. | VIGO | 07/03/2018 | Actualizada ás 14:41
O goberno municipal de Vigo quedouse este mércores só na aprobación dunha iniciativa para instar ao Ministerio de Cultura e á Xunta de Galicia a emprender contactos coa Morgan Library de Nova York para a adquisición do Pergamiño Vindel, e criticou a ausencia de PP, que non acudiu ao pleno extraordinario, e de Marea, que abandonou a sesión logo de manifestar o seu desacordo coa convocatoria.
O portavoz do goberno local, o socialista Carlos López Font, explicou os motivos da presentación desta iniciativa e xustificou a celebración dun pleno extraordinario, poucos días despois da clausura da exposición do Pergamiño: "Quixemos ser respectuosos co desenvolvemento da mostra e non interferir, agora é o momento de iniciar o procedemento para que o Pergamiño retorne á cidade".
López Font, quen subliñou que o Concello colaborou "en todo o que se lle pediu" co gaio da presenza do Vindel en Vigo, lembrou que a proposta do goberno local é que o Goberno de España estableza un "diálogo amigable" coa Morgan Library, coa colaboración da Xunta e a oferta de cooperación tamén do Concello vigués.
Por outra banda, volveu criticar que non se permitise falar ao alcalde no acto de clausura da exposición (no que si interviñeron o presidente da Xunta e o reitor), a pesar de que os discursos de Caballero "adoitan ser, en calidade, mellores que os de Núñez Feijóo".
Na mesma liña, o propio alcalde, Abel Caballero, apelou á "mobilización colectiva pacífica" para lograr que o Vindel volva "á súa casa", e augurou que será un proceso longo, pero que terá éxito.
"Eu esperaba que isto o expuxese Feijóo cando clausurou a mostra, pero ten a cabeza noutros sitios. Eu non o fixen antes porque non quería distraer a atención da exposición", sinalou o rexedor, quen proclamou que o goberno municipal quere "marchar xunto a Goberno e Xunta" no camiño da recuperación do documento, aínda que "poida que non sexa con esta Xunta".
CRÍTICAS Á OPOSICIÓN
Tanto o alcalde como o seu portavoz criticaron duramente a ausencia dos grupos de PP e Marea do pleno. Así, López Font acusouno de manter unha posición "antidemocrática" e de actuar "ás ordes" dos seus respectivos "xefes de Santiago".
Caballero tamén criticou que estes grupos antepuxesen "intereses de partido" aos intereses da cidade. "Aquí estamos os que queremos estar, non os que tantas veces fallan a Vigo, e volven fallarlle hoxe", sentenciou, e engadiu: "Non podemos contar con PP e Marea para nada, a cidade sábeo, porque están supeditados aos seus responsables políticos".
MAREA E PP
Na sesión plenaria deste mércores, o portavoz de Marea, Rubén Pérez, interveu, antes de abandonar o pleno, para expresar a "sorpresa" do seu grupo ante a convocatoria dun pleno extraordinario urxente sobre o Pergamiño Vindel, e atribuíu esta iniciativa a unha "rabieta" do alcalde por non ser convidado a intervir nos discursos de clausura da exposición. Así mesmo, salientou que o Concello estivo "ausente" na programación cultural e actos organizados con motivo da presenza en Vigo desa peza histórica.
Pola súa banda, o concelleiro do PP Diego Gago reprochou a Caballero que, durante os cinco meses da exposición, "non saíu da súa boca a frase 'Pergamiño Vindel' e vén agora con esta rabecha". "Nós non imos formar parte desta pantomima", sentenciou, e lembrou que o goberno tivo a oportunidade de presentar esta iniciativa no anterior pleno, no que non fixo uso de todas as mocións ás que ten dereito segundo o regulamento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.