Media Galicia paralízase este xoves para reclamar dereitos e liberdades para as mulleres

A Xunta garantiza que haberá servizos mínimos en educación, sanidade e servizos sociais e os sindicatos din que son abusivos. Dirixentes de En Marea, PSdeG e BNG anuncian que secundarán a folga e os paros que apoian practicamente todos os sindicatos.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 08/03/2018 | Actualizada ás 08:35

Comparte esta noticia

Este xoves, Día da Muller, está convocada unha folga feminista con paros por horas ou de 24 horas que está chamada a ser unha das máis importantes dos últimos anos. Tal e a súa importancia que a Xunta fixou os servizos mínimos para aqueles servizos considerados esenciais en sectores como sanidade, educación e transportes, entre críticas de sindicatos que os consideran abusivos.

Manifestación en Vigo pola igualdade, previa á folga feminista do 8 de marzo de 2018
Manifestación en Vigo pola igualdade, previa á folga feminista do 8 de marzo de 2018 | Fonte: Miguel Núñez.

Estes servizos mínimos tamén se estenden a asistencia social, seguridade, a CRTVG, os rexistros e edificios públicos, protección civil, extinción de incendios e bombeiros. No ámbito da xustiza, ao atoparse os traballadores en folga indefinida desde o 7 de febreiro, proséguese cos mesmos servizos xa decretados. 

En Galicia a CUT --con Sindicato Labrego, Sindicato Ferrovial Intersindical e o Sindicato de Elevación de Galicia-- convocou unha folga de 24 horas. Ademais, a CNT e a CGT tamén chaman en toda España á xornada completa. Mentres, os sindicatos maioritarios na Comunidade --UXT, CC.OO. e CIG-- convocan paros por horas --de 00,00 a 2,00, da 12,00 a 14,00 e de 19,30 a 21,30 horas--.

Nos centros educativos públicos non universitarios, así como nos privados e concertados dependentes da Consellería de Educación, está garantida a apertura de todos os colexios.  Nas universidades deberá haber un empregado de conserxería por quenda en cada facultade ou centro, así como un funcionario no rexistro de cada campus e un empregado do persoal de secretaría do reitor e dos vicerreitores dos campus onde non estea a sede reitoral.

Respecto das escolas infantís, fontes da Consellería de Política Social explican a Europa Press que, segundo estipula unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) do 2011, non se consideran servizos esenciais polo que non están obrigados a contar con servizos mínimos, máis aló da propia apertura do centro para garantir o dereito dos traballadores que non queiran ir á folga. Por iso, non se garante a atención aos usuarios, extremo que xa foi comunicado ás familias.

Manifestación en Vigo pola igualdade, previa á folga feminista do 8 de marzo de 2018
Manifestación en Vigo pola igualdade, previa á folga feminista do 8 de marzo de 2018 | Fonte: Miguel Núñez.

SANIDADE

No ámbito sanitario, haberá 100% de cobertura de facultativos nos servizos de urxencias e gardas médicas, quirófanos para intervencións urxentes ou nos que estean en risco a saúde, paritorios, unidades de reanimación, coidados intensivos --de adultos ou pediátricas-- e coronarias. Tamén en áreas de diáleses e de tratamentos oncolóxicos (radioterapia, hospital de día).

Respecto de facultativos de Atención Primaria --persoal médico, pediatra e odontólogos--, establécese 100% de cobertura en urxencias. Aquí, para os centros con catro ou menos profesionais establécese un efectivo; de cinco a oito profesionais (dous efectivos), de nove a 12 (tres efectivos) e de 13 ou máis profesionais (catro efectivos).

No caso de persoal sanitario non facultativo, tamén hai cobertura do 100% en urxencias, quirófanos con intervencións inaprazables e salas de partos. Noutros ámbitos como áreas de hospitalización e dispensación de medicamentos márcanse os efectivos correspondentes a un domingo ou festivo. No transporte sanitario, hai unha cobertura do 100% na atención urxente do 061, así como no desprazamento de pacientes que requiran tratamentos continuados de oncoloxía. Para realizar traslados inter e intrahospitalarios doutros servizos, os hospitais manterán como mínimo un vehículo, e determinarase o 50% dos recursos por quendas ou franxas horarias.

TRANSPORTE

No tocante ao transporte, nos autobuses regulares e de uso integrado de viaxeiros e escolares, mantense o 50% do servizo nas liñas de curto percorrido (até 25 quilómetros) nas franxas de 6,00 a 9,00 e de 18,00 a 21,00 horas. Nas de longo percorrido garantirase o acceso aos principais núcleos con dous servizos diarios de ida e outros dous de volta.

No tocante aos buses de transporte escolar fíxase que se manterán como esenciais os de entrada aos centros desde as 7,30 até as 10,30 horas e os de saída desde as 13,30 ás 19,00 horas nos itinerarios de transporte escolar de estudantes de niveis de ensino obrigatorio, cuxa lonxitude total sexa superior a catro quilómetros. Os de educación especial son todos esenciais.

Para o transporte interurbano establécense servizos mínimos para todos os buses anteriores ás 9,00 horas e posteriores ás 18,00 horas para facilitar o acceso aos postos de traballo. No tocante a mercadorías, fíxanse servizos mínimos aquilo transportes que leven produtos para e desde os establecementos sanitarios.

No tocante a concesionarias de vías de alta capacidade deberán manter o persoal correspondente a un domingo ou festivo para seguridade e mantemento. O mesmo ocorre para as empresas encargadas de manter a vialidad invernal. Pola súa banda, a totalidade de transporte funcionario mantense. A nivel estatal, Renfe cancelou 105 trens de AVE e Longa Distancia e 199 trens de media distancia.

Na CRTVG establécese que é indispensable asegurar a produción e emisión dos espazos informativos necesarios que garantan a cobertura mínima para o dereito á información. Pola súa banda, en cuestións como a atención do 112 Galicia ou extinción de incendios os servizos mínimos serán os equivalentes a un domingo.

REXEITAMENTO DE SINDICATOS A SERVIZOS MÍNIMOS

Pola súa banda, a CIG informou este mércores de que recorre os servizos mínimos decretados pola Xunta por "excesivos e inaceptables". Previamente, CC.OO. rexeitou os "abusivos" servizos mínimos impostos pola Xunta para a folga na Administración autonómica.

XUNTA E PARTIDOS POLÍTICOS

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que o Goberno galego escoitará "con todo o respecto e con toda a atención" as consecuencias da folga feminista convocada para este xoves, 8 de marzo, con motivo do Día da Muller.

Pola contra, as deputadas de En Marea e do BNG secundarán o paro todo o día e os parlamentarios e as parlamentarias do PSdeG sumaranse aos paros por horas. Ademais, tamén farán folga as eurodeputadas do BNG, Ana Miranda, e a de AGEe, Lídia Senra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta