A reunión entre Deputación e Concello desbloquea a situación en Vilamartín

O alcalde e o presidente do Goberno provincial chegaron a un acordo esta mañá para retirar o peche na estrada que vai á aldea de San Vicente Leira.

Por Moncho Mariño | | 15/03/2018 | Actualizada ás 12:31

Comparte esta noticia

Enrique Álvarez, o alcalde de Vilamartín que levaba varios días pechado no Concello para reivindicar unha solución á estrada que comunicaba coa poboación de Leira, confirmaba esta mañá a Galicia Confidencial, que o problema estaba desbloqueado logo das conversas co presidente da Deputación, Manuel Baltar. “A situación creo que se desbloquea se atenden ás demandas da xente que son máis que xustificables, desbloquéase e están atendidas por escrito as demandas que se estaban pedindo desde a vila”.

Operarios instalan unha barreira na estrada de acceso a San Vicente de Leira
Operarios instalan unha barreira na estrada de acceso a San Vicente de Leira | Fonte: Rosana Fernandez Fernandez.

Na reunión estiveron o alcalde, o presidente da Deputación e Pablo Pérez, deputado de infraestructuras. Sobre o comezo das obras, Enrique Álvarez declarou: “o primeiro que teñen que facer é a posibilidade de entrar vehículos medicalizados ou bombeiros, entón haberá que sacar esas barreiras e regularizar a entrada”. Se isto acontece poderían pasar vehículos de emerxencias á poboación de Leira.

DESMONTES

A segunda parte, a que levaban reclamando desde había tempo “que se inicien os traballos de desmonte desa zona, que é primordial para poder pasar minimamente, dignamente á vila, xa que iso está á espera do proxecto definitivo, que é o que agora se aprobou”.  Sobre os custes das obras, Enrique Álvarez, “isto é unha estrada da Deputación que será quen faga os traballos e ademais actuará sobre a estrada do concello para o que nos está pedindo os permisos do Concello para actuar sobre esa estrada e utilizala como solución momentánea, e poder poden pasar algúns días”.

Na rolda de prensa posterior á reunión o alcalde Álvarez declarou que os desmontes serán posibles, "mesmo sen ter que chegar á expropiación, por tanto agradecer aos veciños propietarios dos terreos que agora están receptivos ás obras". As obras serán realizadas pola Deputación coa colaboración das máquinas dunha empresa de lousa.

Sobre os apoios recibidos “a nós que nos apoiou sempre foi a xente, que neste caso é unha cousa conxunta entre o pobo de San Vicente de Leira, os veciños e veciñas de Petín, os veciños e veciñas da Rúa, os do Barco, o apoio social é o que estivo visible en todo momento”.

A solución demandada polo alcalde de Vilamartín de Valdeorras vai encamiñada a dotar dunhas infraestruturas dignas ao rural. “Non é de recibo que no século XXI ocorran estas cousas, porque San Vicente non é un sitio onde non haxa industria ou non haxa xente. Hai veciños, hai industrias que van vir, falamos de centos de postos de traballo, con proxectos sobre a mesa, hai futuro no rural”. Nese sentido Álvarez considera que “o que non poden facer as administracións é pecharse en non atendelo”  pero “polo menos hoxe mostrouse intención de solucionalo e espero que isto sexa para todos os concellos que teñan este tipo de dificultades”.

CONSULTA E ORZAMENTOS

Esta tarde haberá unha consulta cos veciños para saber se se continúan coas mobilizacións. O alcalde Álvarez di que está a disposición dos veciños. Transmitará todo o que leva desde a reunión coa Deputación. Posiblemente mañá empecen as obras de acondicionamento para emerxencias e as obras definitivas comezarán cando mellore a climatoloxía.

Sobre orzamento das obras, o proxecto que prevé a restauración completa da estrada custaría sobre 13 millóns de euros, pero na rolda de prensa, o alcalde Enrique Álvarez dixo que había empresas dispostas a facer elas o recheo para o firme. Se isto acontece, os orzamentos baixarían considerablemente.

Preguntado sobre as declaracións do presidente da Deputación, Manuel Baltar, nunha rolda de prensa anterior nas que aseguraba que sempre houbo unha canle aberta e que descoñecía o estado da estrada, Álvarez dixo que se esa canle estivo aberta 25 anos, de pouco lle serve que haxa comunicación se non se traduce en feitos.

Por outra banda, o alcalde de Vilamatín remarcou que o 90% do PIB do concello pasa pola estrada que agora se quere arranxar. E que o tramo cortado afectaba a unha empresa con cen postos de traballos directos. Outra cousa que chama a atención do alcalde é que se puxeran medidores de tráfico para coñecer a  intensidade de circulación e que con todo, non se teña feito ningún investimento ata o de agora.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta