Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/03/2018 | Actualizada ás 20:00
Dúas sentenzas da UE en moi pouco tempo e as dúas condenando procesos da xustiza española que poden poñer en aputros ao Executivo de Mariano Rajoy. “Un demócrata debe respectar as sentenzas”, dixo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pero pediu estudalas para coñecer a súa validez.
“Son dúas sentenzas concretas sobre dúas persoas concretas. Non vou facer unha valoración máis alá de respectar as sentenzas sobre unha cuestión concreta que afecta a dúas persoas concretas”, dixo. Referíase ao que dictaminou o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos nos últimos días condenando a España a indemnizar a dous etarras por malos tratos e a dous cataláns que queimaran fotos do Rei e foran condenados a 15 meses por inxurias á Coroa.
“Respectemos as sentenzas, as que gusten máis, as que gusten menos. Un demócrata debe respectar as sentenzas e, por suposto, eu respecto as sentenzas de calquera tribunal, afecten a quen afecten. Haberá que estudar eses casos concretos e porque o tribunal se manifesta nese sentido”, indicou ao ser pregutnado.
DOUS CASOS
O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) condenou hai uns días a España polos malos tratos infrinxidos durante o seu arresto e detención incomunicada aos dous membros de ETA que atentaron na T-4 do aeroporto de Madrid-Barallas, o 30 de decembro de 2006.
O fallo conclúe que España vulnerou a prohibición de tratos inhumanos ou degradantes no seu aspecto material (os malos tratos en si) e procesual (non investigalo), que recolle o Convenio Europeo de Dereitos Humanos. Catro dos sete xuíces da Sala Terceira votaron a favor de que o Estado indemnice aos dous demandantes, Igor Portu Juanenea e Martín Sarasola Yarzabal, con 30.000 e 20.000 euros, respectivamente, por danos morais.
Tamén o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos deu este martes a razón a Enric Stern e Jaume Roura, os dous mozos que en setembro do 2007 queimaron unha fotografía do Rei e foron condenados a 15 meses de cárcere por inxurias á Coroa. Segundo os xuíces de Estrasburgo, ao contrario do que sentenciou o Tribunal Constitucional español, o castigo vulnerou o seu dereito á liberdade de expresión e España terá que indemnizarlos con 7.200 euros a cada un.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.