Preséntase en Galicia 'Centristas'

A nova coalición está formada por Cidadáns, CCD e Vía Centrum. Defínese como unha "plataforma cívica" de centro progresista que aspira a presentarse ás municipais nas cidades galegas

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2018 | Actualizada ás 18:14

Comparte esta noticia

As formacións Cidadáns de Galicia, que non se corresponde con Cidadáns, Coalición de Centro Democrático (CCD) e Vía Centrum, escisión de Cidadáns, constituíron Centristas, unha "plataforma cívica de acción política aberta á cidadanía" que "busca rescatar as políticas do centro progresista para Galicia" de cara ás eleccións municipais e europeas.

José Antonio Bibián, David García, José Luís Méndez e Francisco Martín
José Antonio Bibián, David García, José Luís Méndez e Francisco Martín | Fonte: Europa Press

Nun acto de presentación celebrado este sábado en Santiago, o portavoz da coalición, José Luís Méndez, destacou a importancia de "volver unir aos distintos partidos políticos, asociacións e plataformas cidadás que representan este ideario" e que se "disgregaran ao longo dos anos perdendo forza ou véndose desvirtuadas as súas políticas".

Vía Centrum, formouse en 2016 logo  dunha escisión de Cs debido á polémica polas listas das xerais na repetición de eleccións, e Cidadáns de Galicia , formación fundada en 2006 e que non é o nome en galego do partido de Albert Rivera, xa asinaran un acordo para as pasadas eleccións galegas. Agora sumouse CCD, que ten as súas raíces na UCD.

José Luís Méndez explicou que se trata dun proxecto de ámbito nacional ao que se están sumando partidos con representación en institucións municipais e autonómicas, así como ex membros de PP, PSOE ou UPyD.

OPOSICIÓN AO NACIONALISMO

"En Galicia e en España bótase en falta un gran partido de centro progresista que defenda a igualdade e se enfronte contundentemente ao nacionalismo", manifestou, "xustamente agora que a esquerda está a venderse aos seus postulados". Desde Centristas non descartan a "integración de novas formacións de recoñecido prestixio", e avanzan que están a manter "reunións moi produtivas" con partidos e plataformas por toda España que coinciden na necesidade de unir todas as siglas nun mesmo proxecto.

"Non queremos ser unha alternativa máis, senón ser a alternativa política de centro progresista, social, democrática e reformista para o noso país; e por iso buscamos a unión de todos os que pensan igual e que a día de hoxe non se atopan representados por ningún partido político", afirmou a responsable de acción institucional, Carmen Rodríguez Sabín.

Recentemente sumáronse á coalición, mediante distintos acordos, outras formacións. É o caso do Grupo Independente Liberal de Andalucía (GIL), Unión de Cidadáns Independentes (UCIN), Unidos pola Independencia da Xustiza (UNIJUS) e o Instituto IDES. Centristas ten representación en Asturias, Galicia, Andalucía, Canarias, Castela A Mancha, Castela e León e a Comunidade Valenciana.

OBXECTIVO: PRESENTAR LISTAS NAS PRINCIPAIS CIDADES GALEGAS

O primeiro obxectivo que se fixou Centristas pasa por presentar listas nas principais cidades galegas nas próximas eleccións municipais de 2019. Desde a coalición indicaron que a unión de partidos xa lles permitiu "consolidar agrupacións locais en cidades como Ferrol, Lugo, Santiago, Ames, Cedeira, Pontevedra e Vigo". Ademais, están a traballar para consolidar a presenza da formación en Silleda, A Estrada, Lalín, Sanxenxo e O Grove, así como para chegar a outras cidades como Ourense e A Coruña.

Antonio Bibián, membro da directiva galega, apuntou que na actualidade xa están a manter reunións con distintas asociacións e organizacións para "escoitar as súas demandas" de cara a configurar os programas "municipais", aínda que continuarán "con este traballo durante os próximos meses".

PROPOSTAS

Entre as principais propostas de Centristas destácase a aposta por medidas para mellorar e asegurar a democracia interna dos partidos mediante primarias. Tamén, defenden eliminar o gasto político e as duplicidades e órganos superfluos que "provocan un gasto innecesario ás arcas públicas".

"Temos claro que debemos apostar pola colaboración municipal, as mancomunidades ou a fusión municipal segundo cada caso para mellorar os servizos e apostar pola eficiencia administrativa", subliña Méndez.

COALICIÓN

Vía Centrum Partido Democrático é un partido de ámbito nacional. Constituíuse en agosto de 2016 e ten como sede principal a localidade de Ames (A Coruña). Está presidido desde a súa constitución por José Luís Méndez. Presentouse ás eleccións autonómicas de Galicia en setembro de 2016, en coalición con Cidadáns de Galicia, por Pontevedra e A Coruña, con Jorge Álvarez como cabeza de lista. Obtivo 1.595 votos. Defínese como de ideoloxía socioliberal e avoga por unha política fiscal que corrixa o "exceso de gasto político" en España.

Cidadáns de Galicia (CIDEGA) fundouse en 2006, como formación de centro 'galeguista' pero non nacionalista. O seu presidente é José Antonio Bibián Somoza e conta con Manuel Iglesias Fuentes como secretario xeral. En 2007 presentouse ás eleccións municipais en varias localidades galegas e obtivo representación na Estrada (Pontevedra).

Finalmente, CCD foi fundado en 2010 por Lorenzo Olarte Cullén, un dos pais da UCD. É o actual presidente de honra da Coalición de Centro Democrático. Considérase o "único partido político herdeiro dos valores do centro e da Transición Española".Defínese como "un partido político de centro, liberal, democrático, reformista, social e progresista ao servizo dos cidadáns e que aposta pola rexeneración democrática". Actualmente está presidido por David García Pérez. Conta con máis de 50 concelleiros en concellos de Castela e León, Comunidade Valenciana, Canarias e Rexión de Murcia e ostenta a alcaldía en catro municipios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

4 unmais

Outro partido nacionalista español mais, cantos mais melhor asi polo menos non son os nacionalistas galegos e a esquerda os únicos que van desunidos

3 Alén

A casa da collona

2 Lobeira

"...se enfrente contundentemente al nacionalismo" A qual? Ao do PP e do PSOE? Ao nacionalismo-imperialista espanhol ou ao nacionalismo-de subsistência galego?

1 Centristas..

Centristas, bo eufemismo para Fascistas...

1 Centristas

Desculpen, lin mal o artigo e ese Cidadáns non se corresponde con Ciudadanos, retiro o comentario.