Unha mostra en Santiago retrata a faciana máis loitadora das mulleres saharauís

Lograron superar as divisións tribais para converterse en cidadás de pleno dereito, visibles, que loitan por que se escoiten as voces reprimidas no Sáhara Occidental.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/03/2018 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Hai máis de corenta anos, a muller saharauí nunca podería imaxinar a vertixinosa viaxe cara á emancipación, unha vez enrolada no barco da liberación nacional. Convertidas en depositarias involuntarias da responsabilidade da supervivencia do seu pobo, foron quen de construír unha nova estrutura social, facendo tomar consciencia ás xeracións futuras do seu dereito á igualdade.

Mulleres saharauís
Mulleres saharauís | Fonte: Fondo Galego

Cando as mulleres foron ao exilio en Alxeria non tiñan sequera conciencia de pertencer a unha nación; estaban arraigadas nas tradicións seculares e cada unha delas pertencía ao seu clan, á súa familia. Pero co tempo lograron superar as divisións tribais para converterse en cidadás de pleno dereito, visibles, que loitan por que se escoiten as voces reprimidas no Sáhara Occidental. 

Son rostros das mulleres da Unión Nacional de Mulleres Saharauís (UNMS), unha rama da Fronte Polisario nacida co obxecto de visibilizar a muller na sociedade á vez que loitaba polo dereito á autodeterminación. Algunhas destas mulleres –hoxe médicas, poetisas, mestras, xornalistas, enxeñeiras, artistas...– retratounas o artista e bibliotecario da Universidade de Rennes (Francia) Gaëtan Pelhâtre. 

A colección de retratos, a grafito e acuarela sobre papel, conforma a mostra ‘As asombrosas mulleres saharauís. Da tradición á emancipación’ que se inaugura este martes 20 ás 19.00 horas no Claustro Alto do Colexio de Fonseca nun acto que presidirá a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez.

A exposición, que permanecerá aberta ata 0 30 de abril, poderá visitarse de luns a venres de 9.00 a 21.00 horas. Colaboran na súa produción a Universidade de Rennes 2 e o Centro de Estudos sobre o Sáhara Occidental (CESO) creado en 2016 na USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta