Temas: BIBLIOTECAS

Galicia perde bibliotecas e milleiros de usuarios pero aumentan os fondos

Os socios baixan do millón e supoñe 11 puntos menos que a media española e lonxe de Cataluña

Por E.P. | Santiago | 28/03/2018 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

Galicia perdeu 11 bibliotecas desde as 497 coas que contaba en 2014 até as 486 de 2016. Nese espazo de tempo os usuarios baixaron en 34.061, segundo os datos que publica este mércores o Instituto Nacional de Estatística (INE). Así, Galicia conta co seu número máis baixo de bibliotecas en 20 anos, pois en 1996 había 480. A cifra tope foi no ano 2000 con 685 desde entón o número foi descendendo. O número de usuarios de bibliotecas en Galicia cae por baixo do millón. Son 989.122, mentres que dous anos antes a cifra ascendía a 1.023.183.

Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela
Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

Do total, 849.522 persoas con carné de biblioteca son adultos, mentres que 139.600 son menores. Así, o 36,5% da poboación galega é usuaria de bibliotecas, unha taxa 11 puntos por baixo da media española, 47,9%. Está lonxe de Cataluña, que está á cabeza cun 73%.

BAIXAN AS VISITAS A SALA E AUMENTAN Á WEB

As visitas ás páxinas web das bibliotecas aumentaron no ano 2016 fronte ás realizadas en sala. De media en España, cada habitante acudiu á páxina web dunha biblioteca 4,1 veces e á súa sala, 4,2 veces. As maiores taxas de visitas á web por habitante déronse en Castela e León, Galicia e Comunidade de Madrid .

No tocante ás visitas a sala de biblioteca tamén hai unha relevante caída de 1,7 millóns na Comunidade galega até rebaixarse a un global de 8,1 millóns. Aquí a taxa é de 3 visitas ao ano, unha menos que a media de 4,2 veces.

OS FONDOS INCREMÉNTANSE UN 20% EN GALICIA

Con todo, Galicia rexistrou unha alza de fondos do 20,2% en 2016, a segunda maior subida entre comunidades, só superada por Murcia. A cantidade de fondos existentes nas bibliotecas españolas no ano 2016 foi de 286,49 millóns de documentos, un 3,2% máis que en 2014

Un 87,2% das 486 bibliotecas existentes en Galicia contan con acceso a Internet, menos que o 91,6% da medida estatal, segundo os datos do INE. Pola súa banda, o 72,2% das bibliotecas ofrecen rede wifi aos seus usuarios en Galicia, tamén por baixo da media de 73,5%, mentres que a taxa galega daquelas que contan con catálogo dispoñible para ser consultado por Internet é igual á estatal, do 64,4%.

Temas: BIBLIOTECAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta