O atestado do incidente de Paula Quinteiro xa está no xulgado

"-Quinteiro- interpúxose entre o home, exhibindo un cartón parlamentario, tratando de impedir a identificación e dificultando en todo momento a intervención da Policía", recolle. Axentes tentaron localizar no seu domicilio ao mozo polo que tería intercedido a parlamentaria de En Marea co fin de interrogalo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/04/2018 | Actualizada ás 15:58

Comparte esta noticia

A Policía Nacional abriu dilixencias sobre o incidente no que, na madrugada do domingo 18 de marzo, se viu implicada a deputada de En Marea Paula Quinteiro, no marco dun control nocturno en Santiago despois dunha denuncia veciñal por vandalismo, e o atestado con toda a documentación recompilada sobre o caso foi remitido ao xulgado.

Paula Quinteiro, deputada de En Marea
Paula Quinteiro, deputada de En Marea | Fonte: Europa Press

Segundo o informe que a Policía Local realizou esa noite, Quinteiro formaba parte dun grupo de mozos que sobre as 1,20 horas da madrugada foi interceptado por axentes despois de que un veciño denunciase a rotura de varios espellos retrovisores dos coches estacionados nunha rúa próxima.

No marco deste control, produciuse unha disputa na que se viu envolta Quinteiro, quen chegou a esgrimir a súa condición de parlamentaria para, segundo a versión policial, "dificultar" a identificación dun dos mozos que a acompañaban. Ela rexeita esta visión e defendeu que tratou de mediar para acougar a situación.

Fontes policiais coñecedoras do caso, consultadas por Europa Press, ratificaron que, nos días inmediatamente posteriores ao suceso houbo máis actuacións, recompilouse toda a documentación sobre o caso e mesmo axentes policiais tentaron localizar ao mozo polo que tería intercedido a parlamentaria co fin de interrogalo e de que dese "a súa versión" dos feitos.

Este intento de localización, segundo as mesmas fontes, non tivo éxito, dado que o mozo non se achaba no seu domicilio. En todo caso, a Policía Nacional procedeu a reunir toda a documentación --que inclúe a denuncia veciñal por suposto vandalismo, as actuacións posteriores, o altercado cos axentes ante as "dificultades" para a identificación e unha listaxe de posibles testemuñas-- nun atestado que foi remitido ao xulgado compostelán correspondente.

Será o xulgado, en consecuencia, nunha conxuntura que agora mesmo está marcada pola paralización derivada da folga indefinida dos funcionarios xudiciais, o que decida a traxectoria que segue o caso.

RELATO POLICIAL E VERSIÓN DA DEPUTADA

O relato policial sinala que atopou a un grupo de 15 mozos, un deles con gorro verde --o que coincidía coa denuncia do veciño-- e outro cunha botella de cervexa que "mostraba actitude de tentar golpear diverso mobiliario e que chegou a gritar "Policía, fillos de puta".

Foi nese momento, cando tentaron identificar a unha das persoas que ían no grupo cando sucedeu a disputa. Segundo o relato policial, pediuse ao mozo que "se mostraba máis agresivo e que anteriormente insultara e fixera unha 'peineta'" aos axentes que se identificase e a deputada, que acudiu até o lugar "chamada" polo mozo "interpúxose entre o home, exhibindo un cartón parlamentario, tratando de impedir a identificación e dificultando en todo momento a intervención da Policía".

Con todo, Paula Quinteiro afirmou no seu día que un dos policías actuou "de forma desmedida e foi violento" e, mesmo, chegou a deixar no chan ao mozo. O atestado policial sinala, pola contra, que ante a resistencia a identificarse do novo, foi "conducido ao chan onde foi reducido", momento no que accedeu a entregar o DNI, que o identifica como Fernando B.R., e que tamén está vinculado co mesmo movemento político.

Quinteiro, cuxa situación derivou nunha crise interna de En Marea, manifestou de forma reiterada que a súa única intención foi a de "tratar de mediar" e que en ningún momento buscou "obstaculizar" actuación policial algunha. De feito, subliñou que lle pediu ao mozo que se identificase.

VILLARES PIDE QUE DIMITA

O incidente no que se viu envolta Quinteiro tivo consecuencias políticas. De feito, este mesmo luns, o portavoz parlamentario e orgánico de En Marea, Luís Villares, manifestou que cre que a deputada debe dimitir por "responsabilidade cos compromisos éticos" da formación rupturista. Antes ca el, o líder histórico do nacionalismo galego, Xosé Manuel Beiras, tamén pediu a súa dimisión.

Villares compareceu ante os medios despois de case dúas semanas de silencio desde que saltou á luz o caso da deputada --inscrita de Podemos e afín á corrente Anticapitalista--, a pesar da crise interna que abriu un cisma entre o órgano político de En Marea (o Consello das Mareas) e o grupo parlamentario, no que, á súa vez, tamén existen diferentes posturas sobre a asunción de responsabilidades de Quinteiro.

O maxistrado en excedencia remarcou que a súa petición é unha "opinión persoal" que desliga do seu papel como portavoz do grupo parlamentario. Deste xeito, argumentou que debe ser Quinteiro quen asuma "as responsabilidades" dos feitos nos que se viu involucrada e que, segundo Villares, supoñen "un uso indebido da súa condición de parlamentaria nun ámbito privado", o que vai en contra de "os valores" da formación rupturista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Doutor Ghu

O atestado está xa no xulgado en folga? Xa... Pois a esperar

2 O BNG da ilusión

O natural agora é que aqueles que marcharon volvan ao único proxecto sólido e plural que aglutina a mozos e maiores ilusionados coa Galiza do futuro. Só coa presidenta Ana Pontón podemos imaxinar unha Galiza millor

1 O que queda do BNG

Que mozos? Se a mocidade está a fuxir toda do BNG/UPG e só queda Zarzuelas cos catro vellos rancios de sempre.

1 Paula se fuerte

É certo que se marcha a ruturista entraría Hermida? Disto so nos pode salvar o mestre Beiras coa súa lucidez e coherencia. http://212.51.53.188/pdf/NAC-0043-0...