IMATXINA un xeito diferente de aprender matemáticas

A Fundación Escola Rosalía e Afundación, a Obra Social de ABANCA, organizan este evento educativo de referencia para a comunidade escolar galega no que participan máis de 3500 escolares de toda Galicia.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 02/04/2018 | Actualizada ás 20:49

Comparte esta noticia

As matemáticas non son tan difíciles, todos e todas podemos traballalas. Aí está o espírito co que se celebrará a XIV Edición de IMATXINA. Este é un encontro didáctico organizado pola Fundación Escola Rosalía e Afundación onde se difunde un modelo para aprender as matemáticas dunha maneria lúdica, manipulativa e participativa.

Centro Social de Afundación na Coruña
Centro Social de Afundación na Coruña

PARTICIPACIÓN
A Sede Afundación de Vigo acollerá entre os días 5 ao 20 de abril esta nova edición de IMATXINA. A participación que se espera é de máis de 3.500 nenas e nenos procedentes de 70 centros educativos de toda Galicia. Todos estes mozos e mozas participarán, con carácter gratuíto, nos distintos obradoiros que se desenvolverán no marco deste programa. Cada un dos obradoiros estará adaptado ás etapas educativas do estudantado, desde os 11 ata os 16 anos.

Entre os diferentes puntos que se tratarán nesta edición están aprender a traballar en equipo, valorar e respectar as opinións propias e alleas. Tamén fomentar a imaxinación e a creatividade, a curiosidade e o espírito crítico son os obxectivos principais de IMATXINA. Ademais, este programa busca sensibilizar a comunidade educativa e presentarlle como as matemáticas se poden ensinar e se poden aprender dun xeito divertido, dinámico e atractivo.

Os centros escolares poderán participar tamén no concurso Ligamats. Esta é unha liga entre equipos que terán que resolver problemas e actividades relacionadas cos contidos traballados nos talleres: espellos, xogos de estratexia, ilusións ópticas, pentaminós ou tangram. Os catro equipos finalistas da fase final galega de cada categoría serán premiados con material educativo. Os dous primeiros centros clasificados en cada categoría tamén recibirán un premio.

AFUNDACIÓN, A OBRA SOCIAL DE ABANCA

IMATXINA intégrase no proxecto educativo desenvolvido por Afundación, unha das tres liñas estratéxicas nas que traballa a entidade. A Obra Social de ABANCA potencia a educación a todos os niveis, desenvolvendo a través de IESIDE un modelo de educación superior baseado na excelencia, innovación e internacionalización. Isto tamén se estende á formación profesional e á educación infantil. Así mesmo, Afundación ofrece unha programación complementaria ao ensino regrado, na que participan anualmente máis de 120.000 nenos e nenas. Está deseñada como unha ferramenta de reforzo dos programas curriculares dos centros escolares. A proposta desenvólvese en tres ámbitos: cultura, os proxectos interxeracionais vinculados ao envellecemento activo e o programa de educación financeira de ABANCA e Afundación.

A FUNDACIÓN ESCOLA ROSALÍA
A Fundación Escola Rosalía é unha entidade sen ánimo de lucro nacida en Vigo en 2013 para promover o interese xeral por medio da educación en valores.  Búscase fomentar os valores democráticos do respecto, a cooperación, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade e os demais valores cívicos establecidos nas bases pedagóxicas impulsadas pola súa presidenta de honra, Tita Cal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta