Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/04/2018 | Actualizada ás 12:04
Galicia Confidencial inaugura “Verbas sisudas non queren testemuñas”, unha nova sección de fraseoloxía galega da man do lingüista Xosé Antonio Pena, autor de varios manuais sobre a materia.
O obxectivo desta nova sección é fornecer da forma correcta aquela fraseoloxía ou paremioloxía castelá que á hora de nos expresarmos en galego adoitamos calcar ou reproducir e que non é propia da nosa lingua. Esta sección tamén recollerá aquelas expresións enxebres que están a ser substituídas polas correspondentes castelás (p. ex., “ti o perdes & el o perde & ...” no canto de “é o que perdes & é o que perde & ...”) ou polas que cadran co castelán (p. ex., “eu de ti” está a ocupar un maior espectro de uso a nivel xeral, na medida en que lle está a comer cada vez máis terreo a “[eu] de min a ti”).
Agardamos que vos resulte interesante e que lle poidades tirar rendemento. Nesta primeira entrega veremos con que expresións conta o galego equivalentes á castelá Quien fue a Sevilla perdió su silla.
Xosé Antonio Pena
Esta sección será realizada por Xosé Antonio Pena. Nacido en Carreira (Santa Uxía de Ribeira) en 1969, Pena é licenciado en filoloxía galego-portuguesa pola USC no ano 1992. Traballou no Instituto da Lingua Galega e no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Foi corrector de textos e estilo nas editoriais Ir Indo (1994-1995) e Edicións do Cumio (1999-2002) e é titulado superior lingüista da Xunta de Galicia, adscrito á Administración de xustiza, desde 2002.
Entre a súa obra publicada está o Dicionario fraseolóxico bilingüe castelán-galego (Meubook, 2011), Diccionario Cumio de expresións e frases feitas castelán-galego (Edicións do Cumio, 2002). Tamén foi director e redactor do Gran Dicionario Cumio da Lingua Galega (Edicións do Cumio, 2004) e redactor nos cerca de vinte dicionarios da colección editada por Edicións do Cumio entre os anos 2000 e 2004. É coautor do Léxico da construcción editado no ano 2001 pola Asociación Provincial de Empresas da Construcción de Pontevedra e Fundación Instituto Tecnológico de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.