Por Galicia Confidencial | Santiago | 03/04/2018 | Actualizada ás 18:52
O rascuño para a revisión do plan forestal de Galicia de 1992 presenta un incremento de 25.000 hectáreas de aquí a 20 anos, algo máis do 8% da actual superficie. O total serían 332.984 hectáreas, o 16,5% do monte galego. Estes son algúns datos que mostrou o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto. Fíxoo este martes na comisión de estudo sobre os incendios, onde copareceu para expor aos grupos o que se avanzou ata o momento nesta revisión. Fernández-Couto compareceu aínda que non estaba previsto no plan de traballos.
Seguindo as pautas elaboradas con representantes do sector da madeira, a acutalización do plan quere un crecemento da superficie arborada. Ademais, pretende un ascenso da produtividade, segundo explicou o diretor xeral. Búscase un modelo que tamén incremente o piñeiral, superando o medio millón de hectáreas, o que sería un 26% da superficie forestal. Os bosques mixtos, con piñeiro, eucalipto e frondosas, que son algo máis de 250 mil hectáreas, deberán diminuir a menos de 200.000 hectáreas, un 9% da superficie total con árbores.
A revisión do plan forestal apuntaría tamén a un aumento da masa de árbores caducifolias, sobrepasando as 400.000 hectáreas, case o 20% do monte. Outro aumento proposto pola revisión forestal sería o dos castiñeiros que en 20 anos poderían ser o 3,5% da superficie forestal. Para o monte baixo, xesteiras e pasto o plano quere baixalos a menos de 500.000 hectáreas, aínda non o 25% do monte
PRODUCIÓN DE MADEIRA
En xeral, Fernández-Couto indicou que os 2.030.000 hectáreas forestais galegas quedarían repartidas en 1.5 millóns de hectáreas con árbores e medio millón de hectáreas con monte baixo. As árbores repartiríanse cun 34,5% piñeiro, 21,7% eucalipto, o 13% masas mixtas, o 26,15% caducifolias e os castiñeiros serían o 4.6%, "para froito".
Case un millón de hectáreas están destinadas para producir madeira. O plan actualizado buscaría superar o millón de hectáreas, con 472.000 hectáreas para a produción sostible multifuncional "con alto valor ambiental"
AUMENTO DO 1% ANUAL DOS ORZAMENTOS
"Nós entendemos que é un reparto equilibrado do territorio", destacou o director xeral. Durante a intervención de Fernández-Couto concretou que "despios haberá que especificar" as medidas "en cada un dos 19 plans de ordenación dos recursos forestais de distrito". Sobre a previsión económica, o director xeral apuntou "un incremento dun 1% anual nos orzamentos para actuacións, liñas de formento en materia forestal e de prevención de incendios forestais, cun esforzo a manter durante os vindeiros 25 anos".
Algunhas das actuacións "paradigmáticas" que enumerou Fernández-Couto son a transformación do espazo forestal mediante repoboación e actuacións silvícolas. Isto afectaría a 125.000 hectáreas de reforestación e 50.000 para tratamento silvícola. Tamén se redactar´´ian manuais con diretrices e criterios de actuación en espazos forestais protexidos. Tamén "se contempla o fomento dun escenario propicio para a implantación progresiva dun seguro forestal que permita asegurar os montes fronte os incendios"
O EUCALIPTO, "PERIGOSO"
O deputado do BNG Xosé Luis Rivas, "Mini" avisou ao director xeral que "para darlle credibilidade" ao plan, "coas valoracións que sexan oportunas" nos trámites de participación que aínda afronta, "sería ben analizar un pocuo por riba o cumprimento do plan do 92". Rivas apuntou o descenso de coníferas e que o eucalipto é "perigoso" pois "onde hai un incendio bota sementes" e "despraza paulatinamente" as primeiras e tamén as caducifolias.
O deputado do BNG ve que diante dunha "tremenda desviación" do modelo, alertou ao representante da Xunta que "debaixo dun eucaliptal non hai vida" e, se aínda que admite que manteñen as hectáreas para a industria que reclama esta especie, pediu que non se incrementen.
"NECESITA UNHA MELLORA SUSTANCIOSA"
O portavoz do PSdeG, Fernández Leiceaga, ve tamén a revisión do plan coma "un obxecto envolvido nun papel brillante de regalo e ben adornado". "Se sacamos o envoltorio, o que queda é atractivo pero precisa dunha mellora sustanciosa, debe haber máis consenso, atención á evolución do mercado, consenso político tamén e cuestións concretas de compatibilidade da triple dimensión da verdade", destacou o socialistas, quen apostou por facerl un plan "máis territorial e ambiental". No seu discurso, Leiceaga considerou que o documento da Xunta é "un subproduto da acción produtiva" e lamentou que o ambiental estea "subordinado" ao produtivo.
Tamén en opinión de Leiceaga, o documento "móvese nunha certa néboa en relación co punto de partida", pola diagnose feita desde que se aprobara o primeiro plan. "Por tanto, non podemos dicir que sexa un instrumento rigoroso".
"PROTEXER O BOSQUE AUTÓCTONO"
O deputado de En Marea, Davide Rodríguez, reclamou que estea "máis delimitado por oinde vai ir cada cousa". Diante da proliferación de eucalipto en Galicia, en concreto, pediu "garantir que non aumente a área ocupada" por esta especie. Rodríguez tamén valorou que aumente a superficie de pasto e castiñeiro. Mais tivo en conta que "non se ve que exista unha verdadeira intención de crear un monte produtivo con aproveitamento de todo o conglomerado". Así, e a pesar das "boas vontades", esixiu outras cuesións como a "urxente aprobación de medidas para protexer o bosque autóctono".
"CONXELACIÓN DO EUCALIPTO"
Os tres portavoces da oposición referíronse ao eucalipto nitens, especie que tería "estimadas" 40.000 hectáreas, segundo o deputado popular José González, e que non "parará de aumentar ata as 65.000". Pero para o parlamentario do PP, este plan "está decretando de facto a conxelación das plantacións de eucalipto", por tanto a Xunta esta acoutando esta especie. "Pensa que hai esa demanda social, de reducir a superficie plantada con eucalipto na Mariña?" preguntou González a un dos portavoces da oposición.
Xosé González asegurou que "a cuestión dos incendios" na comunidade "non é tanto o tipo de árbore comoa a falta de xesión forestal e o bosque baixo", pois o que "arde é fundamentalmente monte baixo". Nese punto, interpretou que a revisón do plan é "un bo documento de partida" e mostrouse "aberto para traballalo" e así "consensuar o modelo" do monte galego para os vindeiros 20 anos.
"A MAN TENDIDA"
Pechando xa a sesión, Tomás Fernández-Couto mostrou "a man tendida para recibir aportacións" e dixo ter "todo o interese do mundo en buscar consenso". "Porque se non conseguimos un plan forestal co que todo o mundo estea de acordo, non vai ser estable":
Pola súa banda, apuntou que non "demoniza" o eucalipto e que, de feito, "sempre" o defendeu, o mesmo que a produción de madeira en xeral. "Pero de maneira equilibrada".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.