Temas: VILALBA QUEIXO

Vilalba exalta o seu prezado queixo de San Simón

Esta fin de semana terá lugar a XXIV edición da Festa do Queixo de San Simón da Costa coa presenza da gañadora de MasterChef Junior 5 a chef María Varela e o chef Yayo Daporta. O pregoeiro será o tamén chef, Jorge Gago.

Por X.M. Fernández | Vilalba | 06/04/2018 | Actualizada ás 10:25

Comparte esta noticia

O concello de Vilalba pode presumir de queixos por cantidade, variedade e calidade pero un dos máis coñecidos é o de San Simón da Costa, un queixo de vaca afumado e con forma de punta de bala.

Yayo Daporta. Foto: Grupo Nove
Yayo Daporta. Foto: Grupo Nove

Esta variedade está ano tras ano superando as expectativas do ano anterior e así nolo traslada o secretario do Consello Regulador da D.O., Ángel Ramil. Segundo nos indica, no ano 2016 certificáronse 495.206 unidades e no 2017 a cantidade chegou a 515.998. E se falamos de exportacións, os quilos de queixo enviados ao exterior aumentaron nun 25 %; no 2016 exportáronse 39.654 quilos e no 2017 uns 49.706.

Os números falan por si sos pero tamén os premios acadados, que son moitos estes últimos anos. Por destacar un recente, o da queixería Don Crisanto que acadou no 2017 o premio de “Primeiro queixo de España” e non só por ser o primeiro na súa categoría se non por ser recoñecido como o mellor queixo de todas as categorías, o mellor dos mellores para entendernos.

Actualmente hai dez queixerías na D.O. e a nivel internacional os países que máis consumen San Simón son actualmente EE.UU.. Dinamarca e Australia.

Na Festa do Queixo de San Simón da Costa desta fin de semana estarán presentes oito das queixerías na Praza da Constitución de Vilalba, sábado 7 con horario de 11.00 a 21.00 h. e domingo 8 de 10.00 a 15.00 h. Na xornada do sábado destaca o obradoiro de cociña infantil a cargo de Esther, gañadora de MasterChef Junior 5 ás 16.30 h. e o pregón de Jorge Gago, premio “Cociñeiro Novo 2017”, ás 19.00 h.

Recinto feiral. Foto: D.O. San Simón da costa.
Recinto feiral. Foto: D.O. San Simón da costa.

Para o domingo quedan os showcookings da chef María Varela ás 12.00 h. e do chef Yayo Daporta ás 13.30 h. Daporta empezou nas cociñas no 2003 e facendo prácticas no restaurante de Pepe Solla chegoulle a vocación. No 2007 abriu o seu propio restaurante en Cambados acadando neste mesmo ano a súa primeira Estrela Michelín e no 2014 formou parte do xurado de “Top Chef” con Alberto Chicote e Susi Díaz. Confesa que coñece o queixo de San Simón dende os seus comezos e que o emprega moito para cremas e guarnicións. Para o domingo ten pensado preparar “esferas de queixo de San Simón” e “ñoquis”.

Temas: VILALBA QUEIXO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta